Páginas

miércoles, 8 de enero de 2020

MALORES VILLANUEVA ESCRIBE E FALA DE "Bicos e non balas", de Antonio García Teijeiro





TEXTO DE MALORES VILLANUEVA NA PRESENTACIÓN DE “Bicos e non balas”, de ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


Boa tarde amigas e amigos,
Hoxe convócanos a palabra, a poesía e a forza de Antonio García Teijeiro. O primeiro que debo é agradecerlle a súa confianza e xenerosidade por escollerme para dar a benvida a este libro-aloumiño. Xa hai uns meses que me dixo que lle gustaría quelle presentase o seu vindeiro traballo e ese día confésovos fun moi feliz, sentinme afortunada, pero hoxe aínda máis despois de ler Bicos e non balas.

     Este libro-aloumiño é un canto a prol da solidariedade, da paz, da xustiza, da infancia, un libro para reparar nas pequenas cousas, nos pequenos acenos que cambian o mundo. Unha obra que é chave ou mesmo porta entornada para entrar nun camiño cheo de tenrura, onde se transita entre a tristura e a esperanza.
Alborece nesta fraga,
alborece neste val,
mais non alborece nunca
para aquel que non ten pan.

     Porque Antonio García Teijeiro non mira para outro lado, sabe que non hai tregua para aqueles que sofren e pousa a súa mirada neles, dálle voz. Debuxa nos seus versos a tristura e somos quen de ver nitidamente os ollos dos nenos e das nenas e sentimos dor, unha dor punzante e dela só nos salva o amor e as letras.

Un neno fixo unha vez
un barquiño cun xornal.
Había tantas desfeitas
que á auga lle sentou mal.
As novas tanto pesaban,
que o barco se foi ao fondo.
O neno salvou as letras.
Con elas creou un conto.

     
Malores Villanueva
O mundo presentado coa súa crueza: as guerras, a auxe do fascismo, da xenofobia, en realidade, o desprezo aos pobres, a aporofobia que invade a sociedade e que vemos cada día nas noticias, que como di no verso pesan tanto que nos afunden. E fronte a iso a palabra e a fantasía, os contos para crear utopías, para soñar mundos posibles polos que loitar. Un mundo máis solidario con aqueles que se ven obrigados a deixar atrás as súas raíces. Os pobres tamén cantan, teñen un berro de loito, pero cantan, e a súa voz estremécenos e sentimos frío, moito frío. Sentimos desacougo que se mitiga cando os nenos pintan paraugas vermellos, unha casa de moitas cores, pero tamén bolboretas en branco en negro, porque os nenos de África que non teñen nada, teñen soños, aínda que o seu mundo llos negue. Estes días escoitamos falar dos Menores Estranxeiros Non Acompañados, e hai quen lle chama polas siglas, MENAs, porque así parece unha banda mafiosa e encóbrese que son nenos, nenos e nenas como os dos poemas de Antonio García Teijeiro, nenos e nenas que chegaron nun caiuco procurando “as fronteiras da paz”. Nenos e nenas que senten “a tristura do desarraigamento”, nenos e nenas que son estigmatizados por ollos sen sentimentos, por voces sen corazón. E ante tanta miseria é

Tempo de bicos
tempo de arrolos
tempo de apertas
tempo de soños.

     Fronte á pólvora magnolias, que escribiu o gran Ferrín, e fronte ás balas bicos, escribe agora o noso Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. A infancia no centro da súa obra e aquí está a que sofre, a que sabe o que é unha guerra, o que significa a morte, a destrución, a miseria, o medo... Están os nenos soldados, as nenas e os nenos refuxiados, as crianzas ás que se lle nega a educación, o futuro, aqueles que non poden camiñar por un campo sen pensar se haberá minas, os nenos e as nenas ós que non se lles permite ter infancia porque precisan traballar...

A lúa chove no río
e bica no corazón
de todos aqueles seres
que perden a súa voz.
A lúa chove no río
e no corpo dos meniños
que vagan de rúa en rúa
na busca dun aloumiño.

    
      Iso é o que debéramos darlle ós refuxiados, ós Menores Estranxeiros non Acompañados, a todos os nenos e as nenas que son vítimas de situacións crueis. Ante tanta indignidade que escoitamos cada día, ante eses discursos aporofóbicos, están as palabras, as palabras como armas para loitar contra as inxustizas e contra os que queren apropiarse dos significados.

     Así pois, este máis ca un libro, é unha arma poderosa coa que loitar, non é un adoquín, un paralelepípedo, é un artefacto cheo de esperanza para cambiar o mundo, para que os nosos nenos e nenas, que tamén sofren, sexan solidarios, recoñezana situación inxusta dos demais e sexan quen de reparar esa tristura con aloumiños e miradas cómplices. Como dixo Agustín Fernández Paz, o único que nos queda é o amor.
Nestes poemas está Antonio García Teijeiro en estado puro, como poeta, como lector, pero tamén como persoa. Un recoñece nestas páxinas as pegadas de Curros, de Celso Emilio Ferreiro, de Aute, de Bob Dylan, de Ferrín, de Iglesia Alvariño e de tantas lecturas que el acumula, porque para escribir cómpre ler e para transmitir tanta emoción cómpre sentila e ser boa xente, como el é.

     Dicía Gabriel Celaya que a poesía é unha arma cargada de futuro e se está nas mans de Antonio García Teijeiro esta poesía é o noso futuro e ten que chegar a todas as casas. El pide a paz e danos a palabra, porque agora son nosas, desta sociedade que está necesitada de referentes reais.

     Grazas Antonio por facer esta antoloxía poética na que mostras o teu compromiso inquebrantable coa sociedade. Grazas por facernos reflexionar e soñar e grazas por invitarme a compartir mesa contigo e con Paz, a miña querida amiga Paz, a paz é o que buscan estes versos e na lectura de Paz acadan de seguro toda a súa proxección, poucas veces os nomes das persoas din tanto, eu só vou engadir que a quero e que estou desexando escoitala. Bicos e non balas é un libro-aloumiño e entre Antonio e eu hai moito cariño, espero que hoxe o sentise e vós tamén. Este libro permítenos “tocar a tenrura que viste de seda as vidas máis duras”, agora está nas nosas mans.