OS LIBROS, SERES VIVOS QUE PERTURBAN
Antonio García Teijeiro
![]() |
AGT (Foto de Anxo Cabada) |
Sentado diante da fiestra
sinto horror polo xenocidio de Gaza e decido boicotear a Vuelta Ciclista e o
EuroBasket pola participación de Israel en ambas competicións.
Aplaudo as interrupcións
das etapas e danme noxo as declaracións de personaxes do deporte branqueando o
sionismo israelí.
Sen música, remato La
noche de Tlatelolco, de Elena Poniatowska: masacre e horror institucionais
contra a xustiza e a liberdade. Nada novo.
Daquela…
Volve setembro. Van
apagándose as esaxeradas calores estivais que padecemos estes meses. Con
setembro, entre o remate do verán e o principio do outono, as escolas abren de
novo as portas e plantéanse os mesmos retos de sempre.
A rapazada, inmersa en móbiles e redes, volve a atoparse cos libros de texto, cos exercicios, cos controis, cos proxectos e demais. E a lectura?
Eu non podo esquecer os
libros de literatura nas aulas. A súa importancia. A súa necesidade. E penso
nela como algo fundamental na formación do alumnado. Cada curso apostei por que
os meus alumnos e alumnas gozasen da boa literatura. E, se falo a nivel global,
por desgraza, dubido da verdadeira consolidación da lectura aberta, de
calidade, positiva, nas nosas aulas.
Síntoo moito, pero cada
ano que pasa son menos optimista (non quero dicir pesimista para que non me
chamen derrotista) no tocante a que a lectura se desenvolva convenientemente
nas escolas.
Hai unhas semanas Elena
Villanueva apuntaba en FARO uns datos desoladores: o último informe PISA (2024)
evidenciou as carencias do alumnado galego en lectura. Sinalaba un retroceso de
case trece puntos nos hábitos lectores nunha década. Non me sorprendeu. Nada
novo para min. Dende hai uns anos veño constatando, malia certas opinións en
sentido contrario, que a lectura entre a mocidade está diminuíndo e que os
mozos e mozas non a contemplan como un dos seus plans cotiáns.Na información da
xornalista podiamos ler que só un 8% le diariamente, que un 43% dos maiores de
cincuenta anos non le nunca e que o IGE (Instituto Galego de Estatística)
informa que, referíndose a Vigo, catro de dez vigueses non colle un libro nunca
e só un 9% o fai cada día. Son datos estremecedores. Datos para botarse a
tremer.
Así que un non deixa de
pensar que algo non se está a facer ben.
Na maioría dos fogares
non existe o hábito lector e a escola (agás docentes moi concienciadas) ten a
lectura como algo secundario. Pouco ou nada
le unha boa parte dos mestres como sería aconsellable.E se faltan bos ou
boas mediadoras todo resulta inútil. Hai excepcións, sen dúbida, pero abondan
as prescricións que as editoriais envían aos centros con criterios máis
comerciais que literarios. Non se fan postas en común sobre libros interesantes:
eses libros que permiten reflexionar -ademais de entreter, que tamén existen-
sobre comportamentos dos personaxes, sobre situacións da vida, sobre a
complexidade da sociedade. Son textos que axudan, dende a boa literatura, a
tomar conciencia do mundo que vivimos, a un coñecemento de cadaquén máis
profundo e a procurar horizontes de conciencia persoal e social en liberdade.
Un libro é algo vivo que
convida a penetrar nel e a perderse pola infinidade de vieiros que abren ao
lectorado. Libros con sensibilidade que rabuñan por dentro e que permiten que
sigamos medrando interiormente.
Vivimos na época das
RRSS, do inmediato, da velocidade, da imaxe banal. Somos parte dunha sociedade
que rexeita, en boa medida, todo o que signifique reflexionar, detérmonos na
voráxine cotiá. Que rexeita todo o que supoña un esforzo. O pensamento e a
serenidade semellan unha perda de tempo. Aburren. Non queren deixarnos parar.
Non lles convén.
Observo unha uniformidade
social e de comportamentos que me deprime. E considero que os bos libros nos
crean conciencia de nós mesmos. Encantaríame que, dunha vez por todas,
puxésemos resistencia ao conformismo imperante cos libros como bandeira.
Na sedución que me
produce o acto de ler, coincido coa escritora e ensaísta arxentina Mª Teresa
Andruetto cando expón que “a literatura é un espazo de desacato capaz de facer
que os lectores e lectoras, no decorrer da lectura, esquiven riscos, loitas e
que se planteen toda clase de preguntas”.
Como dixen anteriormente,
un libro é un verdadeiro ser vivo que
nos perturba -no bo sentido- e nos ensina a mirar zonas aínda non comprendidas
de nós mesmos.
Así o sentín eu cando
descubrín a riqueza das boas lecturas e, xa como escritor, como dicía Borges,
non son o que son polo que escribo, senón polo que leo.
E por iso sigo a ler a
diario textos variados, agardando con ilusión esa hora de lectura feliz ,
silandeira, á última hora do día. Esa lectura que me reconforta nun mundo que
me desespera. Anímense e acompáñenme.