Páginas

viernes, 26 de noviembre de 2021

FIESTRA ABERTA (7) Poemas de Ana Fachini

 




Dá gusto coñecer e afondar en persoas como Ana Fachini.

Porque Ana ama a palabra literaria, tanto escrita coma oral. Porque Ana enche de entusiasmo todo o que fai. Porque é optimista, non foxe dos atrancos e segue un camiño de ilusión e retos varios.

Un pracer para Versos e aloumiños, para esta Fiestra aberta, contar cos seus textos. Non teñen desperdicio.

Lede o que pensa, o que escribe, o que sente.

As súas palabras son o testemuño dunha persoa sen límites.

Grazas, Ana.

 

 

Ana Fachini

 

 

                                                            Quen é Ana Fachini?

  

Son unha contista á que nunca lle contaron contos. Gústame xogar coa musicalidade das palabras, coa voz, co ritmo e co xesto. Son unha apaixonada da lingua como expresión de universos e símbolo de identidade. Son amante da música, da narración e do teatro como vías de achegamento emocional e lúdico á literatura e ao idioma. Son, por vocación, unha eterna aprendiz.



Os teus versos.

 

 Son os teus versos estrelas

que enchen a noite de luz.

Son os teus versos un ceo

pintado sempre de azul.

 

Son os teus versos un río

na busca ansiosa do mar.

Son os teus versos marea

de algas, de escuma e de sal.

 

Son os teus versos a brisa

que lambe a herba dos campos.

Son os teus versos a nube

que aleita cordeiros brancos.

 

Son os teus versos a chuvia,

finos cristais transparentes.

Son os teus versos orballo,

tenues bágoas de neve.

 

Son os teus versos palabras

emprestadas ao silencio.

Son os teus versos idioma,

primeiro arrolo dun neno.

 

Son os teus versos refuxio.

Son os teus versos alento.

 

Cando os teus versos me abrazan

son o dono do universo.

 

 

 

 

 

Versos en caixas, caixas de versos.

 

 Os meus versos nunha caixa,                

noutra caixa os versos teus.   

Probemos logo a sacalos                 

contando os dous ata tres!     

 

Digo 1 e ti dis 3,            

pero os versos, que non saen.

Imos tentalo outra vez!

Digo 1 e ti dis 3.         

Ningún asoma nas caixas.

Mellor contar ao revés!

 

Digo 3 e ti dis 1.

De súpeto ábrese o pano

e dá comezo o debut.

 

Dende as caixas nos observan

un par de versos xemelgos.

Seica discuten cal deles

será o que saia primeiro.

 

Hai versos de mil feituras,     

consonantes e asonantes,                

abruptos e encabalgados,     

de arte maior e sen arte.        

 

Os que máis vergonza teñen,

mentres non lles pasa o medo,

agóchanse baixo a lingua

até que empeza o enleo.

 

Bórranse cando os escribes,                               

desordénanse sen máis.                                               

Os libres piden ser brancos,                                        

os soltos queren rimar.

 

As sinalefas, ausentes.  

As metáforas, en folga.

O ritmo, descompasado

e a medida que anda tola.

 

Polo chan reptan algúns,

corren outros tras o vento,

emborráchanse de mar         

e danzan entre os cadernos.

 

E cando o sol se despide

e a noite se fai máis negra,

descansan nos nosos labios

e imaxinan ser poema.

 

 

Os meus versos nunha caixa,

noutra caixa os versos teus.

Probemos logo a gardalos

contando os dous ata tres!

 

1, 2, 3.

 

 

  

Palabras

 

 Palabras, 

palabras de azucre.

 

Palabras,


palabras de sal.

 

Palabras,

palabras de mel.

 

Palabras,

palabras de mar.

 

Palabras,

palabras de amigo.

 

Palabras,

palabras de nai.

 

Palabras

gardadas nun bico.

 

Palabras

de lingua e cantar.

 

Existo palabras.

Palabras habito.

 

Fermosas palabras

de fin a principio.

 

 




Se queredes saber máis de Ana Fachini...

 

 

 Ana Facchini naceu en Vigo en 1968 despois de cruzar todo o Atlántico no ventre da súa nai. Quizais sexa por iso que non pode vivir sen o mar. De pequena, pasaba o día enteiro a cantar e bailar, xogaba a ser mestra do seu can e das plantas do xardín e no colexio non había celebración na que non subise ao escenario.

 

Na adolescencia, descubriu a poesía e o idioma e, con eles, a súa vocación. Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e durante moitos anos impartiu cursos de Lingua e Cultura  Galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

Cando cumpriu os cincuenta, atreveuse a perseguir os seus soños de infancia e naceu a unha nova vida, participando en programas de voluntariado e tratando de facer camiño como contadora de historias.

 

Dende entón, compaxina a docencia con proxectos de xestión cultural e dinamización da lingua galega, amais do seu labor como voluntaria na Asociación Galiclown Pallasos de Hospital e de actuacións de fomento lector como narradora oral.

 

Hoxe xoga coas palabras e cos versos na procura dun novo soño, cantar e contar as súas propias historias.


martes, 23 de noviembre de 2021

DARDO POÉTICO (LXXVI) "Na morte de Darío Xohán Cabana"

 




Onte, a través dunha amiga, souben da morte dun gran poeta, dun enorme narrador -Ai, Galván en Seor!-, dunha persoa recta e crítica, dun tradutor dun nivel extraordinario -Cancioneiro de Petrarca e a Divina Comedia son exemplos evidentes.

Pero Darío Xohán Cabana iniciouse no mundo literario escribindo poesía. E foi un poeta elexíaco, moi apegado á terra. Un poeta en constante equilibrio entre fondo e ton. Un poeta que expresa con orgullo cantos e poemas dedicados ao campesiñado, ás raíces labregas entre tantos temas coma o amor ou a morte.


Darío Xohán Cabana



O primeiro libro de poesía de Darío Xohán Cabana foi A fraga amurallada co que gañara o Premio de poesía Cidade de Ourense (1982). Pero o que primeiro me chegou máis adentro foi Canta de cerca a morte, editado por Galaxia na colección Dombate e que resultou gañador do III Premio de poesía Martín Codax. Publicado en 1994 significou para min algo que Méndez Ferrín apunta no prólogo do mesmo: “ É un libro no que a poesía expándese coma un manantío de pureza prístina, de fluído incesante…”

Así o sentín eu ao longo da lectura e, malia o alento que a morte posúe nestes versos, non tardei en me decatar de que era un poemario de vida e prevaleceu na miña memoria de maneira constante.

 Coma homenaxe a tan grande escritor, poñemos deseguido un dos poemas deste libro, un fermoso soneto para que a emoción poética nos anegue.

 

 ¿Por que non esmorece nunca o lume

que me acendiche tu na primavera,

por que é xa gasto o vrao e non modera

tanta calor a choiva do costume?

 

¡Amor, amor, amor que me consume

docísimo e terrible e non me altera,

lapa irascible transparente austera

que non encontra xa de que erguer 

fume!

 

¿Canto han de estar os ollos meus pousados

sobre ti pra cansaren, canto inverno

terá que vir para que arrefríe a lapa?

 

¿Non son a cinza os guizos condenados?

¿Quizais non todo anoxa ser eterno?

¿Talvez hai algo que á extinción escapa?


Compartindo mesa con Darío e con Antonio Reigosa en "Mondoñedo é poesía"



martes, 16 de noviembre de 2021

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXXIII) "Poemas bestas e outros bechos", de Leire Bilbao

 



                                                LEIRE BILBAO (Ondárroa, 1978)

 

 

A lingua da Terra

 

 Cando a Terra se fixo Terra

Leire Bilbao  (Foto de Iban Gorriti)

os que tiñan voz calaron

e os que  non a tiñan falaron.

Dende aquel día

as ras gardan o riso das pedras;

os corvos, o idioma do bosque;

os salmóns, os poemas do río,

e as ovellas, a música da herba.

E aínda hoxe coidan, entre todos,

das linguas grandes e pequenas.

 

 

 

Dous paxaros

 

Dous paxaros están cantando

sobre un cable de alta tensión.

 

Dous paxaros están asubiando

e miran abaixo con atención.

 

Dous paxaros aconchegados

ven pasar unha parella.

 

Dous paxaros arrimados

sentan nun banco de pedra.

 

Dous paxaros pousados

ven que os mozos se acaroan.

 

Dous paxaros namorados

envexan o bico que voa.

 

 

 

 

O tempo

 

O tempo é coma a mosca

á que lle abres a fiestra e marcha

voando moi lonxe da casa.

 

 

 

A soidade da medusa

Ilustración de Maite Mutuberria
 

A medusa necesita agarimo,

persegue os bañistas na auga

para darlles apertas e bicos.

 

A soidade da medusa II

 

A medusa rouba as apertas

dos bañistas que nadan na praia.

A medusa séntese soa,

non quere que os bañistas se vaian.

 

 

 

(Do libro Poemas bestas e outros bechos, editado por Kalandraka Editora, 2021. Título orixinal do poemrio Piztipoemak eta beste xomorro batzuk. Tradución de Isaac Xubín. Ilustracións de Maite Mutuberria).



martes, 9 de noviembre de 2021

DARDO POÉTICO (LXXV) "Canta, miña rula, canta" e "As palabras están a mirarse arredor da mesa". Uns poemas.





Dous poemarios meus aparecidos no 2021. Dous poemarios diferentes tanto na forma coma no contido. Pero dous poemarios presididos por un denominador común: un respecto aos lectores e un amor á poesía sen contemplacións.

