miércoles, 8 de enero de 2014

DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO, UNHA VIAXE POLA MEMORIA PERSOAL DE ANTÓN SEOANE



Que Milladoiro supuxo na música galega un antes e un despois, penso que ninguén pode negalo. Que Antón Seoane, peza fundamental deste grupo, é un dos nosos músicos máis importantes, penso que non resulta una afirmación gratuíta, nin moito menos. Pero que houbo antes desta formación? Isto cóntanolo Antón no volume De Voces Ceibes a Milladoiro (Unha memoria do movimento popular da canción galega, 1973 – 1978).

Maxistral cos múltiples instrumentos que domina, tamén o é coa prosa empregada neste libro-disco que todos deberiamos ler polo seu significado na historia socio-musical deste noso país. Un documento de primeira man, a través da escrita, dunha persoa decidida a contar os trazos dunha traxectoria musical de gran magnitude.

De Voces Ceibes a Milladoiro é un libro pracenteiro. Un libro escrito cunha prosa dinámica, espida de floreos, que fai as delicias do lector.
Por medio dese pulso narrativo, achegámonos a un período fundamental da sociedade e da música galegas, cos intentos de reivindicación social, da evolución a partir duns cantautores comprometidos (Voces Ceibes) ata que apareceu o primeiro disco de Milladoiro. Revisión dunha época convulsa e tamén dunha épica, resultante de ir salvando todos os atrancos que a ditadura impuña.
Tempo no que o ditador daba as últimas sacudidas (sempre terribles) e en Galicia, tamén epicamente, botaba a andar un proxecto definitivo pola consolidación dunha música propia.

Antón Seoane
Polas páxinas do libro circulan una chea de nomes que nos emocionan. Referencias esenciais aos tres grandes (Perfecto Feijóo, Avelino Cachafeiro e Faustino Santalices), ao “Festival de Folk galego”, que reuniu a máis de cinco mil persoas e foi un reto nas infaestruturas de son e luces, ao estilo de Dylan cos americanos universitarios, dos irlandeses con Chieftains, dos occitanos con Mont Joia, dos portugueses con músicos tan importantes como o Zeca Afonso, Fausto, Cilia…etc. Xa o di Antón Seoane: “aquel encontro quería ser a representación do novo tempo”.

E non faltan na obra as referencias a Rodrigo Romaní, persoa básica no percorrido musical de Seoane, a Batallán, ás  Pandeireteiras de Mens, a Miro Casabella, Benedicto, Pepe Ferreirós, Bibiano, Pilocha, Emilio Cao, Fuxan os Ventos e aos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Tampouco esquece o autor, outras referencias que poden sorprender a moitos coma os Beatles,  Jimi Hendrix, Eric Clapton,  Traffic, Bob Dylan,os Kinks ou Leonard Cohen. E, tamén, nos fala dos músicos da Provenza, de Faíscas do Xiabre; narra a viaxe a Bretaña para falar con Alan Stivell e fálanos  de Roi Xordo (primeiro grupo galego de canción social), entre tantas outras curiosidades de enorme interese. Os músicos desta época bebían de todas as fontes posibles. Unha maneira de enriquecemento, que permitiría atopar as canles precisas para que o seu talento chegase ao público coa paixón e as forza necesarias.

Neste coidado volume podemos gozar con  fotografías moi significativas, retallos dos xornais, discos como “Fonte do araño” ou “Ti, Galiza”, listaxes das cancións aceptadas  e denegadas pola censura da época, instrumentos como a cítara, a zanfona, a ocarina ou o requinto, o primeiro disco de Vicente Araguas que abría a década dos setenta, o Festival de Ortigueira… Un ve as fotos de Santa Margarida e evoca, salvando as distancias, o ambiente do Festival de Woodstock. Aparecen os primeiros discos de Milladoiro e aquí deixa Antón Seoane tan interesantísima viaxe.

Si, unha viaxe que o lector realiza interesado e feliz. Unha viaxe visual e narrativa que amosa situacións impensables  hoxe en día. Excelente o ton empregado polo autor. Un ton próximo, cun discurso moi ben fiado, tendo en conta que é un exercicio de memoria persoal. A memoria dun home intelixente, cheo de inquedanzas e que tanto leva aportado (e segue a aportar) á cultura galega. Unha memoria que, aínda persoal, chega a se converter na memoria colectiva dun pobo que procuraba a identidade de seu, nunhas circunstancias hostís.

