No ano 2007 vía a luz un
poemario moi importante para min: Presenzas marcadas. Publicouno Librería
Follas Novas/ Follas Novas edicións, na colección Libros da Frouma
cun magnífico limiar de Armando Requeixo. Nese libro reflectín o que
para min ía ser a liña poética no futuro. E coido que, trece anos despois, así
vai ser.
No ano 2020, a editorial El Cercano,
na colección Eiras Vedras, ao coidado de Manuel Janeiro, publica
a tradución deste poemario coa inclusión de dez novos poemas inéditos.
Traducidos por Alba Piñeiro e a miña colaboración recibe o título de
Presencias marcadas y otras presencias. No mes de marzo íase presentar no Club
Faro en Vigo. O confinamento pola pandemia impediuno.
Foi a finais de setembro, No “Club Faro”,
coa participación de Álvaro Otero e de Manuel Janeiro, director e deseñador
da colección, por fin puidemos celebrar un acto ben interesante sobre este libro
de poemas.
Hai uns días, Rafa Valero e Guada
Guerra, directores do Cíes Podcast, chamáronme para falar del. Eu,
nunha conversa moi agradable, improvisei estas palabras que vou reproducir
deseguido.
A vida é un camiño
que todos imos percorrendo cada un ao seu ritmo. A vida, pois, vén sendo unha
presenza continua, que acolle diversas presenzas que a forman: a infancia, o
medo, o amor, o desamor, as lembranzas, as relacións humanas, a familia, a
memoria, a loita, os éxitos e os fracasos…en definitiva, todo aquilo que forma
parte da esencia do ser humano.
En Presencias marcadas y otras
presencias, pretendo expresar como as moitas presenzas cotiás van
construíndo o carácter das persoas e, xa que logo, configurando os seus
comportamentos, tanto do quen escribe como de quen le os poemas. É o fenómeno
da “identificación” tan presente nas obras literarias. Porque ocorre na
literatura, e se me apuran, sobre todo na poesía. Sucede con moita frecuencia,
que a poesía consegue esa capacidade real de convencer o lectorado de que o que
expresan os versos pode sucederlle a el mesma, a ela mesma. E isto é algo que
provoca unha conexión vital e emocional que fai do discurso poético algo moi
íntimo.
En Presencias marcadas y otras
presencias intento falar de ausencias e de baleiros a través do equilibrio
da palabra nuns versos espidos, intensos e directos. Sen artificios. Mesmo,
formalmente, libres. E as ausencias -e non é un xogo de conceptos banais- tamén
son presenzas na nosa vida.
No poemario non hai verdades, senón
impulsos vitais que dan corpo ás necesidades de cadaquén e ás vicisitudes coas
que nos enfrontamos día a día. Verbas para vencer a escuridade, para definir as
paisaxes e indefinicións que nos envolven, cando non nos atormentan. Verbas
para mirar cara atrás e para non desviar a ollada no futuro. Verbas que queren
facer da esperanza e do coñecemento un obxectivo humano perante a
deshumanización que estamos a vivir.
DOUS POEMAS
Perdín as sílabas nas
pucharcas
que semellan feridas na pel da
terra.
Sílabas de neve
de loito
de misterio
atopadas nos dicionarios do
esquecemento
para crear as palabras
da memoria.
Buscarei outras
no frío dos ollos que vixían
para que non se perdan as olladas da
esperanza.
Me cegó la luz
donde anida el sudor
de aquellos que
supieron luchar
en
un tiempo
de venenos
y
mentiras.
Callé, froté los ojos con mis dedos tímidos,
y me puse a escuchar
el anverso de las sombras.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO