Páginas

viernes, 28 de junio de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (83) "Un peixe é un peixe", de Lio Lionni.

 




 “Un peixe é un peixe”

 

Autor e ilustracións: Leo Lionni

 

Tradución de Xosé Manuel González “Oli”.

 

Editorial: Kalandraka. 2024

 

 

 

Que se pode dicir de Leo Lionni? Pois que é un artista infinito, que ama o ser humano, que a través da personificación de animais demostra o seu compromiso cos comportamentos positivos das persoas.

Que sinala. Que conmove. Que fascina. Que coñece como ninguén sentimentos que fan ás persoas mellores. Que é un grande artista ético e estético.

 Quen non ama Nadarín ou Frederick.

 Que fai poesía coas súas ilustracións e relatos, tan curtos coma intensos.


Leo Lionni

Un peixe é un peixe non defrauda e segue a liña literaria e ética dos seus moitos libros.

Unha vez máis emocióname esta fábula preciosa, ben contanda, extraordinariamente ilustrada que nos fai pensar. Sempre reflexiono coas historias que plantea Leo Lionni.

Un peixe e un cágado (que se converte en ra) constrúen unha fonda amizade.

 

A ra chouta polo mundo e cóntalle ao peixe que viu cousas incríbles. E fálalle das vacas. E dos homes, mulleres e nenos que atopou nese mundo para ela descoñecido.

Coas palabras da ra, enche de luces, cores e imaxes sorprendentes que deixan o peixiño cavilando: el desexa descubrir ese mundo marabilloso.

E, soñando cos paxaros, o peixiño decidiu ver aquilo que lle contaran.

Sacode a cola e sae da auga.

Axiña dá cunha realidade que non agardaba.

Unha historia, moi colorida e engaiolante na ilustración, que nos fai reflexionar sobre a identidade, o coñecemento e a aceptación dun mesmo.

 

                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO