TÍTULO: Somos os
monstros.
AUTORA: Paula
Carballeira.
ILUSTRACIÓNS: Ignacio Hernández.
EDITORIAL: AGADIC e Edicións Xerais. Colección:Biblioteca Dramática Galega.
Somos os
monstros é
unha obra teatral que foi coeditada pola Axencia Galega das Industrias
Culturais, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e Edicións
Xerais de Galicia, na colección Biblioteca Dramática. Esta obra vén avalada por
ser a gañadora do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018.
A súa autora, a escritora e actriz Paula Carballeira, é unha persoa ben coñecida dentro do panorama da
LIX, tendo cultivado diversos xéneros literarios para diferentes idades pero
sempre cun transfondo social, humano, que convida á reflexión. E Somos
os monstros non é unha
excepción.
Trátase dunha peza teatral composta por doce escenas
pequenas e cun elenco de personaxes xenéricos fixos (Nena, Neno, Monstro grande, Monstro pequeno, Pai e Xente) que
representan a todos os do seu xénero, pois a autora afonda na súa psicoloxía e
amósanos como, no fondo, os monstros e os humanos non somos tan diferentes.
A partir dunha trama sinxela (Nena e Neno pérdense de noite
no bosque queimado no que estaban xogando e aparecen os monstros) e artellada
cunha linguaxe clara, directa, expresiva e non exenta de humor, substentada
sobre todo nos diálogos dos personaxes, créase un universo simbólico onde o
humano e o fantástico se unen cando cae a noite e xa non se sabe quen é o
monstro e quen o humano, pois ao fin, todos buscan a convivencia sen prexuízos.
Ademais plantea o tema do medo nas diversas vertentes: medo
ao descoñecido, á escuridade, á soidade a través da figura dos monstros,
pero...Quen son os monstros?
E tamén permite abrir portas a novas lecturas sobre temas
actuais: relacións pais-fillos, a importancia do xogo compartido, do respecto e
coidado do noso medio natural e das diferentes especies para lograr crear un
futuro mellor, plural e solidario.
Páx.36:”Monstro
pequeno:Eu son un monstro pequeno que busca grandes medos”
Páx.44: “Monstro
grande: Comemos o que nos deixades. Vivimos onde nos deixades. Aparecemos cando
nos deixades. Fostes vós quen escollestes o día, os camiños sen silveiras.
Sodes vós quen asustades os vosos fillos e as vosas fillas. Nós só estamos e,
ás veces, xogamos.”
Páx.59: “Nena: Podemos
ser estraños, diferentes e perigosos.”
Páx.61: “Nena:
Cadaquén vive onde pode ou onde lle deixan.”
ALBA
PIÑEIRO