Da esq. á dereita, Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro. |
O venres, día 23 de
febreiro, presentouse no Club FARO DE VIGO (Auditorio do MARCO), o
poemario (case) inédito de Celso Emilio Ferreiro.
Foi un acto entrañable e
reivindicativo.
Alí estabamos Xavier
Ferreiro, fillo do poeta celanovés, Xabier Romero, director de Editorial
Elvira/Luscofusco) e mais eu para falar destes poemas, recompilados nun
libro.
Xabier Romero, Xavier Ferreiro e Antonio G. Teijeiro, antes de comezar o acto. (Foto José Lores. FdV)
O Cabronario é
un volume precioso, que contén corenta e cinco poemas en castelán e catro en
galego, que Celso escribiu nos anos 50/60 e 70, con Franco e o sistema como
albo dos seus dardos envelenados e directos.
Poemas que lía na
clandestinidade aos seus amigos, loxicamente impublicables na época, agás Al César
enano, que viu a luz nun folleto alá en Caracas.
Poemas de resistencia
cultural, persoal e política, contra unha ditadura represora, cruel que abafou
España durante corenta anos.
Unha cuberta moi acaída ao contido do libro, obra de Xavier Magalhães e un Limiar (Limiar Cabreante) obra de Xavier Ferreiro, no que explica os poemas, clarexa certos personaxes e contextualiza o conxunto dos versos que nel podemos ler.
Poemas ferintes, feroces,
maldicentes que expresan o estado de ánimo do poeta nese tempo tan negro da
nosa historia.
O audio que segue a estas
palabras é a presentación completa do acto e o recitado/lectura de varios
poemas do libro.
Que vos preste, porque paga
a pena escoitalo.