TÍTULO:
Fábulas contadas
AUTOR:
Gonzalo Navaza
ILUSTRACIÓNS:
Orelí Pello
EDITORIAL:
Edicións Xerais
A
partir de 10 anos
Como
moi ben di Antonio Reigosa no limiar deste fermoso libro, Fábulas contadas,
de Gonzalo Navaza, “as fábulas seguen sendo útiles para avivar a esperanza
humana. Exaltan a natureza, combaten a prepotencia, o medo estéril e a forza
bruta, eloxian a intelixencia e a vida”. Non podo estar máis de acordo con
estas palabras. As fábulas avisan, poñen diante das persoas a súa estupidez,
critican os que fan do poder inxustiza e son divertidas e mordaces.
Gonzalo
Navaza escribe, en verso, co seu inmenso saber poético, algunhas fábulas ben
coñecidas. E faino coa mestría de quen coñece a forza dos versos ben empregados
e o humor que respiran estes pequenos relatos de intención moralizante.
Agradécese este exercicio poético que permite aos lectores e lectoras desfrutar
da música e do ritmo dos versos xunto á historia que se conta.
Quen
non coñece a fábula da raposa e as uvas? Pois na versión de Navaza resulta un
pracer. E remata así: “A fábula conclúe sentenciosa / que igual ca nesta
historia da raposa, / hai en todas as partes / moitos parvos renartes / que dan
en desprezar / as uvas que non poden alcanzar.”
E
vemos a ingratitude na fábula do aldeán e a cobra, percibimos como a cobiza
fura o saco na da galiña dos ovos de ouro; o pracer que se sente cando o
enganador acaba enganado que vemos nidiamente na fábula do galo e da raposa e,
dende logo, a importancia de ter unha certeza, mais, moito mellor, dúas
certezas.
Así
son as fábulas. Ispe o ser humano e amosan os seus defectos e tamén poñendo
riba da mesa as calidades morais positivas como a xenerosidade, a sensatez, o
esforzo ou serenidade entre moitas outras.
Gonzalo
Navaza consegue solventar moi ben os atrancos que escribir estas fábulas en
galego pode supoñer e faino cunha graza que nos encanta. As fábulas nunca nos
deixan indiferentes, convidan a reflexionar e non perden a vixencia porque as
custións morais do ser humano perviven a través dos séculos.
O
traballo de ilustración de Orelí Pello é magnífico, cun cromatismo variado,
dotado de vida que realza, con humor, o conxunto poético e estético. Esta
ilustradora francesa afirma que en Fábulas contadas usa recursos como a
metonimia ou a metáfora visual, xoga coa relación de escala, cos puntos de
vista e usa o branco para compoñer.
Fábulas
contadas é unha fantástica
proposta literaria que, sen ninguna dúbida, agasallará entretidos momentos aos lectores e lectoras.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO