Páginas

jueves, 9 de junio de 2022

FIESTRA ABERTA (8) Poemas de Paz Fernández

 



É unha desas persoas que non se esquecen. Unha muller de personalidade mollada en sensibilidade e directa cun certo toque de lirismo en todo o que toca: expresións, poemas, pensamentos, fotografías e demais.

Un pracer coñecela. Agarimosa, atenta, reflexiva.

Paz Fernández é sensualidade e intelixencia.

Paz Fernández escribe. Con tantas calidades non é de estrañar.E faino ben.

Por iso lle pedín uns poemas para esta Fiestra aberta. E ela envioumos encantada.

Lédeos con agarimo e con atención. Pagan a pena.

Un pracer, Paz.





Paz Fernández e Antonio en Chantada


Hai tempo recibín unha invitación de Antonio García Teijeiro para participar en “Versos e aloumiños”. A miña ilusión e o meu agradecemento son paralelos á miña reticencia pola falta de satisfacción co que escribo. A crítica máis dura co que fago é a miña propia, porque non son de certezas nin de grandes seguridades. Fago poemas desde os dez anos, cando interna nun colexio de monxas lle escribía versos á miña nai. Desde entón todo foi romper ou tirar ao lume, ata que chegou Facebook e deume por publicar aí as miñas emocións. Por iso só se conserva o dos últimos cinco anos. Cada palabra dos meus poemas nace dun momento intenso en que non podo gardar dentro canto sinto e ao escribir boto fóra a tristeza, a carraxe, a saudade ou esa sensación de plenitude ou gozo da beleza que me invaden e non me caben dentro.

 

Antonio agasalloume coa súa confianza e amizade e aí van estes versos para todos os que necesitamos os bicos da poesía e do mar para respirar.

 

 

 

Pintura de Fidel Vidal




Escribir unha carta de amor na xeada, superficie de xiz onde eu esvaro

e debuxo o teu nome.

Patinadora inexperta

que aprendeu na area das praias

a adorar as ondas de escuma branca.

E así tezo con palabras que se borran

esperanzas como veas que se apagan.

É o vento, ou obstrúense as arterias?

Escribir nomes que foron e non son

no atardecer de beleza e xeo,

fica o mar do misterio das palabras.

Foto roubada pola autora a un amigo en fb
A casa é fría, mais é hora

de pechar a porta

de volver á casa.

 

 

 


Paporrubio, paporrubio,

que levas lume no peito

dáme algunha caloriña

para este mes de xaneiro.

Só con verte esta mañá

esquecinme da tristeza

e pensei que eras promesa,

e derreteuse a xeada,

e ata acendín un sorriso

nesta boca que olvidara,

e acerqueime paseniño,

para que non te escaparas!

Somos de olliños pequenos

e segredos nas miradas,

pero cando nos ollamos

eu calaba, ti falabas.

Paporrubio, paporrubio,

ábreme unha portiña

para durmir no teu peito.

Para que non entre o frío,

heina de pechar axiña!

Aí durmirei, amigo,

todas as mañanas frías

mentres as aves do mundo

de amor dicían...

 

 

 

Facerse lentamente terra

e contribuír desde a silenciosa podredume

ao nacemento dunha flor, quizais.

 

 

 

Cómprame un vestido azul,

azul de lirio salvaxe.

Un vestido que ao bailar

encha de abril a mirada,

mentres xogas coa guitarra.

Terá unha saia moi longa,

que cando a poña a xirar

fique a túa boca calada

ou susurre:

baila, baila.

Mais para poder danzar

has de deixar que me vaia,

pois morren as miñas ás

cando pretenden coutalas.

Ese vestido xa é meu,

agasalloumo unha fada!

É dunha tea tan fina

que só as ondas do mar

bícana sen rasgala.

 


Se me deixaran,

estaría pillando saltóns nun prado de centeo

e sería o vixía.

Se me deixaran brincaría coas ondas

ata morrer de risa

e non marcharía correndo facer a comida.

Se me deixaran,

ata tería un amante de verdade

que me suplicara "non me olvides"

nun agasallo de horas eternas.

Se me deixaran non tería medo

dos días e das noites

onde me enterrei

ou me enterraron.

E o mundo sería máis azul

Debuxo do fillo da autora, Adrián Maceda, "que me idealiza e fai de min o que eu quixera ser.
e ata coñecería París

ou os cereixos en flor

de Badaxoz.

Non sentiría un estremecer

cada vez que soño,

nin unha sombra nas paredes

que me axexa.

Este sentir que anoiteceu

e non fuches quen

de loitar por ser

canto querías

e aínda late

soterrado

rindo e pillando saltóns

xogando a voar coas bolboretas

nun inmenso campo de centeo.



Canción de berce para Elía.

 

A linda Elía durmía,

Lelia doura,

en sabas de branco liño.

O vento asubía leve


como ás de paxariño,

susurrando unha palabra:



Elía!

Elía, pel de veludo,

teñen envexa as peonías

da túa boca que ri

polos bicos que che deixa

cada mirada que pousa

no teu rostro de alelí.

Lelia, Lelía, Elía, Lelia doura.

Veñen os días vestidos

de luz para saudarte,

e cando abres os ollos,

de vergoña, as estreliñas

detrás das nubes se esconden.

Feliz vida, linda Elía,

que os amores que recibes

sexan os fíos que tecen

a primavera dos días!

Durme, miña nena,

durme.

Durme xa!

que as bolboretas

mañá han vir a saudarte

por que lles pintes as ás

cando os acordes do vento

lles segreden o teu nome:

Elía, Elía...

Lelia, Lelía, Lelia doura.

 

 

Este poema xurdiu ao ver a beleza da netiña dun amigo. Á nena puxéronlle por nome Elía.