jueves, 29 de enero de 2015

BOB DYLAN CANTA A FRANK SINATRA EN "SHADOWS IN THE NIGHT".



BOB DYLAN

      Sei que lle van caer paus por todos os lados.
      
     Que lle van recordar o Self portrait.
     Que van dicir que, despois de Love and theft  e Tempest, a Dylan se lle foi a cabeza de novo.
     Que se xa secou. Que lle faltan ideas para compoñer. Que se plaxios,  metaliteratura, vaivéns musicais e demais.
      
     Seino moi ben. Ao tempo.
      

     Non me cabe ningunha dúbida de que vai ser así, pero eu alégrome de que apareza Shadows in the night, un disco sobre cancións cantadas por Frank Sinatra (non as coñecidas, xaora) cun grupo de cinco músicos e non cunha orquestra de corenta instrumentistas.
     

      Bob Dylan, despois de toda unha traxectoria envexable, pode facer o que lle veña en gana. Non ten nada que demostrar. Os seus millóns de admiradores e detractores opinarán del libremente, faltaría máis.
      
     Dylan é imprevisible. Dylan é algo revirado. Dylan enfeitiza. Dylan irrita.
      
     A Dylan encántalle rachar moldes. Aparecer onde non se o espera e non acudir cando a súa presenza, física ou artística, semella fixa.
      
Malia todo, odio esta imaxe.


     Escandaliza cando cede a súa imaxe e as cancións para anuncios de roupa interior ou automóbiles de alta gama. Cando canta diante do Papa, cando asume múltiples conversións relixiosas, cando actúa nunha película ou cando pasea por cidades nas que actúa e vai agochado cunha sueira, carapucha incluída.E, mesmo, cando Benedicto XVI renegou del.
      
     Dylan creou un personaxe para defenderse das convencións. Para agochar a súa verdadeira personalidade nunha máscara. Para protexerse das innumerables espreitas padecidas. E fixo ben.


     A Dylan hai que tomalo como o que é: a figura máis grande da música en exercicio. O máis influente. E iso leva a comprender certas canles polas que transita. Non tes que estar de acordo co que fai. Non tes que aplaudir as súas decisións. Unicamente tes que respectalas, criticalas, dende logo, e aceptalas por viren de quen veñen.Non son caprichos, diso estou seguro, pero alguén cunha bagaxe tan impresionante nas súas costas, ten dereito a vivir experiencias musicais e persoais diferentes.
      
     Son máis de cincuenta anos de carreira artística (e literaria) marcando liñas. Un espello para unha chea de artistas de primeiro nivel, que non dubidan en recoñecer a súa pegada músico-literaria neles e a influencia do xenio de Duluth nas súas respectivas obras. Iso non está ao alcance de todos.

      
Frank Sinatra

     Alégrame que apareza Shadows in the night (3 de febreiro). Deste disco afirma Bob Dylan, nun comunicado, que “ foi un privilexio facer este álbum. Durante ben tempo quixen facer algo coma isto pero non tiven valor de achegarme a uns arranxos complicados para trinta instrumentos e adaptalos para unha banda de cinco instrumentistas. Esa é a clave de todas estas interpretacións. Coñecía moi ben todas as cancións. Fixemos a gravación en directo. Quizais unha ou dúas tomas. Sen ´overdubs´. Sen cabinas onde gravar a voz. Sen auriculares. Sen separación de pìstas. Fíxose a mestura mentres gravabamos”.

     Ao se referir ás cancións o propio Dylan aclara que non se ve versionándoas porque xa foron moi versionadas, soterradas practicamente, e explica que “o que a miña banda e mais eu facemos é descubrilas, sacalas da tumba e traelas á luz do día”.


     Paréceme un proxecto interesante. Frank Sinatra é un dos artistas máis significativos do século XX. Un descoñecido para a maioría, que só queda nas súas posibles relacións coa mafia, coa súa fermosa voz e coas interpretacións de “My way” ou “Strangers in the night”. Moitos descoñecen os seus magníficos discos de jazz, nos que cantou cos máis grandes instrumentistas do xénero. E, agora, Bob Dylan descobre algúns temas interpretados polo crooner por excelencia e dá unha volta máis no seu repertorio musical incluíndoos nun disco.  Para min, un verdadeiro pracer. Escoitei xa dúas das dez cancións: “Full Moon & Empty Arms” e “Stay With Me”. Gustáronme. É outro Dylan. Aplaudo a iniciativa dylaniana. Un xiro puntual, un descanso no seu labor compositivo, un reto encantador.

    
Bruce, Frank e Bob.
       Unha vez máis, dispóñome a gozar das “loucuras” marabillosas dun home libre e valente no artístico e a quen lle gusta confundir no persoal. Se non fose dese xeito non sería Bob Dylan.
      
      Un xenio, vaia.

                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO