Páginas

viernes, 26 de noviembre de 2021

FIESTRA ABERTA (7) Poemas de Ana Fachini

 




Dá gusto coñecer e afondar en persoas como Ana Fachini.

Porque Ana ama a palabra literaria, tanto escrita coma oral. Porque Ana enche de entusiasmo todo o que fai. Porque é optimista, non foxe dos atrancos e segue un camiño de ilusión e retos varios.

Un pracer para Versos e aloumiños, para esta Fiestra aberta, contar cos seus textos. Non teñen desperdicio.

Lede o que pensa, o que escribe, o que sente.

As súas palabras son o testemuño dunha persoa sen límites.

Grazas, Ana.

 

 

Ana Fachini

 

 

                                                            Quen é Ana Fachini?

  

Son unha contista á que nunca lle contaron contos. Gústame xogar coa musicalidade das palabras, coa voz, co ritmo e co xesto. Son unha apaixonada da lingua como expresión de universos e símbolo de identidade. Son amante da música, da narración e do teatro como vías de achegamento emocional e lúdico á literatura e ao idioma. Son, por vocación, unha eterna aprendiz.



Os teus versos.

 

 Son os teus versos estrelas

que enchen a noite de luz.

Son os teus versos un ceo

pintado sempre de azul.

 

Son os teus versos un río

na busca ansiosa do mar.

Son os teus versos marea

de algas, de escuma e de sal.

 

Son os teus versos a brisa

que lambe a herba dos campos.

Son os teus versos a nube

que aleita cordeiros brancos.

 

Son os teus versos a chuvia,

finos cristais transparentes.

Son os teus versos orballo,

tenues bágoas de neve.

 

Son os teus versos palabras

emprestadas ao silencio.

Son os teus versos idioma,

primeiro arrolo dun neno.

 

Son os teus versos refuxio.

Son os teus versos alento.

 

Cando os teus versos me abrazan

son o dono do universo.

 

 

 

 

 

Versos en caixas, caixas de versos.

 

 Os meus versos nunha caixa,                

noutra caixa os versos teus.   

Probemos logo a sacalos                 

contando os dous ata tres!     

 

Digo 1 e ti dis 3,            

pero os versos, que non saen.

Imos tentalo outra vez!

Digo 1 e ti dis 3.         

Ningún asoma nas caixas.

Mellor contar ao revés!

 

Digo 3 e ti dis 1.

De súpeto ábrese o pano

e dá comezo o debut.

 

Dende as caixas nos observan

un par de versos xemelgos.

Seica discuten cal deles

será o que saia primeiro.

 

Hai versos de mil feituras,     

consonantes e asonantes,                

abruptos e encabalgados,     

de arte maior e sen arte.        

 

Os que máis vergonza teñen,

mentres non lles pasa o medo,

agóchanse baixo a lingua

até que empeza o enleo.

 

Bórranse cando os escribes,                               

desordénanse sen máis.                                               

Os libres piden ser brancos,                                        

os soltos queren rimar.

 

As sinalefas, ausentes.  

As metáforas, en folga.

O ritmo, descompasado

e a medida que anda tola.

 

Polo chan reptan algúns,

corren outros tras o vento,

emborráchanse de mar         

e danzan entre os cadernos.

 

E cando o sol se despide

e a noite se fai máis negra,

descansan nos nosos labios

e imaxinan ser poema.

 

 

Os meus versos nunha caixa,

noutra caixa os versos teus.

Probemos logo a gardalos

contando os dous ata tres!

 

1, 2, 3.

 

 

  

Palabras

 

 Palabras, 

palabras de azucre.

 

Palabras,


palabras de sal.

 

Palabras,

palabras de mel.

 

Palabras,

palabras de mar.

 

Palabras,

palabras de amigo.

 

Palabras,

palabras de nai.

 

Palabras

gardadas nun bico.

 

Palabras

de lingua e cantar.

 

Existo palabras.

Palabras habito.

 

Fermosas palabras

de fin a principio.

 

 




Se queredes saber máis de Ana Fachini...

 

 

 Ana Facchini naceu en Vigo en 1968 despois de cruzar todo o Atlántico no ventre da súa nai. Quizais sexa por iso que non pode vivir sen o mar. De pequena, pasaba o día enteiro a cantar e bailar, xogaba a ser mestra do seu can e das plantas do xardín e no colexio non había celebración na que non subise ao escenario.

 

Na adolescencia, descubriu a poesía e o idioma e, con eles, a súa vocación. Estudou Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela e durante moitos anos impartiu cursos de Lingua e Cultura  Galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

 

Cando cumpriu os cincuenta, atreveuse a perseguir os seus soños de infancia e naceu a unha nova vida, participando en programas de voluntariado e tratando de facer camiño como contadora de historias.

 

Dende entón, compaxina a docencia con proxectos de xestión cultural e dinamización da lingua galega, amais do seu labor como voluntaria na Asociación Galiclown Pallasos de Hospital e de actuacións de fomento lector como narradora oral.

 

Hoxe xoga coas palabras e cos versos na procura dun novo soño, cantar e contar as súas propias historias.