TÍTULO: Agora non, Bernardo.
AUTOR: David
McKee.
TRADUCIÓN: Xosé
Manuel González.
EDITORIAL:
Kalandraka. Colección: Tras os
montes.
O ilustrador e escritor inglés, David McKee, creador do coñecido elefante de cores Elmer e toda
unha colección coa que os lectores máis novos continúan a gozar á vez que son
quen de percibir outra ollada do mundo circundante, preséntanos Agora non, Bernardo, creado en 1980 e
agora, case corenta anos despois da súa publicación Kalandraka recupera este clásico da LIX e achégallela aos lectores
galegos grazas á tradución de Xosé Manuel González.
Álbum
ilustrado necesario porque invita á reflexión, sobre todo dos adultos que
demasiadas veces, debido, en parte, ao ritmo vertixinoso do traballo e
tamén á rapidez con que muda todo na
sociedade actual, se esquecen ou deixan en segundo lugar o fundamental da vida,
como o afecto, o agarimo, a conversa, a palabra ben dita e sentida e como parte
imprescindible do coñecemento e equilibrio emocional fronte á soidade, ao
materialismo e á indeferenza.
Bernardo é un
cativo que busca ser o centro de atención e que os seus referentes, os seus
pais lle fagan caso, pero estes están máis ocupados nas cousas cotiás e
materiais ca no esencial da vida coma o xogo compartido, a conversa, o
contacto... en definitiva, a grandeza das pequenas cousas, que nos permite
tocar a felicidade e sentila coma algo máxico. O autor válese do humor, xogando
cun toque surrealista para deixar patente a cara da indeferenza a partir da
secuenciación de escenas reais en cores e personificadas que rematan do mesmo
xeito: Agora non, Bernardo. Os nenos son pequenos pero decátanse inmediatamente
das incoherencias, do desapego, por moito que as súas necesidades primarias
coma a comida, a roupa ou o cuarto e a cama estean presentes.
Libro que contén
varias lecturas, varios niveis segundo sexa a idade do lector, pero en todas a
porta da reflexión está aberta.
As
ilustracións son coloridas e dan forma e vida aos personaxes realistas que
reflicten escenas da vida cotiá perfectamente identificadas polos lectores máis
novos.
ALBA
PIÑEIRO