TÍTULO: Dormente.
AUTORA: Raquel Castro.
ILUSTRACIÓNS: Laura Veleiro.
EDITORIAL: Galaxia.
Colección: Árbore.
Dormente é unha
obra de teatro da escritora e profesora Raquel Castro, coñecida pola súa
traxectoria no eido do teatro galego para os máis novos, tanto coma creadora de
pezas teatrais destinadas á súa representación polo grupo de teatro
infanto-xuvenil “Ata sempre”, coma Presidenta e Fundadora da Asociación Teatral
de Alxén dende 1999.
Raquel Castro con “Dormente”
amosa o seu coñecemento do importante papel da literatura en xeral e, en
concreto, do teatro no desenvolvemento das persoas. Coma fonte de reflexión ao
observar os diferentes comportamentos humanos e, xa que logo, como poder
transformador da sociedade a través dos individuos para crear un futuro plural,
equitativo e xusto onde nin os prexuízos teñan cabida, nin os erros veñan
cargados coa culpabilidade senón que sexan resortes para impulsar a
aprendizaxe.
A historia
desenvólvese ao longo de catro actos máis un preacto introdutorio nos que nove
personaxes atemporais e dispares nas súas profesións conducen o lector a un
universo onde o pasado e o presente se mesturan para dar lugar a un futuro máis
prometedor. Nove personaxes do máis variado dan vida a esta reinterpretación do
clásico “A bela adormecida” adaptándoo aos tempos actuais, deixando ler entre
liñas, botando abaixo prexuízos e estereotipos de xénero e abrindo unha venta á
reflexión e ao debate.
A trama xira ao redor de Dormente e a súa negativa
a espertar. Por medio das pescudas levadas a cabo por Xerlo e Amara,
detectives privados contratados polo Rei (o pai de Dormente)
descubriremos que o amor non se pode impoñer porque é libre e só atende ás
emocións, que a mentira acarrea consecuencias e que a solidariedade é unha boa
arma para desmontar as convencións sociais que lastran a realización persoal.
Coñecemos os personaxes polo que din pero tamén polo que calan.
A linguaxe directa, clara e expresiva acompañada polo
humor tanto nas palabras coma nas situacións conectan co lector e fano
partícipe.
Laura Veleiro
é a encargada de dotar con vida os personaxes por medio de expresivas
ilustracións.
Páx.22: “Rei: O Rei, que rei vou ser, O Rei.
Xerlo: E non ten nome?
Rei:
Teño moitos, mais todo o mundo se puxo de acordo en chamarme Rei ou
“Súa maxestade”.
Amara: A súa?
Rei:
Non, a súa
Xerlo: A miña?”
Páx.149:
“Toniño: Está durmida?
Raíña:
Si, aquela meiga de alí, enfeitizouna.
Toniño: Que mala!
Malévola: Si, é o que ten ser una meiga. Non podo deixar de facer mal.”