Páginas

domingo, 1 de julio de 2018

Xabier P. DoCampo, un rebelde con causa



Hai persoas que polo xeito de facer as cousas, pola actitude na vida, polo que aportan, polo compromiso que adquiren e contaxian, son únicas. Xabier P. DoCampo foi unha persoa única.
    
     Ademais de ser un grande escritor, pioneiro na LIX galega, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, narrador oral excepcional, Xabier era un rebelde con causa. Loitou dende sempre a prol dun ensino de calidade e en galego, comprometeuse coa nosa lingua dun xeito moi claro e abriu canles, tanto pedagóxicas coma literarias, ata os últimos momentos da súa vida.
    
Con Xavier Senín e con AGT
     Xabier DoCampo deixounos na madrugada do martes 26. E deixounos baleiros porque, cando precisabamos del, sempre aparecía co seu sorriso sincero, cun humor intelixente que rebordaba e unha xenerosidade inmensa. A de Xabier é unha ausencia que marca.Agora non o temos e parécenos imposible saber que non está.
     
     Lembro con nostalxia, neste punto, as camiñadas que escritores, escritoras e ilustradores faciamos ano tras ano. Nesas camiñadas, a simpatía de Xabier, en consonancia co seu querido Paco Martín, eran un motivo máis da felicidade que nos envolvía. Sempre optimista diante das circunstancias, era, á vez, demoledor coas inxustizas sociais, lingüísticas ou coas opinións interesadas que atacaban o sentido común.
    
Cos meus fillos Antón e Noa e a miña nora, Erin en San Simón
     Xabier tiña engaioladas a todas as persoas que o coñecían. Era un conversador fascinante que espertaba en nós unhas ganas enormes de vivir rindo. Era, tamén, un marabilloso contador de historias, na liña dos grandes escritores galegos como, por exemplo, Ánxel Fole. Era capaz, xaora, de transformar esa tradición oral que tanto dominaba en literatura escrita. O seu libro Cando petan na porta pola noite é un claro exemplo do que estou a afirmar. Por estes relatos recibiu con toda xustiza o máis alto galardón literario: o Premio Nacional. Pero non só a tradición oral estaba presente na súa obra. Tamén a aventura e o suspense, a fantasía, a crítica, as homenaxes ou a tenrura, un certo toque de poesía e mais o humor. Todo iso e moito máis podemos atopar nun obra sólida e brillante que o mantiveron decote no cumio da literatura infantil galega.
     
Con Susi, nunha das Camiñadas.
     Falei con el por última vez cando lle pedín un texto para un agasallo especial a Susi no seu sesenta aniversario. Foi, faltaría máis, tremendamente xeneroso e envioume unhas liñas fermosas. Non podía ser doutro xeito. De novo, chamoume irmán.
    
     Agora, será moi duro saber que non o temos con nós. Quedaranos, para sempre, a súa ética e o seu agarimo. E as lembranzas. E os seus libros.
    

     Seguirei léndote, compañeiro da alma, compañeiro.

                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO