O director deste blog, Antonio
García Teijeiro, di sempre que el non ten ídolos, nin no deporte nin en
ningún outro eido.
Agás nun caso, xa que todas as regras contan coa súa excepción: o
de José Ángel Iribar Kortajarena, o gran porteiro do Athletic Club.
E nun recente artigo dentro do suplemento cultural Estela, do Faro de
Vigo, reflexiona sobre as razóns polas que Iribar ten sido para el, dende
ben cativo, un deportista e unha persoa especial. Ditas razóns comezan con
cuestións futbolísticas, pero non se deteñen aí, senón que se fan extensivas a
consideracións sobre a personalidade de Iribar, que transcende o terreo de
xogo. Levo escoitando o nome de Iribar de boca de Antonio dende neno, e aínda
que eu non o teña visto xogar en persoa (son novo de máis para iso), o
gardameta vasco tense convertido para min nunha figura cáseque lexendaria.
José Ángel Iribar |
E por iso, aproveitando o artigo de Antonio e unha visita estival
miña a terras galegas, sentei con el en Gondomar e durante uns corenta minutos,
estivemos a falar das razóns da admiración que sente por Iribar. A conversa,
abofé, levounos por diversos vieiros que van máis aló do Txopo (literatura e
deporte, a comercialización do deporte no século XXI, os valores educativos que
cómpre manter no deporte, etc.) pero que dalgún xeito están inspirados pola súa
figura e a súa actitude perante o deporte e a vida. Deixamos aquí abaixo o
vídeo, que pode atoparse tamén en Anton G.-F., a miña canle de YouTube.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