Un libro que todos aos que nos preocupa o país deberiamos ler. Lelo foi para min un acto pracenteiro. E  o disco, que acompaña o libro, significa recuperar  a banda sonora daquela mocidade que loitaba por unha Galicia libre de cadeas . Ten o CD cancións fermosas e representativas, auténticos emblemas do período 1973-1978, algunhas delas rexistradas para este ambicioso proxecto por vez primeira. Temas como “Tecín soa” co texto de Rosalía ou “Espranza” de Celso Emilio, cantadas por Pilocha, a “Cantiga do amante preso” de Méndez Ferrín, na voz de Romaní, “O meu país”, á que considero unha das cancións máis emocionantes  da música galega, cun texto de Xoan M. Casado e que canta, como no disco “Ti, Galicia”, o gran Miro Casabella, compositor da música . Un total de 18 cancións cuns músicos de enorme categoría como Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, e a participación de Nando Casal, Bibiano, Miro, Quintas Canella, Roi Casal, Manu Conde, Anxo Pintos, Laura Amado, Quico de Cariño e algúns máis.

Unha alfaia, este proxecto. Necesario, imprescindible. Importante coñecer a viaxe musical e vital  que magníficos artistas realizaron nunha Galicia que os necesitaba. Aquí non houbo “nova cançó catalana”, pero si, as mesmas inquedanzas para reivindicar unha lingua e unha cultura maltratadas dende sempre. Música e literatura, da man, para facer visibles as pulsacións dun pobo que latexaba con forza e que estaba disposto a facerse oír.
 
Un momento da presentación en Vigo do libro.
Antón Seoane revélase como un narrador  solvente, ameno e claro,que nos permite entrar nun proxecto que debemos agradecer á Editorial Galaxia e a PAI Edicións, S.L., auténticos impulsores do mesmo.

                                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 6 de enero de 2014

CADERNO ÍNTIMO (XV)



                                                                     
                                                              Páxina decimoquinta



Breathe, breath in the air / Don´t be afraid to care / Leave but don´t leave me / Look around and choose your own ground
Estou a escoitar os primeiros temas do vinilo de Pink Floyd, The Dark Side of the Moon e unhas melodías inquietantes mestúranse con outras dun lirismo que acaricia. O lado escuro da lúa! Soa un reloxo que me lembra que o tempo peta nas portas dos corazóns espertos. Sinto que se acurtan as distancias e os borradores de luz comezan o seu traballo. Soan as voces de Roger Waters e de David Gilmour esculpindo frases que te levan máis alá da realidade, Home, home again / I like to be here when I can / When I come home cold and tired… Os teclados de Richard Wright non logran afogar unha voz que semella volverse tola na nada. Segue esa voz a laiarse na procura da metamorfose dunha terra descoñecida que xa descoñece.

O lado escuro da lúa! Eu, canso de ser un funambulista no arame, sinto degoiros de ver a lúa no meu ceo particular.
Imposible. As nubes botárona da escena. Ole a gris escuro. Cada volta, gústame menos o olor da tristura, da soidade. Pero, nestes momentos de visións deformadas, a man da muller que me ama apoia no meu ombreiro a súa delicadeza. Dáme acougo cando as fervenzas, caendo, agochan anacos de aire. Transmíteme tenrura se se decata de que a este malabarista lle pechan o circo, onde enganaba as certezas inocentes.
Ai, esa man! Canto a necesitei nestas datas confusas nas que todos xogamos a querernos. Porque, direivos, a andoriña non cruzou o océano. E non foi polas condicións meteorolóxicas nin pola distancia enorme para as súas ás tan febles. Non, non foi por iso, senón polo fado que planteou ecuacións desequilibradas. A andoriña está preciosa. Diredes, que vai dicir este home que vive de costas ao mundo.Pois a verdade, nin máis nin menos. Védea, védea e logo falades. Non o fagades antes de tempo.
 
A miña andoriña
Sinto ganas de lerlle na distancia un poema que fale da lúa. Si, esa que non se ve, porque a botaron, lembrades?, as nubes do ceo.
E vouno facer. Escoitade ou lede se vos prace. Vós, tamén:

Lúa
   Durmida
   Que soña
     Cos ríos
     Da vida.

Lúa
   Minguante
   Que voa
     No ceo
     Brillante.

Lúa
   Discreta
   Que ás veces
     Se sente
     Poeta.

Lúa
   Sombría
   Que cose
     Os fíos
     Do día.

Lúa
   Durmida
   Minguante
   Discreta
   Sombría.
Lúa brillante.
Lúa galante!


Espero que o espírito do poema faga que a andoriña sonría. Como di Miguel Hernández nas súas célebres Nanas de la cebolla, dirixíndose ao seu fillo: Alondra (eu diría andoriña) de mi casa, / ríete mucho. / Es tu risa en los ojos / la luz del mundo. / Ríete tanto / que en el alma, al oírte, / bata el espacio. Tu risa me hace libre, / me pone alas. Soledades me quita… Pobre Miguel. Vaia tristura! Como o entendo, malia aclarar que en nada se parecen ambas situacións. Nin de lonxe.
 
Miguel Hernández, debuxado no cárcere, por Buero-Vallejo
Sen embargo, a miña andoriña arríncame penas e decepcións e agranda as alegrías, que de todo hai nesta vida.

Segue Pink Floyd a soar. Deille a volta ao disco. Embriágame esta música transcendental. Pero eles seguen no outro lado da lúa. E eu non teño lúa. Roubáronma e non foron, precisamente, os poetas románticos, que diría o poeta.
Daquela, lembro as fotografías que me enviou Carmen Vidal Corbal, quen conseguiu achegarse a ela con tenrura, con curiosidade e con amor.
Vexo con deleite as imaxes e a miña ollada traspasa o corpo lunar para chegar ao corazón. Coincide esta sensación co final do disco, no que a percusión de Dave Mason latexa na atmosfera inquietante que
Cuberta de "The Dark side of the Moon"
envolve esta obra suprema.
Seguen pousados os meus ollos na lúa de Carmen. Esta lúa é dela. Non lle pertence a ninguén máis. E tivo o detalle de compartila comigo. Non sabe ben o que llo agradezo. Era unha necesidade inmediata. Non podo vivir sen a lúa, como non podo vivir sen o mar, por exemplo.
Así que escribín un texto dedicado a Carmen. Polas súas fotos. Pola súa xenerosidade. Por saber conxugar o verbo compartir. Son uns versos sen ningunha pretensión. Nacidos da imaxe da lúa, que é o que teño, grazas a esas fotografías tan suxestivas.
O silencio fíxose silencio. A música foise apagando e eu escribín isto:

                                                                            

                                                                                                   

                                                                                                                             A Carmen

Espello de olladas perdidas
que procuran no teu rostro
                               as lembranzas de tempos mellores
Estás en nós
                  como o silencio nas palabras
                  o  reiseñor nos pentagramas
                                      ou a luz
                                            no cumio do inverno
Ata as camelias,
                          elas, tan fermosas,
                                                 envexan os teus cabelos de seda
                        e o mar as túas verbas sen sal

Os paxaros imitan
                           o teu canto de seda
                e voan nos lueiros
                                      do teu rostro

Deixas palabras vivas
nos horizontes
onde as mans debuxan
tímidos desexos
que noutrora fóra necesario soñar

Vives no corazón dos poetas
                          ben cansos eles
                                                 de non atopar acougo noutros lugares
                                                        e recorren a ti
para escribir
     que as flores senten frío
   que as distancias están baleiras
   ou que cando pisan os camiños
 lles pesa a liña recta
                       trazada polos dedos do cansazo

E ti estás co sorriso alongado
                             para que vexan
                                             a ledicia das estrofas
                                             a dozura dos froitos
                                     e sintan
                                                    a música da auga.

Estas cousas, estes feitos agarimosos fanme feliz. Cada día que pasa, miro de esguello o mundo. As súas árbores aloumiñan esa mirada. O seu mar semella chamarme. As rúas pretenden que lles fale. Os edificios intentan humanizarse para que sinta a calor que son capaces de desprender. As gargalladas e os berros dos rapaces e rapazas enchen de alegría o meu xardín murcho.
E o rostro da miña andoriña chámame sen palabras para que me perda no seu mundo. Estás lonxe, filliña. E ela parece dicirme que maio xa está máis preto.
 
Pink Floyd
                                
                                                                                                                                   O VELLO SOÑADOR