     



     Canta, miña rula, canta está pensado nos primeiros lectores para que a poesía se achegue a eles e poidan sucumbir ao poder da palabra poética, á imaxes, a unhas ilustracións de Xan López Domínguez, espectaculares, lúdicas, brillantes e a unha edición da Editorial Galaxia que agradezo fondamente.  Son poemas vivos, pillabáns, xogantíns, musicais, moi rodarianos nalgún caso e ateigados de humor e surrealismo. É unha volta á literatura de tradición oral. Como di a contracapa do libro “ a voz poética estoura ata o infinito nunha incrible sinfonía de cores…

 

 Velaquí tres poemas do libro:

 

A galiña de Perico

poñía ovos de cores.

No verán eran azuis,

na primavera eran verdes,

polo outono eran de flores

e no inverno puña peixes.

Dalgúns saían laranxas

e doutros, moitas cereixas.

E dos máis, nacían pitos

que subían ás cerdeiras.

 


 

 

Este nariz

si, olerá.

Estes olliños

si que ollarán.

Esta boquiña,

si, vai comer.

E aquelas pernas

si, van correr.

Esta rapaza,

coma a bubela,

vai esbirrar

na primavera.

E, coma sempre,

os paxariños

sen dicir nada

farán os niños.

 


 



Un barquiño

                chega á area,

cando está baixa

                           a marea.

E alí queda

                despistado

e confuso

              o moi coitado.

El non sabe  regresar

     pois lle queda

                           lonxe o mar.

Pide ás ondas

                      falangueiras,

que se achegan

                       á ribeira,

que o devolvan

                       a eses mares

                       para ver

                                 outros lugares.

Pero as ondas non o oíron

e el sentiuse moi perdido.

Menos mal que

veu un vento

que o levou a barlovento.

E o barquiño navegou

                              polos mares

                                          de Coucou.

 

 


 


O  segundo dos poemarios, As palabras están a mirarse arredor da mesa, vai dirixido aos lectores, mozas e mozos, e ao público sen atender aos anos.

     



Partindo duns versos de Gioconda Belli, créase un mundo poético que nos achega ao acto creativo, a ese esforzo das poetas e dos poetas por facer visible a súa visión da vida a través das palabras, ao amor sen perder a perspectiva que nos proporciona o paso do tempo. O libro está ilustrado cunha intencionalidade poética evidente pola muralista Lidia Cao que fai unha lectura aberta e intelixente dos poemas que acomete.

     A edición de Cuarto de Inverno é exquisita o que axuda a converter o libro nun todo luminoso.





Sobre el escribiu o catedrático de filosofía Marcelino Agís o seguinte artigo no Correo Gallego:

     

Comprobeino unha vez ao percorrer as páxinas do último libro de poemas de Antonio García Teijeiro As palabras están a mirarse arredor da mesa, que se presentou a semana pasada en Santiago de Compostela. Un libro que pon ao descuberto un dos segredos mellor gardados da alquimia poética e filosófica: poetizar, o mesmo que filosofar, consiste en colocar adecuadamente as palabras pois, como di a poeta nicaraguana Gioconda Belli, "as palabras míranse ao redor da mesa". Míranse en silencio mentres poetas e filósofos, no seu laboratorio íntimo, traballan para que non aparezan de calquera xeito nunha frase mal construída. O maior pecado, imperdoable quizais porque atenta contra a propia esencia poética e filosófica, é tomar as palabras en balde xa que a través delas atopamos o sentido da vida.

Cada un debe descubrir canto antes cal é ese sentido pois, como escribiu Jaime Gil de Biedma, "a vida ás veces é tan pouco e tan intensa", "que cando nos decatamos de que estamos vivindo comezamos a sentir que nos estamos despedindo dela", conclúe Antonio García Teijeiro.

 


 


Síntome feliz da saída do prelo destes poemarios, que xa son referencia na miña longa traxectoria literaria.

     Podedes ler tres poemas do libro.

 

                                                      La vida a veces es tan poco

                                      y tan intensa...

                                                                JAIME GIL DE BIEDMA

 

A vida,

    tan confusa

    tan frenética

    tan intensa

   e tan breve,

que, cando nos

              decatamos de

que estamos vivindo,

comezamos a

sentir que nos

estamos despedindo

                      dela.

 

 

 

Ilustración de Lidia Cao

 

 


Ser poeta é

              unha desculpa

para poder dicir,

    como Pedro Salinas:

“Serás, amor,

    un largo adiós que no se acaba?”

    no canto

              dun simple

“non sabes, amor, como

                          te

                            quero”.

 

 

 


 

 

 

Nótase no poema

que renxen os versos.

Comprende o poeta

que pesan as dúbidas

                                  dos himnos

e que as capas invisibles do aire

afogan a tenrura.

Dóelle ao poeta

que medren as distancias

           entre as palabras e as imaxes;

            entre a miseria e a luz;

            entre a mentira e a memoria.

A ferruxe cobre a folla do papel.

        

                       (O poeta cala)


 

 

E para rematar este "dardo poético" podedes ver un vídeo no que leo dous poemas durante a presentación do poemario na Librería Pedreira, en Santiago de Compostela.