Estamos no “Ano Luísa
Villalta” e temos que agradecer a Edicións Xerais de Galicia a
publicación de dous libros sobre a autora homenaxeada este ano no Día das
Letras Galegas.
Son dous volumes atraentes
que nos achegan á vida e á obra da poeta e que están pensados para o lectorado
novo.
É moi necesario que os
lectores e lectoras de Galicia coñezan estas figuras literarias que tanto
fixeron pola nosa cultura.
O primeiro deles, Luísa
Villalta, melodía de palabras, (Col. Merlín) está escrito pola
interesantísima escritora María
Canosa con ilustracións de Laura Romero. Ao longo de 78 páxinas,
María Canosa converte nunha partitura os feitos máis sobresaíntes da poeta
coruñesa falecida no ano 2004.
Dende o Pentagrama
inicial ata a Harmonía final, a escritora vai salientando aspectos
fundamentais da vida de Luísa Villalta, así como o seu carácter, xogando
coas notas musicales. E nós, coma lectores, desfrutamos da DOzura da
poeta, do REservada que era, da MIlitancia e a aMIzade.
Coñecemos a súa obra SÓLida, a súa Formación académica e sentimos
o LAtexo e o SIlencio dunha muller que fundiu coma ninguén dúas
paixóns: música e poesía.
Remata o libro cuns poemas
extraídos de dous dos seus poemarios: Música reservada (1991) e En
concreto (2004).
Interesantísima, tamén, a
presentación audiovisual, por medio de código QR, onde María Canosa fala sobre
Luísa Villalta.
É este un traballo atractivo
de achegamento á poeta para os pequenos e pequenas lectoras.
A través dunha personaxe, Alma, que sae dun violino, cóntase a historia que agroma á beira de Luísa Villalta: a das nosas palabras favoritas. Un enfoque orixinal que parte da frase inicial do libro: as palabras gardan as memorias de todos os tempos.
Así a rapazada coñecerá a
paixón de Luísa pola música e que, co seu violino, nos levaba a calquera
lugar onde voase a imaxinación.
Queda moi claro sempre o
compromiso de Luísa co seu país e a súa rebelión contra a inxustiza, os
conceptos de liberdade, da escrita, a cidade cos seus ruídos, palabras, accións
pero sempre como lugar único e máxico.
Sen dúbida, coma no título
anterior,un acerto das autoras o enfoque que se lles dá a estes libros.
Todo iso, ademais,
complementado polas magníficas ilustracións de Laura Suárez, con moito colorido
e moi vivaces que fan moi agradable o feito de pasar as páxinas, lelas e
gozalas esteticamente.