Páginas

lunes, 18 de junio de 2018

FIESTRA ABERTA (4): Nace a Biblioteca "Os soños do Pirata" no CEIP "Fonte Escura", de Vigo




Hai  actos, cando te dedicas a escribir, que compensan nesta tarefa literaria tan solitaria e tan cega ás veces. Actos que están cheos de humanidade, de ilusión, de ganas de realizar as cousas todo o mellor posible.
     Actos, en fin, enfocados a facer máis felices aos que nos rodean e , se son nenas e nenos, moito mellor.
    

     
     Un deses momentos emotivos vivino no CEIP “Fonte Escura” en Cabral-Vigo. Chamáronme no seu momento para que inaugurase a biblioteca escolar do Centro. Non puiden negarme. Como ía facelo se considero que as bibliotecas nas escolas son absolutamente imprescindibles! E gocei, como non!, do nacemento dunha biblioteca que o propio alumnado bautizou como "O soños do Pirata".


     
     Dei no colexio cun grupo de mestras verdadeiramente marabillosas. Mulleres dispostas a cambiar a cara dun centro que está a loitar con demasiadas incomprensións. Facer visible o extraordinario labor que desenvolven. Mulleres orgullosas do seu, que miran ao lonxe para abrir novas canles.

     


     E a biblioteca inaugurouse para comezar a funcionar deseguido. A felicidade de docentes e alumnado fíxose moi evidente.  Foi un acto tan sinxelo como ateigado de sentimento e de esperanza. Eu non podía sentirme mellor.
     


     E nun momento da xornada que pasei alí con elas, contáronme o seguinte:
      Os nenos e nenas estaban ilusionadísimos coa inauguración da biblioteca do centro. Un deles, David, acompañou a súa nai e o seu irmán máis pequeño a mercar algún dos teus libros. Cando chegou á casa díxolle á nai que el tamén ía inaugurar a súa biblioteca persoal e que lle poñería o nome de Antonio García Teijeiro. (Aí está na foto). Ademais, escribiu un fermoso poema despois de ler o teu poemario Recendos de aire sonoro.

David Villar inaugura a súa biblioteca
     
     Despois de escoitar isto, como queda un?  Pois orgulloso de escribir, orgulloso de estar preto dos nenos e das nenas, apoiar o profesorado que loita por un ensino público de calidade, orgulloso de facer da poesía algo máxico… Estar moi próximo das persoas que precisan de ti é algo que se fai absolutamente necesario.



     
     Parabéns aos docentes e ás mestras coas que compartín ese día, porque son un exemplo que se debe coñecer, así como a axuda da ANPA, que resulta fundamental. Téñovos que agradecer moi fondamente o convite.