martes, 18 de abril de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (20) "Versos para conversar", de Xoán Carlos Domínguez Alberte





TÍTULO:  Versos para conversar.


AUTOR: Xoán Carlos Domínguez Alberte.



ILUSTRACIÓNS: Pablo Rosendo


EDITORIAL: Galaxia. COLECCIÓN: Árbore.




O escritor e profesor ourensán Xoán C.Domínguez Alberte da man da editorial Galaxia, achégalles aos lectores máis novos este fermoso poemario onde se reivindica a palabra poética cantada ou dita en voz baixa, pero sempre cargada de emocións e sentimentos.

     Versos para conversar é un poemario composto por vinte e catro poemas distribuídos ao longo dos cinco apartados nos que se estrutura o libro e nos que o lector atopará as ventás polas que poder percorrer tanto a natureza humana coma a animal ou vexetal: Amizades, Voces, Brinquedos, A lúa e a nena, Soños.

Xoán Carlos Domínguez Alberte
     
     A través da súa esencia lúdica os lectores descubrirán a importancia das palabras para nomear o que gusta e o que non, para coñecer e recoñecer o mundo real e o dos soños. As  frecuentes aliteracións xunto cos paralelismos e as onomatopeas afondan no carácter de xogo á vez que dotan os poemas dun ritmo e musicalidade que convidan a ser cantados. Aínda que a reminiscencia da tradición oral está presente en moitos deles destaca sobre todo na canción de berce  Durme e repousa, na adiviña e nos trabalinguas. En definitiva, versos para conversar, xogar, pensar e soñar.
     As  expresivas e azuladas ilustracións de Pablo Rosendo están en sintonía co ton textual, dándolles vida aos diferentes personaxes do poemario.



                   
Asinando, despois da presentación do libro
                                                                                      


                                                                                                                    ALBA  PIÑEIRO