Páginas

viernes, 6 de noviembre de 2020

FAÍSCAS (3) "Eu leo, sempre leo"

 




Eu leo. Sempre leo. Non podo deixar de ler  de ningunha maneira. Leo mentres agardo no centro de saúde, cando vou en bus, nos aeroportos, na praia. Leo nos trens, nos avións, nalgunha cafetaría se teño que agardar por alguén. Leo polo día dun xeito selectivo por traballo e por pracer. Mesmo cando xogaba na máxima categoría do balonmán español, na véspera do partido, xa no cuarto compartido cun compañeiro, lía antes de durmir. Linlles a meus fillos, á miña neta, aos meus alumnos e recomendaba libros aos meus xogadores nas distintas etapas de adestrador. Gústame falar de libros, do fenómeno máxico da lectura e escoitar as recomendacións daquelas persoas que teñen un bo gusto literario. Son esixente coa lectura. Non me vale calquera novela, calquera ensaio ou calquera poemario. Detesto a literatura de consumo. Detesto esa poesía de cartón dirixida aos adolescentes sen o mínimo rigor literario. Por aí camiño. Ao longo do tempo, fun adquirindo unha capacidade lectora profunda e crítica. E gústame, debo confesalo, ler na cama. Resúltame un gozo especial. O meu tempo nocturno  vai enfocado cara a ese momento. Na cama, cun libro que me permita vivir o que o autor ou autora está a ofrecerme, o tempo de meu detense. E pérdome no mundo que sosteño coas mans e acepto os atrancos, as verdades e medias verdades literarias, os seus enganos e demais chiscadelas que me propoñen. Déixome levar pola historia dun xeito enfermizo. Esquezo o que me rodea. O silencio faise dono da miña paixón lectora . Releo parágrafos e reflexiono. O libro, coma o espello de min mesmo; como elemento provocador dos meus desexos e das miñas esperanzas. Sinto o libro coma ese amigo que me dá  a man para que me reflicta nas diversas miradas dun universo literario. Ler é abrir unha fiestra a outros mundos e sentir que un pode formar parte deles. Porque, tamén, eses mundos son reflexo da nosa vida. E consciente ou inconscientemente sempre acabamos buscándonos nas situacións narradas ou nos versos e as súas imaxes, nos personaxes e na atmosfera creada. Ao fin de contas, que é a literatura, senón a representación de todas aquelas arelas e decepcións que sufrimos e/ou gozamos ao longo dos anos? Cos libros madurei, coñecinme mellor, fíxenme preguntas e dei coas respostas ben veces. Os libros permitíronme contrarrestar o baleiro que nos envolve moi a miúdo. Realmente, como alguén afirmou, somos o que lemos. Como tamén di o escritor andaluz Eliacer Cansino, “reivindicar a lectura é unha obriga humanista e comprometida co progreso”. Xaora que penso coma el e digo que ler constitúe o acto intelectual máis rico e complexo ao que pode aspirar o ser humano. Comprendino e vivino nas miñas propias carnes. Gozar da palabra escrita con honestidade e intelixencia resulta un pracer de deuses. Por iso leo e non podo entender a miña vida sen a lectura literaria, mesmo comprendendo que o acto lector non deixa de ser un acto de ousadía na sociedade pola que transitamos. Pero penso que quen non se atreva a arriscarse coa lectura está a perder algo que é un tesouro afectivo e necesario para o seu equilibrio emocional. E é unha verdadeira pena que tantas persoas vivan de costas á boa literatura.

 




                                                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO