Aínda que sen sabelo, eu, de pequeno, xa quería ser poeta. Xa daquela miraba
o
mar coma una colcha azul semellante á que cubría a miña cama. E pensaba que a
chuvia era o pranto das nubes. E dicíao cun descaro pouco habitual. Cando aos
oito anos una rapaciña me entrou polos ollos, xa estaba eu disposto a facerlle
uns versos. Ata coido que o intentei. Se nas estúpidas funcións escolares,
aquelas que tiñan lugar cada oito de decembro no meu colexio, tiña que
participar, eu desexaba dicir poemas por moi ridículos que fosen. Actos, por
certo que tiñan lugar nun Teatro García Barbón ateigado, cos pais e nais
emocionados perante as destrezas teatrais dos seus fillos. Si, eu xa quería ser
poeta dende a máis tenra idade. Talvez comezase a ser algo raro. O certo é que,
pasados os anos, case sen me decatar, cheguei a selo. Cando me chamaron “poeta”
por vez primeira sentín algo ben especial. De adolescente, xa había cousas que
me cheiraban moi mal. Para combater o que non me gustaba, escribía pequenos
xornais e poemas. Moi malos, xaora, porque non lía poesía. Eran berros de
inconformismo diante dun franquismo que me abafaba. Ao descubrir a poesía de
verdade e lela, todo cambiou para min. A
miña actitude vital principiou a ser distinta. Descubrín os poetas e as
esencias poéticas. Con Rosalía quería cantar a emigración (o meu avó fora
emigrante na Arxentina). Con Antonio Machado desexaba camiñar polos anchos eidos
casteláns. Con Lorca,compartía os devezos daquel neno que teimaba con ser de
prata. Con Rafael Alberti, anhelaba descubrir toda a poesía do mar.Con Celaya, comprobar
que a poesía era necesaria coma o aire que esiximos trece veces por minuto. Con
Celso Emilio, defender unha nosa lingua que me roubaran (lingua proletaria do
meu pobo) e amar a Moraima a través de acendidos versos (a quen cheguei amar,
por certo, e moito en persoa.
Así,
paseniñamente, fun convertendo aquel soño case inconsciente nunha deliciosa
realidade. Si, son poeta. Xa quería selo dende cativo pero non o sabía, porque,
coido, no fondo todos temos algo de poetas. O malo é que non o sabemos.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO