domingo, 5 de junio de 2016

DARDO POÉTICO (XXXIV) : MANUEL MARÍA, O ESCRITOR QUE SE COMPROMETEU DE CHEO COA NOSA FALA





Cando un sábado do mes de maio baixabamos  pola rúa Urzáiz de Vigo  Juan Carlos Martín Ramos, Lurdes López e mais eu, despois de recitar poemas de Manuel María no Mercado do Calvario, fixo o meu amigo poeta esta reflexión en voz alta: “Paréceme incrible que haxa de facer aínda actos coma este para defender unha lingua propia”. Chegoume ben fondo o comentario. E comecei a falarlle dos múltiples atrancos nos que aínda atopa o galego no día a día en Galicia.
     
     Comenteille, unha vez máis, a situación  que o noso idioma está a vivir e o menosprezo que aínda sofre nesta sociedade sen rumbo.
    
Un momento do acto celebrado no Mercado do Calvario en Vigo
     Notei que lle daba mágoa o que lle estaba a dicir. Conversas que, por certo, xa tiveramos  noutras  ocasións.
     
     Viñamos dun acto da Plataforma “Queremos galego” que nos convocaba a dicir poemas do noso poeta chairego no mercado nun día chuvioso.
     No acto lemos libremente versos de Manuel María, individual e colectivamente. Cantamos e rematamos coa canción de Fuxan os Ventos, “O meu carro”.
 
Juan Carlos Martín Ramos le a Manuel María
     
     E Juan Carlos Martín Ramos recitou en galego cun agarimo emocionante. Co seu acento cordobés foi dicindo os versos do poema “A palabra”, contido no poemario A luz resucitada:


Nós, de verdade, únicamente temos
a palabra. Só a palabra verdadeira
pode traducir a pecha
e insondábel soidade do noso ser.
Só a nosa palabra. A propia.
A que pertence á nosa lingua.
A que amamos. A que se usa,
coñece e recoñece a nosa xente.
Sen a palabra sería a pobreza,
a miseria total, a impotencia,
a escuridade eo non ser (…)

     
     E así foi lendo o meu amigo entre a emoción dos que alí estabamos reivindicando a presenza da nosa lingua na normalidade cotiá.

     Manuel María deixa ben clara, ao longo da súa extensa obra, a firme decisión de comprometerse co uso do idioma do país. É algo que podemos comprobar nos seus poemarios. Neles fai unha apaixonada defensa da lingua galega, algo que se converteu nun tema  habitual nos seus escritos.

     

     
     Como di  Xosé Ramón Freixeiro Mato na introdución ao libro A esencia máis nosa. Poemas sobre a Lingua Galega, editado pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos, 2015“é un tema recorente ( a defensa do noso idioma ) unas veces como motivo central dun poema e outras como referencia colateral. Sería moi difícil acharmos outro poeta que dedicase tantos versos á exaltación do idioma galego, tema tamén moi presente noutros xéneros cultivados polo autor”.
    
     Nesta introducción, Ferreiro Mato refire unas liñas contidas nun libro de conversas de Manuel María con Xosé M. del Caño, de 1990. Como podemos comprobar ao lelas, o poeta da Terra Chá ratifica o seu radical compromiso co galego:

As primeiras verbas que pronunciei na miña vida foron
galegas, e o primeiro idioma que aprendín tamén foi o galego,
por iso é que eu podería renunciar a todo, incluso a un brazo,
a unha perna ou a un ollo, pero non ó idioma.

     
     Coido que non paga a pena insistir máis en todo isto. Clara queda a postura de Manuel María. Unha actitude que nos debería facer pensar. Que debería pousar no interior das galegas e galegos , os que o noso autor quería tanto.
     
     


     Rematamos "dardo poético"  cun poema nesta dirección. Uns versos que se atopan no poemario de 1993,  Os lonxes do solpor, e que di así:


O pobo que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é únicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.
Ese pobo vil
ollará aniquilada a súa lembranza
e o seu nome indigno
borrarase, sen máis, do universo:
hai agresiós á beleza e ao espírito
que a vida non tolera nin perdoa.

    
     Tomemos nota das sabias palabras do poeta, porque debemos ser conscientes de que aínda queda bastante xente que non se decata –ou non quere decatarse- destas cousas.

     
     Unha verdadeira pena.