Páginas

lunes, 27 de octubre de 2014

OS MURMURIOS DO can CAN (2)



     Levaba ben tempo amolado comigo. Ata tal punto que non me falaba como nel era habitual. Ladraba. E iso en Can era raro. Como sabedes é un personaxe que le (e le ben), que lle gusta opinar, que vive entre libros e está atento a cada novidade que poña eu no andel ou a cada conversa que teña con calquera persoa que pague a pena.
      
     Si, o can Can é moi esixente.
     E tiña medo de que non lle dese bóla.
     Nada máis lonxe da miña intención. Encántame parolar con el, coñecer as súas opinións, sentir os seus desexos preto.
     Fíxenlle saber que todo chega no seu momento e xa está feliz.
     Os murmurios do can Can están vivos e débovolos contar.
     Así que podedes escoitalo, se vos prace.

      


     
     O can Can dinos musitando que…



  lle encantou o libro de Pessoa que me agasallou o meu amigo Jose Figueiredo co poema Tabacaria de Pessoa, nunha fermosa edición, con debuxos de Pedro Sousa Pereira, da editorial Clube do Autor, S.A. (Lisboa, 2013). Un poema, Tabacaria, asinado por Álvaro de Campos que é, sen ningunha dúbida, un dos poemas máis admirados da lingua portuguesa.
     
      
     Velaquí o seu comezo:
         


Nâo sou nada.
Nunca serei nada.
Nâo posso querer ser nada.
Á parte isso, tenho em mim todos os sonhos do mundo (…)




… que está feliz de volver a ler, nunha edición coidadísima , o magnífico libro que fixeron Gloria Sánchez e Pablo Otero (ilustracións), A raíña de Turnedó. Kalandraka  tírao do prelo dezaoito anos despois e dá gusto velo, lelo, tocalo, ulilo. Un orixinal planteamento poético, entre poema acumulativo e teatral, que segue cativando o lector. Can gozou da súa lectura.
      
     Din así algúns versos:

     Miñas donas,
                meus señores…
                       
                        Este é o xardín
                        da raíña de Turnedó.

 Aplaudan:  Plis-Plas! Plis-Plas!



Miñas donas,
               meus señores…
                             Este é o mato do xardín
                             da raíña de Turnedó.

Exclamen:  Oooooooooooh!
                                                                                               (E segue acumulando versos)



… que se sente o can máis feliz do mundo ao ver un dos libros clásicos da LIX, “O homiño vestido de gris e outros contos” do meu amigo Fernando Alonso, vertido ao galego. Feliz pola recuperación deste libro, xa lexendario e de permanente actualidade, na edición da editorial  Kalandraka. Feliz, tamén, pola magnífica tradución de Ramón Nicolás, quen segue dando pasos seguros dentro do mundo da literatura infantil. Tanto a edición galega coma a  castelá son un verdadeiro luxo e resulta imprescindible facerse con elas.





… que xa está desexando ler  a nova entrega (a terceira) da serie de cómic para os primeiros lectores, Marcopola. A Illa remeira. (Edicións Xerais de Galicia). Creada, debuxada e escrita por Jacobo Fernández Serrano, o número tres leva por nome Dragoneta! Nela, o alquimista Brisgovius deu coa apócema máxica. Xa ten lista a beberaxe que fará da malvada Demoneta un ser invencible capaz de voar e cuspir lume pola boca.
     Isto é parte do que Can leu na contracuberta e xa está disposto a seguir gozando coa serie deste grande ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, ademais de escritor, un dos artistas de referencia da LIX galega que é Jacobo.




… felicítame o can Can porque acaba de ver tres novidades na miña colección dylaniana. 
     
Ademais dun dobre vinilo con cancións dos primeiros 60, chamoulle a atención o debuxo que Yuya Martínez  me agasallou hai un tempo, o coxín coa figura do artista, galano de Alba Piñeiro e da bolsa que Olga Darriba encargou para min a través de internet. Encantáronme as tres cousas e Can movía o rabo de satisfacción.





 Para Yuya, Olga e Alba, é este vídeo do gran Bob Dylan, como agradecemento polos seus agasallos relacionados co xenio de Duluth.

                                  Bob Dylan canta "Knockin´on heaven´s door" nun concerto "Unplugged".

… tamén me comentou (tiven que detelo para que non seguise falando) que lle encanta escoitar a Leonard Cohen. Porque moumea, arrastra os versos, dá profundidade ao contido das cancións. Porque lle gustan os coros femininos que conteñen os temas e a atmosfera que crea coa súa voz e a música, ambas complementadas dun xeito maxistral. Cancións que emocionan.
     De aí que estea, díxome, moi feliz coa aparición do novo disco do canadense, Popular problems, que escoita no meu despacho. El, que vive entre libros, aparca a lectura para deixarse arrolar polos temas de Cohen. E dime (eu non sei se mente) que nunca esquecerá o concerto que deu Leonard Cohen en Castrelos. Andaba polo parque un chisco despistado e, cando escoitou a música, coouse entre as cadeiras e ficou pampo. Nun recanto, deitado no chan, asistiu a unha actuación memorable. Dende aquela, intenta escoitar todo o que pode deste artista ao que adora.


    

     Que non siga, dígolle. Que deixe outras noticias para a próxima entrega. Que, a partir de agora, vai participar en Versos e aloumiños regularmente. Isto alégrao e sorrí. Teño tanto que contar…!, exclama.
      
     Antes de despedirse de min faime unha comenda: busca unha canción de Andrés Calamaro e dedícalla da miña parte a Noa e dille que a quero moito. E repítemo con insistencia.
                                           Andrés Calamaro, no Orfeo Superdomo en Córdoba canta "Cuando no estás".
                                                                                                                                                                        A Noa con todo agarimo.
      
     Prométollo e ao fin despídese de min, desta vez si, cun poético guau, guau, para, deseguido, continuar cun libro de Bernardo Atxaga, Días de Nevada, que lle está encantando.
     O noso can Can le de todo o que considera literatura.
     É un gran lector.
        

    E volve ao balcón co libro nas mans aproveitando que neste intre non chove.