TÍTULO: Plan de rescate.
AUTORA:
Antía Yáñez.
ILUSTRACIÓNS: Xiana Teimoy.
EDITORIAL: Xerais. Colección : Merlín.
Plan
de rescate é unha novela que vén avalada por ser a gañadora da
terceira edición do Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2019, convocado
polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de
Galicia.
A súa autora, Antía
Yáñez, estase a converter nunha das voces novas e comprometidas dentro da narrativa
infantil e xuvenil das nosas letras. Comprometida cun mundo mellor, inclusivo e
plural, onde as diferenzas sumen e non existan as etiquetas.
Antía Yáñez (Foto FdV) |
Trátase dunha historia que é contada por unha das
protagonistas, Noela, unha nena de dez anos moi curiosa e observadora que
xunto a Xeila, Héitor e Aldán,
compañeiros todos da aula de apoio,
aprenderán que grazas a amizade e ao traballo en equipo as dificultades se
superan moito mellor entre todos, a pesar das limitacións físicas ou psíquicas
de cadaquén.
Ao longo dos oito capítulos, escritos cunha prosa directa e
clara na que se combina o diálogo xunto á narración, o lector sentirase
cómplice non só dos actos senón tamén dos pensamentos e sentimentos dos
personaxes a través da vivencia dunha aventura na que por primeira vez, se van
converter nos heroes do colexio onde estudan. Todo comezou coma un día máis,
estando os compañeiros coa profesora na clase ata que se escoitou un ruído
estraño que fixo que desaparecese a mestra e que os alumnos tivesen que actuar
por si mesmos, enfrontándose aos seus medos.
As ilustracións de Xiana Teimoy céntranse sobre todo nos
personaxes aos que dota de vida.
Unha pequena mostra do dito:
Páx.19: “A Héitor
simplemente, en ocasións, dálle o mal[…]Faino sen querer. Non pode evitalo. O
seu cerebro envía ordes confusas ao resto do corpo…” “Ninguén sabe ben cal é a
causa. Tampouco importa. É típico da xente adulta intentar entendelo todo”.
Páx.25: “Cada persoa
ten os seus defectos, que lle imos facer, pensei”
Páx.56: “ Porque é
máis sinxelo anoxarse cos máis que con unha mesma”