lunes, 24 de julio de 2023

PRESENTACIÓN DE 'SE FALASES DE MIN' EN BUEU



O pasado xoves, día 15 de xuño, tivo lugar a presentación en Bueu do 

libro Se falases de min, publicado pola Editorial Elvira.

     É este un libro especial para min pois conta coa participación de amigos moi especiais como Paco Ibáñez, Jordi Sierra i Fabra, Xulio García Rivas e Alberto e Andrés Cunha.

     A cargo destes dous músicos extraordinarios correu a parte musical do acto, que foi presentado polo editor Xabier Romero.

     


     Versos e aloumiños ofrece as miñas palabras sobre a xestación do volume, as cancións dos irmáns Cunha, algún recitado e breves palabras do editor. Por un erro técnico perdeuse unha parte da intervención deste e a fermosísima canción que os músicos interpretaron: Cantares, de Joan Manuel Serrat/ Antonio Machado.

      

Os irmáns Cunha durante o acto

     Quede, pois, aquí o testemuño dun acto precioso que tivo ao 

incansable Fernando Miranda como promotor do mesmo. 



 







jueves, 6 de julio de 2023

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA FILBO 2023 EN BOGOTÁ: "Escribir poesía para nenos e nenas: un recoñecemento á ollada perdida da infancia"

 



Como xa escribín anteriormente, a miña participación na Feria del   

Libro de Bogotá (FILbo) 2023 foi unha nova experiencia, marabillosa, 

na miña estreita relación cos países de Latinoamérica.

     Tras o acto o martes 25 de abril no centro de día, entre persoas maiores, tenras e vivas, que me emocionou, viñeron as dúas conversas no recinto ferial.

     


A primeira delas tivo lugar o mércores 26 de abril no Gran Salón 

Raíces D da Feira.

O tema: “Escribir poesía para nenos e nenas: un recoñecemento á ollada sorprendida da infancia”.

     O acto foi moderado por Laura Acero, escritora e promotora de lectura. Compartín palestra con Beatriz Helena Robledo (Colombia), narradora, poeta e antóloga, que tamén investiga o que significa escribir poesía para a nenez. Resultou moi enriquecedor.

     O acto tivo calidez, foi retransmitido por televisión,  e Versos e aloumiños ofrece embaixo un audio que contén o que alí se falou sobre o tema.

     Un documento interesante que agardamos agrade aos nosos seguidores e seguidoras.

 




jueves, 22 de junio de 2023

PACO IBÁÑEZ E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO AUDITORIO MAR DE VIGO

 


Para non ser repetitivo, non vou falar máis do memorable concerto de Paco Ibáñez no Auditorio Mar de Vigo.

Nin tampouco da emoción que eu sinto cando o escoito interpretar as cancións baseadas nos meus poemas.

      Pero Versos e aloumiños ten a obriga de gardar momentos sonoros coma estes, que se poden escoitar co paso do tempo.

       Velaquí, no vídeo, dous momentos emocionantes para min con Paco no escenario.

Un deles, cantando eu a canción Pomba, na que o mestre me deixou só, a capela, con Paco facéndome unha segunda voz. Esqueceu de tocar a guitarra, moi pendente da letra.

No outro, a interpretación musical do poema Que ocorre na terra?, tan paseado polos escenarios de medio mundo en galego.

      Para que poidan ser desfrutados polos seguidores e seguidoras deste blog-revista, aquí quedan rexistrados nun vídeo excepcional.

Sede, iso si, comprensivos coa miña interpretación porque eu non sei cantar; porén, quen lle di que non ao mestre?







* Grazas a Helena Pérez polo envío de ambos os dous vídeos.

lunes, 12 de junio de 2023

DE NOVO, PACO IBÁÑEZ CANTA EN VIGO E ENCHE DE EMOCIÓN O AUDITORIO DO MAR.

 

Paco Ibáñez durante o concerto, acompañado de Mario Mas (Foto de Susi Fernández)



De novo, Paco Ibáñez en Vigo. De novo volveu emocionar a tantos fieis seguidores que non o abandonamos nunca, porque forma parte das nosas vidas.

Próximo, crítico (ai, a teima do inglés!), irónico, agarimoso e ocorrente.

Feliz de sentir o cariño do público. Cheo de anécdotas, fixo rir á xente, animounos a cantar e encheu de emoción as butacas do Auditorio do Mar.

       Dezasete cancións interpretou neste concerto (tres delas en galego: Pomba, Que ocorre na terra? e a canción sobre o poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, co título de Chove). Dúas máis en éuscaro, acompañado polo excelente acordeonista vasco, Joxan Goikoetxea.


Antonio García Teijeiro lendo a Oroza. (Foto de María Luisa Abad)
     

Brillou ao seu lado, coma sempre, o extraordinario guitarrista Mario Mas, man dereita do trobador, que fixo as delicias da concorrencia pola súa mestría e o seu agarimo polo artista.

       Despois, repasou moitos dos seus clásicos e puidemos gozar con Lorca, Machado, O Arcipreste de Hita, Quevedo, José Agustín Goytisolo ou Rafael Alberti entre outros.

       Por certo, especialmente emotiva foi a canción final deste último, A galopar, co público cantando entregado e eu compartindo con Paco e os músicos o escenario para poñer punto final a un memorable concerto.

       

Compartindo escenario con Paco Ibáñez (Foto de Anxo Cabada)


     A actuación de Paco Ibáñez en Vigo celebrouse grazas  ao empeño da Asociación Évame -Oroza e, en especial, do seu presidente Xabier Romero.

 

       Houbo un acto previo de homenaxe a Carlos Oroza, un dos grandes poetas orais da poesía española, no centenario do seu nacemento, coa proxección dun vídeo e a lectura dalgún dos seus poemas máis significativos e un a elo dedicado pola miña parte.

 

Todos galopando (foto de Susi Fernández)

       Ninguén saíu defraudado do Auditorio. A calidade humana e artística de Paco Ibáñez brillou, unha vez máis, moi preto do mar vigués.

 


martes, 30 de mayo de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (9) "Miño", un segundo libro que recolle nova antoloxía do relato galego.

 


                       SOBRE  “MIÑO”(Antoloxía do relato galego actual).

                                                                                            Antonio García Teijeiro


Hai proxectos que se converten en esenciais no mesmo intre de ser pensados. E son esenciais polo valor que lle proporciona á cultura dun pobo. Son proxectos abertos, cheos de contido, que salientan -como ao que me vou referir-  a identidade cultural e, neste caso, a identidade e a puxanza da literatura escrita en galego.

     Miño é o segundo volume (o anterior foi Fisterra), que xorde dunha iniciativa da asociación Amigos do Libro Galego/Artes e Letras, coordinada con moito criterio polo xornalista Xosé Manuel del Caño e editada nesta ocasión por Edicións Xerais.

     En Miño recóllense 38 relatos de escritoras e escritores de Galicia nunha mostra fundamental para coñecer a auténtica realidade da narrativa actual na nosa lingua e, en particular, do relato curto.

     Cun limiar e un epílogo escritos por Rexina Vega e Antón Riveiro Coello, dun interese excepcional, Miño é unha voz que fala ben alto da forza que ten a nosa literatura.

     

Xosé Manuel del Caño, coordinador do proxecto


     Hai en Miño moita diversidade tanto formal coma temática. Enfoques narrativos ben diferentes, técnicas variadas e voces que ofrecen a riqueza narrativa dun modelo literario, o relato curto, que pide paso con insistencia no escaparate da nosa literatura. Unha literatura que contou sempre con magníficos exemplos deste xénero -Fole, Dieste, Cunqueiro, Ferrín, Casares, Neira Vilas…- e que, polo visto neste libro, a calidade do xénero está garantida.

     Este volume reflicte que a literatura galega non é unha literatura menor, que está desexando ser valorada na súa xusta medida e intentando desbotar a falta de autoestima que tan mal lle fai.

     E como apunta con precisión Rexina Vega no texto Todos somos reiseñores: En Miño pode observarse a enorme diversidade e calidade que caracterizan hoxe a narrativa do noso país. Nunca como agora tantas voces creando tantas liñas de sentido, tantas formas de ordenar o mundo.

 

                                                                                                                         Antonio García Teijeiro