lunes, 26 de diciembre de 2022

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXVI): Antía Otero

 




                                   ANTÍA OTERO (A Estrada, 1982)



 

 VANITAS #1

 

  Os ausentes afástanse

podrecen entre as lousas

o seu brillo non é enigma

só fósforo de osamenta

 

porén

Antía Otero (Foto de Tamara de la Fuente)
os presentes respiran

traman o desembarco

nas frangullas do pan prenden lume

aman o mol e os incendios

o estado da náusea

todo o perpetuo

 

-que difícil extinguilos-

 

guindas os segredos

toda conxunción

mais sempre porfían

 

agardan na distancia

coa deformidade dos reloxos

 

 

revíranse

 

espreitan na noite

calquera fenda

para poder volver.

 

 


APOTEOSE #2  


Fantástica traxectoria de Apiario

Chorábase o día da mata.

Non todos. Só ela.

Marchaba camiño arriba

-xa pasou, xa pasou.

 

Despois colliamos os baldes. Iamos lavar as tripas.

 

 

 



PAISAXE HISTÓRICA #5

Ribeira Sacra

 

 

A rocha ao pé das vides

relento nas figueiras

os anos cóntanse nos aneis dun tronco

na perda dos dentes

 

a chuvia que entrou a devorar as trabes

pingando no alzadeiro

 

violentar a couza.

 

O taquígrafo recolle

niños de ratos nas sabas

latexo da resistencia

un miñato sobrevoando a fin da tarde.

 

Solpor

 

a clareza loita contra o verde

faise tímida

logo espesa

 

a bifurcación silente

o nervio dos cans.

 

Noite

 

afastas o ruído

sentes o tránsito na paisaxe


que debuxas co dedo

 

ao fin cres.

Acariñas vagalumes.

 

 

 



CADRO DE XÉNERO

 

 

 

Poñiamos a pota no medio da mesa

os sucesos do telexornal marcaban o ritmo

entre garfo e bocado

cada xema coa súa clara

 

como un grupo de menhires

queriámonos estoicamente cos pés cimentados

un equilibrio megalítico

integrado no hábito.

 

 

Amar os pais

admirar a súa fatiga

non pedir o que non poden dar

soster os irmáns

repartir os bens funxibles

silenciar o que mancará de por vida.

 

 

O meu sorriso é unha anorexia do enfado

 

 

 

(Do libro Barroco, editado por Apiario (2022), na colección Cera Labrada.