sábado, 2 de enero de 2016

" O EFECTO TRANSFORMADOR DA LECTURA" : NOVO ARTIGO DE PEDRO CERRILLO PARA "VERSOS E ALOUMIÑOS".


Pedro Cerrillo
De novo, no noso blog-revista, a palabra reflexiva, a palabra sabia dunha persoa que non debemos perder de vista.
     Sempre hai que ter preto de nós a Pedro C. Cerrillo Torremocha, porque nos axuda a comprender o valor da palabra escrita, da palabra oral. Sempre nos axuda a reflexionar sobre as consecuencias do hábito lector, ese acto íntimo que nos produce un inmenso pracer a todos os que temos a literatura como un hábito vital.
     Sobre o efecto transformador da lectura e sobre a censura e a súa irracionalidade  vai este texto que, unha vez máis, nos permitiu reproducir o catedrático da UCLM. Desta volta coa magnífica tradución da profesora Alba Piñeiro Estévez.


     Versos e aloumiños  séntese moi honrado de ofrecer aos seus lectores e lectoras unas liñas cheas de claridade e acerto.



    O efecto transformador da lectura

                                                            PEDRO C. CERRILLO TORREMOCHA


Nalgún lugar  xa teño escrito que a lectura non pode cambiar o mundo, pero si as persoas, e estas, coas súas accións e intervencións, poden axudar a facer un mundo mellor, máis solidario, máis libre, máis crítico e máis xusto. Se a lectura non tivese esa capacidade transformadora que pode provocar nos lectores emocións, reaccións ou respostas endexamais vividas antes, os ditadores non a verían coma un perigo e coma unha ameaza para os seus poderes autárquicos.
 
O ditador xeneral Videla
     A historia da humanidade está chea de momentos nos que libros e mais lectores foron censurados e perseguidos, encarcerados e asasinados; nuns casos, dende posicións institucionais de forza (a Inquisición, tanto en España coma en América, as ditaduras  de Videla en Arxentina, de Pinochet en Chile ou de Salazar en Portugal; que dicir de Franco na España do 39 ao 75 do século pasado!, diversas igrexas,…);noutros casos, as censuras e persecucións producíronse contra escritores ou libros concretos:
Salman Rushdie, Roberto Cotroneo, Orhan Pamuk,…
     
Orhan Pamuk
     Aínda hoxe son visibles na rede auténticas listas de libros prohibidos para os que son membros  dalgunhas "grupo-seitas", listas que funcionan coma guías lectoras marcadas en vermello que eviten "contaminacións" indesexadas: por iso, non poden ler a Sartre, a Camus, a Nietzche, a García Márquez ou a… Quevedo!
     Que desperdicio intelectual!

     Os que prohiben determinadas lecturas están provocando no lector intelixente o inmediato desexo de acceder ao libro prohibido. E, en calquera caso, os que deciden tal ou cal prohibición probablemente non teñan lido o libro prohibido; e, se o fixeron , dende logo non o entenderon. A estulticia do censor non ten límites, porque prohibir ler é como poñerlle  cancelas ao campo, xa que a lectura é un acto individual, que pertence á esfera do privado; é coma se quen quere prohibir decidise prohibir amar, ou soñar… é imposible! A quen le, ama ou soña, poden perseguilo, represalialo, condenalo, pero non poden evitar que siga lendo (aínda que só sexa na súa memoria), amando (aínda que só sexa no seu recordo), ou soñando (aínda que só sexa na súa imaxinación, mesmo en estado de vixilia).
Gabriel García Márquez
     A capacidade transformadora da literatura (na que muíños de vento poden ser vistos coma xigantes ou unha sinxela cabaza converterse na máis fascinante carroza) é a incontestable razón pola que nada nin ninguén evitarán que lectores e libros teñan longa vida, tanta coma longa é a súa historia pasada.