Páginas

sábado, 24 de octubre de 2020

FAÍSCAS (2) "Víctor Jara: o dereito de vivir en paz"

 


Un dos maiores praceres que teño como xubilado é o de ler ata ben tarde e de escoitar música a partir das doce da noite. Nese intre, prendo a miña pipa e poño música para gozala en soidade. Ás veces tamén leo; outras, pola contra, déixome levar simplemente polas cancións do músico ou grupo que está a soar ou polos instrumentos dunha orquestra e, xa que logo, pola intimidade  da música de cámara. Gozo moitísimo deste tempo que transcorre entre o fume da pipa e a emoción da música escollida.

    Levaba un mundo sen escoitar a Víctor Jara. Hai uns días recuperei a súa luz nunha compilación moi completa da súa obra que mercara noutrora. Víctor Jara deixoume, unha vez máis, sen respiración. Non me estrañou que o fascismo, ao que se enfrontou, acabase con el: sempre estivo á beira do pobo oprimido, dos traballadores, dos pobres. E iso era máis, moito máis, do que o poder podía soportar. Este cantor, coa súa guitarra e con esa voz cálida e sinxela que lle saía da alma, estaba a dicir palabras moi directas na defensa dos oprimidos. Velaí o seu pecado.

     Tanto a vida e a obra de Víctor Jara van medrando para se converteren en transmisoras das súas vivencias e do compromiso fiel cos desfavorecidos. O cantor chileno dedicou a súa vida a loitar con honestidade contra a inxustiza social provocada polas elites poderosas que coutaban os dereitos máis elementais dos traballadores. Nas súas cancións e na súa actitude -ambas dunha coherencia sen límites- está a voz do pobo por unha razón indiscutible: Víctor formaba parte del. Non esqueceu endexamais a súa orixe campesiña e non se afastou nin un milímetro desas xentes que tanto amaba. Todo o seu cancioneiro está enchoupado de amor: de amor á muller, sen dúbida, pero tamén ao traballo, á terra e á loita. E como di o folclorista mexicano René Villanueva, Víctor Jara “representou decote ese amor profundo e universal, expresado sempre con sinxeleza e poesía”. E zumegando emoción, engadiría eu.

     Víctor Jara consegue nas súas cancións algo verdadeiramente difícil: crear unha atmosfera especial. Iso foi o que eu sentín con esa marabillosa presada de cantos á dignidade humana, palabras envoltas en música que me conmoveron unha vez máis. Son temas eternos. Son unha chamada que sentín dentro de min para lembrarme a imposible extinción da súa mensaxe. E contaxioume, unha vez máis, esa reivindicación constante, expresada con moito tino, nunha das súas cancións: o dereito de vivir en paz. Comprendín axiña que vou escoitalo máis veces neste remanso entre o fume da pipa e a emoción da súa voz ateigada da autenticidade que desprenden as súas verbas.

     E para estes tempos tan convulsos que estamos a vivir, a mensaxe de persoas como Víctor Jara convértese nunha necesidade incuestionable.

  


                                                          

                                                                                                                                         ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO