Páginas

jueves, 26 de diciembre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (8) "Un conto siciliano e outras historias", de Estro Montaña



Ao lector non lle gusta demasiado a sociedade na que vive – e da que el forma parte -, pero despois de ler Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña, aínda lle gusta menos.
Tras gozar destes relatos inquietantes que mostran un mundo sórdido, cheo de persoas mesquiñas cun enorme poder, o lector permaneceu cos ollos pousados no teito do seu cuarto ensimesmado.
Deixouse levar polas canles do desacougo que os relatos contiñan e, non por sabido, rexeitou ese negro mundo que a literatura valente nos presenta.

    
Ao longo da lectura destes catorce relatos, o lector pasou por diversos estados de ánimo: da inquietude ao acougo, da dor á incerteza, da afouteza ao sometemento (literario, enténdase), da intriga a unha certa coherencia ética, normalmente derrotada.
Si, porque este é un relato de perdedores, de antiheroes. De mulleres que sofren a terrible maquinaria da violencia nas súas múltiples caras. Porque a moitos destes personaxes – homes e mulleres – lles custa moito respirar.Están fuxindo constantemente de enormes lousas que os/as asedian día a día. Viven en completa indefensión e son vítimas do destino.

     O lector non pode menos que aguantar a respiración perante eses exercicios despóticos de poder, de represión, de saldar contas, de fuxir do medo, de recuperar a liberdade individual coma seres humanos.

     Estro Montaña mergúllase neses espazos escuros da sociedade que están aí, todos o sabemos, para erguer cun nidio compromiso ético a súa voz e deixar un ronsel de sentimentos que se fan reais e íntimos pola axilidade e por unha voz literaria sen artificios, disposta a facer literatura sen límites.

     O lector, cando remata o libro, faise consciente desa viaxe que o autor lle propuxo a través duns contos que penetran ben fondo na súa pel e que non só non o deixan indiferente senón que o removeron por dentro experimentando as sensacións máis punxentes.

     De novo, pensa o lector, a literatura asume a vida como obxectivo fundamental. Triste e feliz, a un tempo, o lector pecha os ollos e afasta do seu lado certas fauces destrutivas dese animal chamado mundo. Pero a súa felicidade só vén dada pola lectura da boa literatura.
Polo demais… uffff!




martes, 24 de diciembre de 2019

VERSOS E ALOUMIÑOS deséxavos un Ano 2020 cheo de luz e de xustiza social cun texto de Antonio García Teijeiro


O                               VERSOS E ALOUMIÑOS deséxavos...



O neno recolleu do chan
unha camelia branca, branca.
A nena ollou cara ao ceo e
imaxinou unha pomba branca, branca.
Ámbolos dous pousaron as súas olladas
no horizonte.
Ao principio, tiveron medo.
Mais logo, colléronse da man e
principiaron unha andaina cara adiante
coa certeza de quen saben que sempre
haberá camelias e as pombas non deixarán de voar.


                                                                                                Antonio García Teijeiro.



viernes, 20 de diciembre de 2019

ESCAPARATE POÉTICO (CXXII) Gonzalo Hermo








                               GONZALO HERMO (Taragoña. Rianxo, 1987)



O PÁRAMO ábrese entre a uz
vai deixando paso á forma da planicie.

Nós contamos con calma as criaturas do bosque
Gonzalo Hermo (abc.es)
facemos catálogos extensos de cifras e ausencias.

Dalgunha maneira, interpretamos.

Pero o espectro da paisaxe é un camino de pedra,
un rebumbio de insectos que vai coa calor
cara ao lado do bordo que dá en dternos.

Arde un corazón pola banda do nordés:
a sombra do desastre axítanos a boca.




NON SABEMOS AÍNDA que recendo, que forma, que textura

se o areal ou pedra na marcha que nos leva co río ao mar,

ao final deste camiño que vai ardendo.

Apenas sentimos a calma dunha convicción:

que onde achemos silencio haberá ruído

esperando encontrar

o oído que o escoite.






ESTE É O ROSTRO que elixín,
o nome que manexo cando
avanzo.

Que direi  desta paisaxe que non cheira.

Aquí non se pode amar. Non hai movemento. Hai hábitos e ruína]
e un remanso de brións a rentes da peneda
que agardan do verán
que veña bravo

para secaren por fin

como se non houbese nunca unha pedra ou un río.

Quen adormece neste punto sabe do traxecto. Consiste en espertar
de cada volta en terra estraña
cando veñan de caer as últimas certezas

e reste soamente a vertixe da aventura.

A un paso do bordo,
tempo de invernada e luz de túnel,
albor,
na única evidencia que nos queda:

para volver nacer xustamente
é necesario algún xeito preciso de morte.
Algunha forma rotunda de extinción.

Como se maio aterrando de repente para incendialo todo.

Como se aquí,
nun golpe de remos desde o outro lado,
puidésemos saudar finalmente
a primavera



TES A IDADE da túa pel,
pero a memoria é vella de máis para entendelo.

Repetirei o teu nome cando sexas outro
para evocar
aquilo que perdín e amei fondamente.

