Antonio G. Teijeiro (Foto de Ricardo Grobas) |
Aínda que unha segunda vaga de contaxios está a producirse, o confinamento vivido a partir do mes de marzo foi moi duro, tanto pola redución de actos e de afectos, coma da incerteza de cando podía rematar.
Antonio García Teijeiro rememora nestas liñas o que para el supuxo eses día de enclaustramento forzoso.
Rúa do Príncipe, baleira a finais de marzo. |
Foi un tempo doloroso que,
na súa proxección, aínda non rematou. Difícil esquecer tanta morte, tanto
abandono dos anciáns, tanta hipocrisía, tanta desvergonza por parte da extrema
dereita –neste país non hai dereita homologable ao resto de Europa, agás as nacionalistas-,
tanto odio sementado na cidadanía por parte dos mesmos, tantos intereses dos de
sempre, tanta manipulación por parte dos “grandes medios” de comunicación (cada
vez menos grandes e rastreiros) e tanta cegueira dunha parte da poboación, carente
de sentido crítico e de cultura ética e política. Non, non imos saír mellores.
Por todo iso, e por moito
máis, este confinamento que sufrimos durante case tres meses foi para min un
suplicio. A incerteza do que a COVID-19
significaba, sumiume nun estado de ánimo que non recordaba.
Custábame concertarme na lectura, pero
seguía a ler. Custábame conciliar o sono e daba mil voltas inquieto na cama.
Non fun quen de escribir ata case o remate dese confinamento. Notábame
irritable e non vin un telexornal en todo este tempo. Con ler os xornais
dixitais tiña dabondo.
Ludwig Van Beethoven |
Nesta situación tan atípica, houbo,
ademais da lectura, tres actividades que me axudaron a non volverme máis tolo
do que un xa está normalmente:
-
Por unha banda, escoitei moita música.
Aproveitei para facer monografías amplas dos grandes músicos, das grandes
bandas e dos diversos xéneros que impulsaron o meu gusto pola música. Así gocei
de Bob Dylan e dos Beatles, claro, pero tamén de L.Cohen, Neil Young, David
Bowie, Patti Smith, Joan Baez,The Rolling Stones, The Who, Jethro Tull, Pink
Floyd, Creedence, Led Zeppelin, Kinks, Miles Davis, John Coltrane, Howlin´Wolf,
Muddy Waters, Beethoven, Schubert, Bach, Brassens, Brel, Ferré ou os
cantautores españois, en especial de Luis Eduardo Aute, tristemente falecido
durante este tempo tan negro.
Por outra banda, fíxenme socio dunha
interesante plataforma de cine e vin moitas películas de difícil acceso por
vías normais. Moito cine europeo descoñecido pero excelente, cine
latinoamericano e asiático. Todos os días, ás seis da tarde, Susi e mais eu,
diciamos: “Imos ao cine”.
-
E finalmente, o meu compromiso coa poesía
fíxose realidade a través de case 115 vídeos lendo os meus versos para que os e as docentes levasen ao seu
alumnado a palabra poética. Fun
consciente do tremendo esforzo do profesorado para levar adiante un labor
complicado, cuns medios exiguos e
facendo traballos que eran moi diferentes do que a maioría desexaba nesta
situación tan caótica. Outra, vez a administración galega actuaba con ningún
sentido que procurase a eficiencia. Pero isto merecería outro artigo. As
peticións chovíanme dende moitos puntos. Eu correspondía encantado. Vídeos para
mestras e mestres, para bibliotecas, escolas, xornais, diversas ANPAS,
editoriais, librarías, asociacións culturais, movementos sociais…Unha fermosa
loucura. Mentiría se dixese que supuxo un esforzo tremendo todo isto. Ao
contrario, esta actividade deume azos para sobrelevar a situación, para
sentirme útil e para verlle un sentido á miña vida nas terribles condicións en
que estabamos.
Con Martiño |
Neste tempo tan negro, doéronme moitas cousas
a nivel persoal, comezando polo afastamento físico coas persoas. Eu, que son
tan afectivo, sentía que me estaban a roubar eses bicos, esas apertas, esas
mans cheas de afecto que son unha parte importante da miña existencia. Deixando
á parte o dito sobre a oposición tan noxenta coma fonte de crispación, houbo
algunhas cousas que me prexudicaron de
xeito evidente. Entre elas, a cancelación da presentación de Presencias
marcadas y otras presencias, que se ía presentar no Club Faro en marzo,
unha chea de encontros programados en centros de ensino, a viaxe que en
setembro ía facer a Cuba para participar nunhas xornadas de LIX con escritores
hispanoamericanos. Pero especialmente, as familiares que me tiveron afastado de
persoas que quero e, sobre todo, a suspensión da viaxe dende os EE.UU. do meu
fillo, da miña nora e da miña neta Libby, que ían estar en Vigo un mes (viaxe a
París incluída). Isto é algo moi duro pola distancia que nos separa
fisicamente. Agora haberá que agardar un ano (e que non pase nada raro) para
poder abrazalos. Tremendo.
Susi con Libby en EE UU o ano pasado |
Luis Eduardo Aute (Foto Público) |
Remato afirmando que non imos aprender.
Virá unha época moi dura, na que a industria cultural vaino pasar mal como non
haxa conciencia política. E temo que non a vai haber. Grupos teatrais, músicos,
editoras, librarías, promotores de eventos, escritores e escritoras e demais
están atravesando unha situación dunha enorme dureza. E un arrubíase perante a
actitude de certas institucións, ás que non lles importa a cultura máis que
para figurar. Non asumen a riqueza da cultura de verdade, esa que manteñen os e
as artistas a base de moito sacrificio e sentíndose abandonadas completamente.
Moi triste realidade nun país,
Galicia, dunha gran forza cultural e innovadora, sempre dependendo do
voluntarismo da xente.
Receo desta sociedade que se deixa enganar
e manipular polos poderosos. Hai unha tremenda falta de educación cívica, de
cultura social e democrática. Vivimos nun país, España, que dista moito de ser
unha democracia consolidada. O franquismo pervive nas distintas institucións e
cada día que pasa crispa máis a convivencia, grazas ao apoio dos votos de tanta
xente que fai do acto de votar unha dependencia lamentable de certos partidos,
como se fosen equipos de fútbol.
Policarpo Sanz, a primeiros de abril |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO