Páginas

lunes, 6 de junio de 2022

VÍDEO DO RECITADO DE "NO XARDÍN DO POETA" , DE ANTONIO G.TEIJEIRO, NA VÉSPERA DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2022

Francisco Castro, AGT, Elba Pedrosa, Inma L. Silva e Marcos Calveiro



A véspera do Día das Letras Galegas, dedicado ao galeguista Florencio Delgado Gurriarán, foi un día triste para todos os que amamos a literatura, porque coñecemos a dura noticia de que o escritor vigués Domingo Villar acababa de sufrir un infarto cerebral.


 

De aí que o acto L de Lírica. Micro aberto, que se celebrou na libraría do Corte Inglés en Vigo estivo marcado polo abatemento e certo desazo das e dos participantes no mesmo.

Tanto foi así que Francisco Castro, escritor e director da Editorial Galaxia, renunciou a ler un texto de seu para substituílo por un conto de Domingo Villar do seu libro Algúns contos completos, editado por esta editorial.

Francisco Castro le un texto de Domingo Villar

 

Inma López Silva leu outro conto do creador do inspector Leo Caldas, ademais dun seu poemario recén saído do prelo e galardoado co Premio de poesía “Eusebio Lorenzo Baleirón”.

En todos aniñaba a tristeza polo acontecido a un escritor moi lido e moi querido na cidade olívica.

Participaron no acto Pati Blanco, Elba Pedrosa, Xulia María, Marcos Calveiro e Miguel Ángel Alonso Diz, ademais de min e dos anteriormente citados.

Pati Blanco, F.Castro, AGT, Elba Pedrosa, Inma L. Silva e Marcos Calveiro

Para este evento, que en principio debía ser gozoso, eu escollín para este recital uns poemas de No xardín do poeta. O meu diálogo poético co grande escritor andaluz segue a emocioinarme e foi un enorme pracer poder dicilo en voz alta por primeira vez des que saíu o libro.

Editado por Edicións Xerais e ilustrado polo gran Víctor Rivas, este libro sempre será algo que terei ben preto para facer que os poemas voen sen ningunha clase de atrancos polo ceo da poesía.


 

Aquí embaixo está á vosa disposición, prezadas e prezados lectores deste noso blog-revista, o vídeo de dez minutos coa miña lectura poética. Que  sexa do voso agrado.