jueves, 26 de junio de 2025

FAÍSCAS (27). "Aproximacións á poesía, ao poema e ao poeta".

 




Ai, a poesía! Tan libre, tan descoñecida, tan lonxe da maioría e tan necesaria!

Hai un libro que teño sempre ben preto de min: editado por Hiperión, Poesía ¿eres tú? (Aproximaciones a la poesía, El Poema y El Poeta é unha delicia.

Téñoa á miña beira, porque está chea de frases, definicións, citas e achegamentos diversos á poesía e ás súas concrecións: o poema e o poeta.

Fermín Herrero e Jesús Munárriz foron recompilando frases de autores e autoras de épocas e de civilizacións diversas, poetas case todos, pero tamén filósofos, ensaístas, pensadores, críticos ou artistas, que dende sempre trataron de apresar e enunciar, deitándoo en palabras, o que os devanditos conceptos lles inspiraban ou suxerían.

Poesía, ¿eres tú? Está organizado este libro de citas en tres grupos que corresponden a estes tres conceptos: poesía, poema e poeta, e que van do xeral ao particular, do abstracto ao concreto, do teórico ao persoal.

É unha verdadeira delicia pasear por estas páxinas cheas de profundidade, enxeño e inspiración.

 

Coma exemplo, podedes ler algunhas destas frases e, sen dúbida, poñervos a reflexionar e a encher as vosas vidas de poesía.

 

La poesía salva non só a quen a expresa, senón a todos cantos a len ou recrean.  MANUEL ALTOLAGUIRRE

 

Manuel Altolaguirre

A poesía é o espello borroso da nosa sociedade. Cada poeta respira sobre este espello: o seu bafo embázao de diferente maneira. LOUIS ARAGON

 

Louis Aragon

El poema, en estado de fragilidad o de furia, deja caer su sombra sobre el mundo y los desplaza. JUAN GELMAN

 

Juan Gelman

La voz que habla en un poema, aunque sea la del poeta, no es nunca una voz real, es sólo una voz posible, no siempre imaginaria, pero siempre imaginada. JAIME GIL DE BIEDMA

 

Jaime Gil de Biedma (Foto Jot Down)

Poeta, por ser claro no se es mejor poeta./ Por oscuro, poeta, no lo olvides, tampoco. RAFAEL ALBERTI

 

Rafael Alberti

O poeta é un mentireiro que di sempre a verdade.  JEAN COCTEAU

 

 

Jean Cocteau


domingo, 8 de junio de 2025

"OS ECOS DO VENTO / LOS ECOS DEL VIENTO" ENTROU NA LISTA DA OEPLI 2024

 






O libro “Os ecos do vento/ Los ecos del viento” entro na Lista da OEPLI, 2024. 

Estou moi satisfeito de estar nesta listaxe.

 Un poemario que bebe nas palabras de grandes poetas mulleres de España e de América Latina.

Unha homenaxe a todas elas é á súa poesía.

Por iso, gravei a toda présa este vídeo lendo catro poemas do poemario, marabillosamente ilustrado por Noemí Villamuza e editado con elegancia e agarimo pola Editorial Kalandraka.

Se vos apetece velo, eu encantado.






lunes, 26 de mayo de 2025

CONVERSA ARREDOR DE 'SENTADO DIANTE DA FIESTRA' NA LIBRARÍA LIBROURO (con Mª Xosé Porteiro e X. Romero)

Un momento da conversa guiada pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro


Coincidindo co aniversario da Revoluçao dos Cravos, o 25 de abril, na Librería Librouro tivo lugar un acto fermoso arredor do libro Sentado diante da fiestra, editado pola Editorial Elvira.

De novo, María Xosé Porteiro e Xabier Romero conversaron comigo sobre os múltiples temas que os artigos recollidos no libro gardan no seu interior.

Conversa distendida que resultou moi agradable para os asistentes e que rematou, cantando entre todos, a canción insignia da revolución, Grândola Vila Morena, cun caravel na man. Uns momentos moi emocionantes.

 

Noa García Garrido participando no acto

Nun intre do acto, unha asistente, Noa García Garrido, leu un fermoso poema coma homenaxe á miña obra, algo que lle agradecín moi fondamente.

 

Estamos a vivir un tempo moi gris e estes actos nos reafirman no concepto de LIBERDADE; unha liberdade que podemos perder, a pouco que nos despistemos.

 



O acto foi gravado en audio e, para todas as persoas que o desexen, Versos e aloumiños ofréceo cunha enorme satisfacción e agarimo aquí embaixo.


(Dedicado ao meu prezado amigo, João Pedro Mésseder, un loitador incansable)





lunes, 12 de mayo de 2025

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO E OS IRMÁNS CUNHA NO RECITAL 'VIGO, ENTRE NOTAS E VERSOS'

 



O proxecto Vigo, entre notas e versos, foi un éxito e unha experiencia sensacional e única.

Máis de mil alumnos e alumnas pasaron polo Auditorio de Concello para escoitar e emocionarse coa poesía lida en voz alta e cos versos postos en música.



Enorme o traballo de Alberto e Andrés Cunha musicando algúns deles e interpretando, con voz e guitarra respectivamente, poemas de Curros Enríquez, Lorca, Rosalía de Castro, Rafael Alberti, Manuel María, MªElena Walsh, Antonio Machado e Antonio García Teijeiro (estes musicados integramente polos irmáns Cunha).

 

Andrés e Alberto Cunha

Con ecos de Serrat, de Amancio Prada, Batallán, Walsh, Fuxan os Ventos e, xa que logo, de Alberto Cunha, a rapazada cantou, recitou, participou dun xeito moi activo en cada unha das sesións do proxecto.


Antonio García Teijeiro

Unha mostra máis de que, cando a poesía se achega con arte e agarimo, penetra no máis fondo do ser humano.

O proxecto levouse a cabo baixo o patrocinio da Concellería de Educación do Concello de Vigo.

 

Felices despois dunha das sesións de "Vigo, entre notas e versos".

E, como mostra do que acabamos de escribir, deseguido podedes escoitar en audio unha das sesións de Vigo, entre notas e versos.






jueves, 1 de mayo de 2025

UNHA CONVERSA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO PODCAST 'O ENVÉS DA PÁXINA'

Co gallo da recente publicación do seu último libro, Sentado diante da fiestra (Ed. Elvira), tiven a oportunidade hai unhas semanas de parolar co meu pai, Antonio García Teijeiro, nun novo episodio do meu podcast literario O Envés de Páxina. Aínda que en principio esta escolma de artigos xornalísticos aparecidos no suplemento Estela do Faro de Vigo era a excusa para o programa, a nosa conversa axiña nos levou por vieiros que só tiñan que ver co libro de xeito tanxencial, e entre outros temas, falamos da infancia de Antonio, da súa visión da poesía e o seu achegamento ás aulas, da música que encerra o mar, da relación entre deporte e literatura e do papel que, a xuízo de Antonio, debe ter a poesía en particular e a literatura en xeral nesta sociedade que nos tocou vivir no século XXI. 
Amodiño, a conversa foise facendo, de xeito natural, máis e máis íntima, e Antonio mesmo chegou a dicir cara ao remate que nalgúns intres esqueceu que el era meu pai e eu o seu fillo. Nese sentido, o meu obxectivo coa entrevista cumpriuse completamente. Deixámosvos a conversa completa no vídeo que aparece aquí abaixo e agardamos que vos pareza interesante.



ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