Páginas

martes, 20 de octubre de 2020

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXV) " Porque te quero", de Baldo Ramos

 




                                        BALDO RAMOS  ( Celanova, 1971)

   

 

 

ALTRUÍSMO

 

 

Hai palabras gratis

como ola.

 

Palabras que non costan nada

Baldo Ramos (Foto de Santos Díez)

como quererte.

 

Palabras que valen pouco

como mañá.

 

Palabras que saben a menta

como silencio.

 

Palabras que nunca dormen

como soñar.

 

Hai palabras que sempre volven

como eco.

 

 E palabras que nunca reclaman

como dar.

 

 

 

 

VIDA DE ACUARELA

 

 

O arco da vella

é unha piruleta de cores.

 

Amorodo os teus labios,

amarelo o teu pelo,

azul os teus ollos,

violeta o corazón.

 

O verde resérvoo

como a única excusa que teño

para estar sempre xuntos.

 

O arco da vella está feito

con todas as bágoas dos nenos

que nunca choran.

 

Amorodo o teu segredo,

amarela a miña voz,

azul o camiño de volta,

violeta a incomprensión.

 

Gardo o verde para pintar a chuvia

que dilúe o azucre do noso amor.

 

 

 

 

RENUNCIA

 

 

Vistes nalgunha ocasión

unha flor con sombreiro?

Presentación en Vigo. Febreiro, 2020

 

Quen non a teña visto

que non desespere.

 

As metáforas non sempre medran

nos invernadoiros.

 

Escribir unha flor

como quen esquece un segredo.

 

Levantar o sombreiro

como quen saúda

un saltón.

 

Se me dás a man

levareite moi lonxe.

 

Se non queres vir

ficarei contigo.

 

 

 

 

PRIMEIRO  POEMA DE ALDARA

 

 

Ollos de escuridade.

 

Mocos tristes de rato vello.

 

Abrazos de pólas verdes.

 

Un suspiro redondo coma o sol.

 

Polbo de mar doce.

 

O cariño do rinoceronte.

 



(Do libro Porque te quero, editado por Ed. Galaxia, 2019)