Dá gusto escoitar a Chus Pereiro. Mestra de E.P. leva ben
anos arredor do mundo da lectura, da literatura e do teatro.
Precisamente, convén salientar dúas pezas
publicadas na colección Merlín (Ed.
Xerais) que demostran as súas inquedanzas teatrais: ¡Mamasiña, que medo! e Restaurante
Farruco.
Chus Pereiro |
O texto que leu Chus foi excelente, moi
ben exposto, intelixente, didáctico e moi esclarecedor sobre a obra presentada
e sobre o autor da mesma. Unha presentación fantástica.
Dado o enorme interese que suscitou en nós a súa
lectura,solicitámoslle o seu escrito para publicar en Versos e aloumiños e
Chus, moi xenerosa, envióunolo, algo que lle agradecemos moi de corazón.
Gozade, pois, dun gran texto e dunha obra
imprescindible para os amantes da boa literatura en galego.
Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro, en Vigo |
Presentación para o libro “Da
Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e mocidade
en lingua galega” de Miguel
Vázquez Freire.
Librería Librouro, 7 de novembro de 2019
Boas tardes a todas, a todos.
Moitísimas
grazas por vir.
Compráceme estar aquí hoxe
dando a benvida a este libro de Miguel
Vázquez Freire, coñecido escritor, crítico e comentarista .
Penso que non esaxero se digo que a aparición deste libro era imprescindible. A LIX de hoxe, xa definida e consolidada per se, vive un momento de oferta de textos tan numerosa, en cantidade e calidade, que está a ocultar os seus clásicos. Fronte a eso, este libro é un remedio e unha vacina contra o descoñecemento e os falsos prexuízos, porque aquí está a orixe de todos os libros: os máxicos, os fantásticos, os aventureiros, os realistas, os didácticos, os rebeldes, os ilustrados… todos os que teñen pervivido de xeración en xeración.
Diríxese a obra aos chamados mediadores ou
comunicadores da LIX (familias,
educadores), persoas que teñen un papel clave á hora de presentar ou
graduar as lecturas, imprescindibles na comunicación literaria que se establece
entre un escritor adulto e un lector infantil.
Miguel Vázquez Freire. (Foto Ed. Xerais) |
Manuel Bragado, Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro |
Amosa o autor o seu desacordo coas
versións que rachan a esencia dunha obra cunha falsa infantilización,con
enfoques moralistas ou de falso proteccionismo da infancia, conomisión de temas
tabú referidos ao sexo ou á morte. Concordo con el. Penso que esas prácticas
amosan un total descoñecemento e un menosprezo cara o mundo da infancia.
Desenmascara así versións dos clásicos
que introducen aspectos sexistas que os orixinais non teñen (véxase o bico do
príncipe a Brancaneves). E son graves, porque é o sexismo actual o que nos
ten que preocupar. Se o sexismo de tempos pasados ten unha
contextualización, é o sexismode hoxeo que non pode ter xustificación. Se temos que ser firmes vixiantes no tocante aos
roles de xénero que poidan aparecer nos clásicos, penso que é importante que as persoas adultas, educadoras ou
mediadoras, fagamos fincapé na observación dos mesmos. A necesaria formación da conciencia crítica na lectura non impide o disfrute dun
texto. A sobreprotección nunca é boa receita. Era unha vez… Hai moito tempo…
son as palabras clave que inician os contos clásicos. Eis a
contextualización inicial dun texto no seu propio tempo.
Roald Dahl |
Valora
tamén o autor o mundo da ilustración (Maurice Sendak, Luis Seoane), defendendo o que é o equilibrio
imaxe- palabra coma un todo artístico.
Logo de analizar cada texto
literario, aparecen no libro notas de versións cinematográficas e as súas
referencias (aquí descúbrese tamén un bo cinéfilo), valoracións de
ilustracións, informes de sitios web, versións
en banda deseñada e referencias
bibliográficas, editoriais ou musicais.
Pode que na escolma dos
textos e autores falten algúns, seguro, e o tempo o dirá. O que si está claro é
que non hai un que sobre. Estes clásicos traspasaron os tempos e traspasaronas
linguas. E, dado o seu valor universal, a cultura galega non só non prescindiu
deles, senon que fixo xa marabillosas aportacións que temos que promocionar con orgullo.
Esta é unha obra que supón unha aportación clara e práctica
para valorar as obras da LIX. É una guía maravillosa para orientar lecturas cun criterio crítico e de calidade.
Parabéns, Miguel, porque fixeches
un bo traballo.
Chus Pereiro