Páginas

viernes, 17 de mayo de 2024

LETRAS GALEGAS: "Luísa Villalta, voz e compromiso con música e palabras."

 


Como se di moi ben na contracapa do magnífico Luísa Villalta, melodía de palabras, escrito por María Canosa e editado por Edicións Xerais, na colección Merlín (Letras Galegas), “Luísa Villalta foi unha muller conectada coa vida, e fixo desta un espazo máis amable que encheu de beleza e compromiso.

A Luísa Villalta adícaselle o Día das Letras Galegas 2024 pola súa inestimable achega literaria e cultural: foi unha visionaria, unha modernizadora da poesía e do teatro, pero tamén unha congruente defensora das nosas raíces e da nosa historia.



Ademais, destacou na súa faceta musical como violinista: a música e a literatura conflúen na súa obra e conforman un estilo propio e orixinal. A docencia, entendida como un saber xeral, e a loita por que a xustiza e a igualdade habiten en todos os ámbitos, foron outros dos intereses da autora.



Luísa Villalta foi emoción e compromisa nunha mesma voz, esa que prestou a tantas causas para poderen ser escoitadas”.

Non se pode explicar mellor tanto o espírito literario-musical como social como o fai este texto. Por iso, fago miñas estas magníficas palabras.

 

Deseguido, un poema da nosa autora, contido no seu poemario En concreto, co que Versos e aloumiños homenaxea unha poeta que sempre nos emocionou.

 

 



A ESTACIÓN

 

Onda nós nunca pasan os trens.

Só chegan ou parten.


Por iso tamén somos nós

a nosa última estación

o noso amor definitivo.

 

Así podemos marchar

no único sentido posíbel

ou esperar o avalo dos viaxeiros

para sentirnos expandidos nas miradas extrañas

que chegan arrastrando as bambalinas do mundo.

 

Onde nós non hai nunca outro destino


que ser un anónimo fin

ou un glorioso comezo.

 

Máis alá

máis alá somente o mar

e a incertidume da luz

o extremo

o abismo

o espello detido en nós.