lunes, 26 de mayo de 2025

CONVERSA ARREDOR DE 'SENTADO DIANTE DA FIESTRA' NA LIBRARÍA LIBROURO (con Mª Xosé Porteiro e X. Romero)

Un momento da conversa guiada pola escritora e xornalista María Xosé Porteiro


Coincidindo co aniversario da Revoluçao dos Cravos, o 25 de abril, na Librería Librouro tivo lugar un acto fermoso arredor do libro Sentado diante da fiestra, editado pola Editorial Elvira.

De novo, María Xosé Porteiro e Xabier Romero conversaron comigo sobre os múltiples temas que os artigos recollidos no libro gardan no seu interior.

Conversa distendida que resultou moi agradable para os asistentes e que rematou, cantando entre todos, a canción insignia da revolución, Grândola Vila Morena, cun caravel na man. Uns momentos moi emocionantes.

 

Noa García Garrido participando no acto

Nun intre do acto, unha asistente, Noa García Garrido, leu un fermoso poema coma homenaxe á miña obra, algo que lle agradecín moi fondamente.

 

Estamos a vivir un tempo moi gris e estes actos nos reafirman no concepto de LIBERDADE; unha liberdade que podemos perder, a pouco que nos despistemos.

 



O acto foi gravado en audio e, para todas as persoas que o desexen, Versos e aloumiños ofréceo cunha enorme satisfacción e agarimo aquí embaixo.


(Dedicado ao meu prezado amigo, João Pedro Mésseder, un loitador incansable)





lunes, 12 de mayo de 2025

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO E OS IRMÁNS CUNHA NO RECITAL 'VIGO, ENTRE NOTAS E VERSOS'

 



O proxecto Vigo, entre notas e versos, foi un éxito e unha experiencia sensacional e única.

Máis de mil alumnos e alumnas pasaron polo Auditorio de Concello para escoitar e emocionarse coa poesía lida en voz alta e cos versos postos en música.



Enorme o traballo de Alberto e Andrés Cunha musicando algúns deles e interpretando, con voz e guitarra respectivamente, poemas de Curros Enríquez, Lorca, Rosalía de Castro, Rafael Alberti, Manuel María, MªElena Walsh, Antonio Machado e Antonio García Teijeiro (estes musicados integramente polos irmáns Cunha).

 

Andrés e Alberto Cunha

Con ecos de Serrat, de Amancio Prada, Batallán, Walsh, Fuxan os Ventos e, xa que logo, de Alberto Cunha, a rapazada cantou, recitou, participou dun xeito moi activo en cada unha das sesións do proxecto.


Antonio García Teijeiro

Unha mostra máis de que, cando a poesía se achega con arte e agarimo, penetra no máis fondo do ser humano.

O proxecto levouse a cabo baixo o patrocinio da Concellería de Educación do Concello de Vigo.

 

Felices despois dunha das sesións de "Vigo, entre notas e versos".

E, como mostra do que acabamos de escribir, deseguido podedes escoitar en audio unha das sesións de Vigo, entre notas e versos.






jueves, 1 de mayo de 2025

UNHA CONVERSA CON ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO PODCAST 'O ENVÉS DA PÁXINA'

Co gallo da recente publicación do seu último libro, Sentado diante da fiestra (Ed. Elvira), tiven a oportunidade hai unhas semanas de parolar co meu pai, Antonio García Teijeiro, nun novo episodio do meu podcast literario O Envés de Páxina. Aínda que en principio esta escolma de artigos xornalísticos aparecidos no suplemento Estela do Faro de Vigo era a excusa para o programa, a nosa conversa axiña nos levou por vieiros que só tiñan que ver co libro de xeito tanxencial, e entre outros temas, falamos da infancia de Antonio, da súa visión da poesía e o seu achegamento ás aulas, da música que encerra o mar, da relación entre deporte e literatura e do papel que, a xuízo de Antonio, debe ter a poesía en particular e a literatura en xeral nesta sociedade que nos tocou vivir no século XXI. 
Amodiño, a conversa foise facendo, de xeito natural, máis e máis íntima, e Antonio mesmo chegou a dicir cara ao remate que nalgúns intres esqueceu que el era meu pai e eu o seu fillo. Nese sentido, o meu obxectivo coa entrevista cumpriuse completamente. Deixámosvos a conversa completa no vídeo que aparece aquí abaixo e agardamos que vos pareza interesante.



ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