A linguaxe dura.
Presentación de "Celebración"

Os corpos son





NON TEMEMOS a morte.

Levámola dentro.

Celebrámolo.



(Do libro Celebración, editado por Apiario, 2014).

martes, 17 de diciembre de 2019

NOVA COLABORACIÓN DE ANTONIO G. TEIJEIRO NO CÍES PODCAST: NA COMPAÑA DE… Rafael Alberti

Esta semana cúmprense 117 anos do nacemento de Rafael Alberti, e por iso esta entrada non podería vir mellor. Non hai moito, Antonio García Teijeiro principiou unha nova colaboración mensual no CÍES Podcast de Rafa Valero e Guada Guerra que, baixo o título xenérico de Na compaña de… vai lembrar a relación persoal que Antonio mantivo con persoeiros do mundo da cultura que significaron moito para el. E a primeira entrega está adicada, precisamente, a Rafael Alberti.

Ao longo da súa conversa con Rafa e con Guada, Antonio rememora as circunstancias que o levaron a coñecer a Alberti aló pola década dos anos oitenta e relata algunhas anécdotas moi interesantes que conta por vez primeira nos micrófonos deste podcast vigués. Ademais, escolle e recita algúns poemas de Alberti, un poeta necesario que, por desgraza, ten hoxe moita menos presenza da que debería ter no ámbito escolar e nos medios de comunicación.

Podedes escoitar esta primeira entrega de Na compaña de… nesta ligazón a partir do minuto 39 e prestade atención a vindeiros capítulos do CÍES Podcast, nos que mes tras mes Antonio dará continuidade a esta sección.



-->                                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

viernes, 13 de diciembre de 2019

Entrevista con Antonio García Teijeiro no Faro de Vigo: "Á RAPAZADA HAI QUE QUITARLLE PRESIÓN"

Co gallo da recente publicacion da antoloxia Bicos e non balas, Antonio Garcia Teijeiro foi entrevistado na seccion Faro Educa do Faro de Vigo por Selina Otero. Unha entrevista interesante e chea de boas preguntas na que, amais deste novo libro, Antonio ten a oportunidade de falar de temas como a paz, os adolescentes e a lectura, internet e as novas tecnoloxias ou os valores presentes na nosa sociedade actual, entre moitos outros. Na edicion en papel soamente apareceu unha pequena parte da entrevista, a que pode accederse na sua totalidade a traves desta ligazón. Agardamos que vos resulte de interese.



martes, 10 de diciembre de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (66) "Quokka Moka", de María Solar





TÍTULO: Quokka Moka.


AUTORA: María Solar.



ILUSTRACIÓNS: Víctor Rivas.


EDITORIAL: Xerais. Colección: Merlín.



A xornalista e escritora María Solar estase a converter nunha das voces salientables dentro da nosa LIX pois nas súas achegas ao lectorado infanto-xuvenil latexa un transfondo social que convida á reflexión, que leva os seus lectores a formularse moitas situacións reais. É pois unha literatura comprometida coa sociedade e que aposta por un futuro mellor, máis plural e equitativo.

    
María Solar
Quokka Moka
é unha fábula que nos fai reflexionar sobre a convivencia entre as  mesmas e as diferentes especies, sobre a vida individual e social, facendo fincapé na importancia de asumir as consecuencias dos nosos actos e a súa repercusión nos demais que nos rodean.

     Quokka Moka é a protagonista e pertence a unha especie que presenta un trazo único no mundo animal, sempre sorrí. Aínda que esta particularidade non se corresponde co seu estado anímico, pois, ás veces, está triste ou enfadada pero o seu rostro mantén un sorriso. Ao longo dos 14 capítulos imos descubrir como Quokka sen querelo, pero grazas ao seu comportamento egoísta, insolidario e despreocupado vai provocar que a súa especie case se extinga. Por iso a súa avoa decide levala con ela nunha viaxe ata o Antiuniverso  para que se decate da importancia dos actos, do engano que supoñen as aparencias e o necesario que é a amizade, a xenerosidade e o respecto.

    
Ilustración de Víctor Rivas
O feito de que estea escrita cunha linguaxe clara, directa, expresiva e adubada con grandes dose de humor, fai que os lectores máis novos se identifiquen coa historia.
As ilustracións coloridas e vivas de Víctor Rivas están en sintonía  co ton textual.


Páx.110: “…estabamos todos reunidos dentro para decidir botala do tobo por insoportable, rabuda e egoísta…”

Páx.125:  “Eu serei sempre a túa amiga. Dáme igual o que sexas. Sabes canto te quero”

Páx.142: “Pero agora tamén lle importaban outras cousas e outras persoas…As cousas normais tíñanlle importancia, e tamén respectaba o que era importante para outros”


                                                                                                                                        ALBA PIÑEIRO



sábado, 7 de diciembre de 2019

DARDO POÉTICO (LXI) "Cos SEIS POEMAS GALEGOS de Federico García Lorca á miña beira"




Levo a Federico García Lorca onde queira que eu vaia. Si, a rentes de min decote.
     Vén comigo, cando viaxo, a xeito de antoloxía poética, libros sobre a súa persoa, conferencias, determinados títulos da súa obra ou algún tomo da súa poesía completa.
     
Escribín con el, sentindo a súa influencia máxica en Nova York, en Ugena, en Buenos Aires, en Mondariz e nalgún que outro lugar nestes dous últimos anos. Xa antes, nos meus poemarios aparecían homenaxes explícitas ao poeta de Fuente Vaqueros. Non é ningunha moda: é unha fidelidade dende que lin a súa poesía por vez primeira. Dende que Paco Ibáñez  lle puxese música e lle dedicase a metade dun disco compartido con Góngora.


     

       Sinto a Lorca moi fondamente. Sempre a sentín. Aínda lembro algunha conversa con Rafael Alberti en Madrid e en El Puerto de Santa María, cando, con toda a naturalidade do mundo, nos contaba que Federico dicía, que Federico o chamara, que Federico… Nós, a miña muller e mais eu, ficabamos engaiolados porque ese Federico de quen contaba anécdotas, ese Federico que ría de calquera cousa era García Lorca. El contábao coma se fose onte, ou antonte ou a semana pasada. Case nada. E o agarimo do poeta gaditano por Federico era enorme.
 
Con Alberti en Madrid
      O amor que sinto por Lorca, pola súa personalidade, pola súa lírica é complicado de explicar con palabras. Sempre retorno a Lorca, como a Rosalía, Alberti, Machado, Miguel Hernández, Cunqueiro ou Celso Emilio entre outros.

    

     Estivemos tres semanas nos EEUU. E os Seis poemas galegos do poeta granadino viñeron comigo. E na conferencia que dei na Universidade de Tennessee saíu (como non!) Lorca e tiven que explicar a miña relación coa súa poesía.

 Como dicía, Lorca veu comigo nesa edición marabillosa que me agasallou na capital arxentina Quique Alvarellos xunto a outro libro que me encheu de ledicia como galego: El gran viaje de estudios de García Lorca, unha marabilla de edición de Alvarellos, que inclúe as cartas e os escritos do propio poeta e que está contada polo seu compañeiro Luis Mariscal. Unha alfaia.


      A edición dos Seis poemas galegos que tirou do prelo Alvarellos Editora é unha edición facsimilar da Editorial “Nós” (Compostela, decembro 1935) que leva o prólogo de Eduardo Blanco Amor, ademais de incluír, comentadas, as fotografías do poeta en Galicia.


          Di Blanco Amor que lle treme a man – e a ánima – ao poñela sobre estes versos, que xa nos nacen reliquia, para botar máis aló ou traer máis acá “un desmandado apóstrofo”. Pero nada máis ca iso.
E engade o autor ourensán que “a naturalidade destes poemas foi pulcramente respectada”.

  
Blanco Amor
Non podía ser doutro xeito, afirmo eu, porque se lle quitas a naturalidade aos poemas lorquianos deixan case de pertencerlle.
Imaxino a emoción de don Eduardo cando lle chegou, un día calquera da súa amizade, cunha presada de versos galegos. Aínda traían no tenro da súa brandura recén modelada, o movemento arbitrario dunha grafía nerviosa de riscadas, curvas e engadidos; plástica da inspiración; movemento case involuntario da man, agarrotada por esa eléctrica torrenteira, discontinua, que, ao baixar dos miolos ata os dedos, se apodera de todo canto poida estremecerse na nosa carne.

     Imaxino si, esa emoción, de axudar a incluír a Lorca na nosa literatura galega e máis cando o propio poeta, tras recoñecer que tiña ben lidos a Curros e a Rosalía, lle pide a Blanco Amor – case llo esixe – que sexa el quen ordee, edite e prologue estes poemas.

     Hai que felicitar a Alvarellos Editora por estas publicacións serias e necesarias. Non é a única que hai no mercado, pero estes Seis poemas galegos, nesta edición, dá gusto saborealos unha e mil veces como me acontece a min.

     E para que lle tomen gusto a este Lorca galego, poñemos deseguido, neste dardo poético, dous dos poemas do poemario e gocemos, unha vez máis, deste poeta universal. Un poeta do que moitos nos sentimos ben orgullosos de que puxese o seu talento nuns poemas no noso idioma.


Madrigal á cibdá de Santiago

Chove en Santiago
                                                      meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu amor.


Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol:
Ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.





Noiturnio do adoescente morto

Imos silandeiros orela do vado
para ver o adoescente afogado.

Imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pro mar.

Súa i-alma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e d’herbas.

Ágoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.

O vento deixaba camelias de soma
na lumieira mucha da súa triste boca.

¡Vinde mozos loiros do monte e do prado
para ver o adoescente afogado!

¡Vinde xente escura do cume e do val
antes que ise río o leve pro mar!

O leve pro mar de curtiñas brancas
onde van e vén vellos bois de ágoa.

¡Ay, como cantaban os albres do Sil
sobre a verde lua, coma un tamboril!

¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río m’o leva para o mar!




                                                                                                                                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO