O
lector nunca deixa pasar a oportunidade de ler cada nova obra
que Andrea Maceiras tira do prelo. E
Conta nove estrelas Non ía ser a excepción. De feito, non o foi.
Gústalle ao lector o mundo literario
desta escritora coruñesa que ateiga de humanidade cada novela que publica.
Por iso, o lector deixouse levar, como viaxeiro dunha nave espacial da
Galaxia de Oma, pola aventura que viven dous seres – tres, en realidade - que
os vai levar a desafiar os límites do universo coñecido.
O lector viviu ben interesado nun libro de aventuras intergaláctico. E axiña comprendeu que Quepi, Udai e algún personaxe máis rematarían tocando a súa fibra sensible cando a acción comezase a desenvolverse.
Xa no principio aparece a figura do avó
dos rapaces, Acasi, que vive con eles en Dot, un planeta tan bonito coma
inhóspito onde ninguén quere quedar.
E aí xa comeza a tenrura
que a autora expresa cara a esas persoas maiores que tanto dan e demasiadas
veces tan pouco reciben.
O lector sempre amosou un
agarimo especial polos anciáns e anciás. Prodúcenlle esa tenrura que Andrea
Maceiras mostra nesta novela.
Pero cando o lector coñece a Quepi, fica engaiolado polas características
desta rapaza marabillosa que pensaba que non era quen de percibir a natureza e
angustiábase por iso.
Quepi é unha nena diferente que conversa
coas rusgalias e a quen lle gusta sentirse libre de cando en vez. En soidade,
agochada, ocúpase das cousas do fogar mentres Udai e o avó marchan traballar.
Quepi, pensa o lector, representa a diferenza. Ser diferente é un problema en
calquera sociedade. E a nena da melena turquesa, érao e desexaba ser útil por
unha vez na súa vida. Sentíase monstruosa e torpe e sufría porque pensaba que
todos tiñan que cargar con ela.
E foi o bobó, un animal perseguido e
teoricamente destutivo, quen vai cambiar boa parte do comportamento de Quepi.
Mais tamén lle dará enormes problemas que irán superando xuntos.
O
lector participa activamente nos diversos atrancos que os protagonistas teñen
que superar. Activamente porque sente no seu interior a necesidade de botarlles
unha man e que deixen de sufrir perante tanta circunstancia adversa.
O
lector, coma os protagonistas da novela tamén queren chegar á Estrela
Dormente. Quere coñecer a historia dese pobo antigo como o Universo. Ese pobo
pacífico que vivía en paz e foi atacado polos habitantes dun planeta veciño e
tivo que elixir entre loitar e fuxir.
E ao
lector véñenlle á mente traxedias de pobos que ao longo da historia tiveron
que sufrir o éxodo das súas terras.
O lector séntese triste e,
á vez, feliz de comprobar que na Estrela Dormente hai vida, lugares por
descubrir e posibilidades para seguir soñando.
E aí, nese lugar, a diferenza de Quepi
anteriormente, Udai séntese verdadeiramente raro. E non quere deixar pasar a
oportunidade de ser, por unha vez, o diferente.
O
lector emociónase cando cara ao remate do libro le: “Que sempre exista algo que nos faga diferentes, pero que nunca
esquezamos que todos provimos dun mesmo, enorme e único latexo.”
O lector pecha o libro.
Pensa nas diversas reflexións do mesmo e volve ser feliz e non sabe se, por
influencia da novela, está a sentirse diferente el tamén.