Páginas

jueves, 30 de octubre de 2014

ESCOITANDO A CELSO EMILIO NA TABERNA DO GALO.



     Tan centrado estiven sempre na poesía de Celso Emilio Ferreiro que tardei en reparar na súa prosa.
      
     Certo que, hai xa ben tempo, lin A fronteira infinda e non me pareceron frouxos eses relatos.Mesmo podo afirmar que me pareceron tremendamente orixinais. Máis aí quedei. Seguín coa lírica ferreiriana, cos seus artigos e deixei para calquera momento A taberna do Galo, unha das dúas obras en prosa de Celso Emilio.
      
      E ese momento chegou uns días atrás, a propósito do traballo que Antón García-Fernández está a artellar en inglés sobre o poeta celanovés na Universidade de Tennessee en Martin. Fíxome algúns comentarios, rimos os dous (ai, esa Casa da Collona) e decidín ler este texto curto e formalmente  desordenado.
      
     Que ben o pasei!  Chea de humor, ironía, agudeza na creación dos personaxes que aparecen, autobiografía e imaxinación desbordante, A taberna do Galo fíxome gozar coa súa lectura.
      
Antón García-Fernández coa súa nai en Martin (TN)
     Esta é unha obra curta, editada por Edicións Castrelos no ano 1978, que vén sendo unha parte, uns capítulos dun libro que non rematou Celso Emilio, Memorias de nunca, que a morte do poeta en 1979 frustrou.
      
     El mesmo confesou nunha entrevista, aparecida en La Región, “que estou escribindo en prosa unhas memorias que partindo de feitos reais que me ocurriron a min ou a outros, desenrolo unha narrativa moitas veces inventada que, ao final, pode constituír unha novela, pero que de momento non sei ben o que vai ser”.
      

     E polas circunstancias, A taberna do Galo apareceu como libro e, case seguro, que o escritor participou na súa edición.
      
Celso Emilio Ferreiro
     Lendo estes capítulos vemos claramente a alternancia de biografía e autobiografía de Ferreiro, escrita nun ton humorístico e cun enxeño literario enorme. Ateigada de refráns, de vivencias persoais, con referencias a outros intelectuais ( a carta que aparece de Pepe Velo está chea de emoción e conmove moitísimo), de textos que escribiu nos xornais, de personaxes cos seus alcumes, uns inventados, outros reais, A taberna do Galo é unha obra que reflicte ambientes da súa vila natal e que se nos fai curta.
      
     Mágoa que non vivise máis tempo e puidese rematala.
      
     En Versos e aloumiños, imos presentar algúns destes personaxes, tal como Celso Emilio os retratou.
      
     Riamos e gocemos da ironía e o humor feitos literatura.

    
Ilustración de Pedro Rico para a versión castelá d´A taberna do Galo.

     ALGÚNS PERSONAXES DA VILA COS SEUS ALCUMES

    
     O CAGATINTAS. Foi o derradeiro amanuense da vila. Vivía de escribir cartas prá xente iletrada, que daquela era a maioría da vila. Tímido e suave no falar, traía sempre no peto un tinteiro de corno e unha pluma metida nun canuto de sabugueiro. Os días de feira puña mesa con recado de escribir na praza das pitas. Cando estaba bébedo, cousa frecuente, escribía en prosa rimada, que lle acaía moi ben ás cartas de namorados.


     O RATIÑO. Levaba os petos cheos de codias de pan, que andaba a ratoar decote, roendo sen descanso para darlle gusto a unha fame que lle viña de antigo. Pedía esmola. Por lúas púñase un chisco tolo e berraba: ¡Dívolo o ratiño, estamos perdidiños! Despois engadía en voz baixa: Dende que veu Franco. Entre codia e codia contaba historias de amor coas mozas máis linaxudas da vila. Cada rato ten o seu burato, dicía aludindo ás imaxinarias mulleres que o distinguían cos seus favores.


     A PERONA. Muller carnosa e tetuda, de pernas coma eixos de carro. Moi metida na igrexa, dicían que nos seus tempos mozos fora barragana dun abade mitrado de non sei qué mosteiro.

     O CONA EN DULCE. Estivo en Venezuela, onde os seus paisanos puxéronlle o alcume porque gastaba moitas finezas e bicamáns coas clientas da súa tenda. Era un pouco sarasa, ademais.


     O PACO DA PUTA. Home corrente e vividor. Certa vez púxolle o Alcalde unha multa por escándalo público a consecuencia dunha talanquera faltona. cando foi pagar ao municipio, o Alcalde díxolle que lle perdoaba a sanción se lle prometía non beber máis. Prometido –dixo o Paco, bicando os dedos en forma de cruz-. Pasadas dúas semanas, o Alcalde atopouno na rúa novamente bébedo e faltón. Eu prometinlle non beber máis, -dixo como desculpa- pero non lle prometín beber menos. ¡A ver se nos entendemos!


     O CHANCARRASTRA. Preguiceiro, desaliñado. Por desdeixado nin sequera amalloaba as chancas. Non daba golpe. Dicía: Se o traballo fora cousa boa, seguro que xa o terían acaparado os ricos.

     Ata aquí unha mostra, breve pero significativa, do abano de seres que poboan A taberna do Galo.
     
      Unha lectura recomendable que animo a ler.

                                                                                                        
                                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO