Páginas

martes, 6 de febrero de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (80): "Sobremesas sobre versos", de Raquel Castro

 




Fermoso libro o que teño nas mans. Un libro diferente que conxuga narrativa, poesía e…gastronomía!

Emocionoume o contido do mesmo pola súa sensiblidade, polos afectos que viven nel e pola humanidade e intelixencia do seu discurso.

Con este volume, Sobremesas sobre versos (Galaxia. Col. Árbore.2023. Ilustracións de Diana Pastoriza) , Raquel Castro gañou a primeira edición do Premio de Literatura Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022.

Sempre tiven a Raquel Castro como unha autora inqueda, diversa, cargada de sensibilidade e que, sobre todo no que nos ocupa, escribe moi ben. Esta licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, que traballa no ensino secundario, é unha incansable autora teatral, cuxas obras escritas para representar posúen unha calidade extraordinaria. O seu labor a prol do teatro é admirable, pero non abandona nunca os demais xéneros.

E aquí, neste precioso libro, Sobremesas sobre versos, demostra a súa capacidade para chegar a través da palabra narrativa e a palabra poética aos lugares máis fondos do ser humano.

A historia comeza cando a pandemia nos pechou nos fogares e comprendemos a importancia da liberdade. Pechada a autora nun piso, cos aplausos no balcón, vivindo a dureza dun confinamento que nos colleu co pé cambiado, intentaba, pegando o nariz á xanela, ver máis alá das catro paredes que a retiñan.

Era incapaz de cociñar. Estaba desilusionada.

Ao tempo, a avoa comezou a esquecer. Quixo esquecer o mundo que nos esquecía e pechouse nos recordos que a facían feliz.

O mal do mundo, quizais. Pero talvez o mal da avoa levou a autora de Vigo a Visuña. Deixou a cidade e marchou ao CAMPO, con maiúsculas. E recuperou veigas, altas montañas que case tocan o ceo e auga que nace nos recunchos. E alí comezou a respirar.

A avoa púxose maliña. Era costureira de profesión e poeta mais reposteira por vocación.

E disto vai o fermoso libro con que Raquel nos agasalla. Unha tenra historia na que se contan feitos que sucederon ao longo dos tempos e que , no día a día, volver asomar a cabeza. E unha avoa que, como outras, comeza a despoboarse de saberes e recordos.

E o libro, entre parágrafos narrativos,  preséntanos en verso  diversas receitas de sobremesas deliciosas que, aos larpeiros coma min, nos enchen a boca de auga.

Dende filloas con mel ata a crema doce, pasando polas orellas de entroido, polos churros, pola xelea de amorodos ou o leite fritido, entre outros manxares, imos vendo os ingredientes e a preparación dos mesmos.

Receitas rimadas que soan directas e limpas. Escritas con claridade e enxeño poético deitan dozura no seu amplo sentido da palabra.

Coma exemplo do que digo, vexamos a receita dos CHURROS:

 

Ingredientes

 

Medio litro de leite

mais unha cullerada de aceite,

Raquel Castro
de auga bota a metade,

do sal unha presa á túa vontade,

de fariña poñamos

uns trescentos setenta gramos,

con azucre e canela

atrae o churreiro a súa clientela.

 

 

Preparación

 

Fervemos o leite

con auga, sal e aceite.

Bota fariña ao ferver

sen deixar de remexer.

Cando a masa estea pastosa

e sen grumos escumosa,

deixámola arrefriar

para podela traballar.

Logo métea enteira

nunha manga pasteleira,

mentres nunha tixola grande

tes quente aceite abundante.

Vas a manga apertando

e os churros vas cortando.

Cando estean douradiños

poñelos enfeitadiños

de azucre branco ou moreno

cada un no seu desexo.

Chocolate ou canela

como sexa a comedela.

 

Que vos parece? Non pode ser máis orixinal.

Un libro, pois, atraente que fará as delicias do lectorado e, ademais, fará auga na boca de todas as persoas que se perden polas larpeiradas.

 

 

 

                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO