Día 24 de febreiro, “Día
de Rosalía”. Homenaxes, lecturas públicas, incidencia nos medios…Rosalía,
nai e señora, poeta insigne, poesía universal.
Eu tamén quero homenaxeala. Leo a Rosalía
de contino. A súa obra completa está sempre encol da miña mesa de noite. Leo e releo a Rosalía de Castro como
unha necesidade vital. A través dela comprendo mellor as grazas e desgrazas do
noso pobo galego. Acompáñame, acubíllame, faime sentir un ser cheo de enerxía e
de ganas de facer cousas.
Sempre estivo Rosalía na miña obra. Sempre
hai uns seus versos entre os meus, verdadeira fonte de inspiración para a miña
poesía. Síntome mellor persoa despois de ler os seus poemas. O seu carácter
empúrrame a escribir e a desfrutar de emocións no cotián, mesmo cando a cor
gris enzoufa o ambiente.
En moitos dos meus poemarios a súa pegada
vólvese evidente e eu téñoa presente decote.
Velaquí tres poemas que xustifican o que
digo. Velaquí un recitado ateigado de sensibilidade e agarimo pola poeta, pola
muller.
O primeiro poema pertence a Al hilo
de la palabra, escrito en castelán, pero traducido ao galego para a
ocasión. O segundo atópase en Caderno de fume e lévame a sentir
as tristes badaladas de Bastabales que significaban a soidade para Rosalía. E o
terceiro, de Na fogueira dos versos, parte de dous versos da
autora.
Oxalá todo o que se festexa neste día sirva para que se lea máis a Rosalía. Que non sexa unicamente unha faciana nas camisetas, nas cuncas, nas insignias. Que leamos unha autora que é un símbolo da poesía non só galega senón tamén universal.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO