Mentres lía esta
marabillosa novela de Berta Dávila, o
lector pechaba os ollos e sentíase viaxando nun carrusel, coas súas subidas
e baixadas, coa alegría e a tristeza que, o que estaba a ler, lle producían.
Imaxinaba nesta novela, claramente de autoficción, que a autora – a quen o lector adora – estaba nun cabaliño á
beira del e enchía de autenticidade cada parágrafo que se lle cravaba no seu
interior.
Porque Carrusel, que así se chama a
novela, era algo máis que unha novela. Era a busca persoal dunha narradora que
facía da enfermidade, das desilusións, de certas contradicións un motivo para
seguir respirando.
O lector era consciente de que estaba a ler unha novela necesaria para quen a escribía. Unha novela de perdas, de procura constante da tranquilidade que precisamos todos para sortear os atrancos que a vida nos pon continuamente. En definitiva, de atoparse a si mesma para continuar no carrusel da vida.
A narradora está ateigada
de conflitos, persoais e externos, que a descolocan e que teñen orixe no pasado
e queren persistir no presente.
A narradora, pensa o lector, só comeza a sentirse plena
cando se decata que pode escribir.literatura. E na escrita acada o gozo que se
lle esconde día a día.
Carrusel é
un relato da vida. Unha vida complicada que a narradora tingue de poesía. De
reflexións profundas que a axudan a seguir cara adiante.
Son vivencias que deixaron
cicatrices na súa alma e das que quere repoñerse. E só a través da literatura e
da maternidade, finalmente conseguida, a narradora consegue dar sentido a unha
existencia cargada de pantasmas.
É unha novela, segue a pensar o lector, de enfermidade (familiar e
persoal), de loita continua que pon no futuro a meta a conseguir.Para iso, terá
que clarexar o presente.
A narradora quere comprender un pasado
turbio e só nese futuro, tras aceptar o presente, está a súa salvación.
A narradora precisa o acougo roubado polas
circunstancias que a apreixan. Mais non perde endexamais a esperanza porque
comprende que quedan situacións positivas para vivir.
É unha novela de superación das
adversidades – sobre todo as doenzas mentais que a condicionan -, de reverter
feitos negativos, de non deixarse vencer por todo aquilo que a fere.
Cando remata a novela, o lector está convencido de ter lido
unha historia fermosa e dura. Amable, ás veces, e que o chega a sacudir por
dentro.
Fica pensativo co libro
pechado. A narración deixouno exhausto, pero feliz porque albisca o horizonte
algo máis limpo.
Literatura tirada da vida.
Vida na literatura, sostén de luz que precisa para ser máis feliz.
E o
lector quere un pouco máis á autora do libro. Como debe ser.
Por iso decide, polo momento, baixar do
carrusel.