Páginas

martes, 18 de junio de 2019

"Compromisos en voz alta. Cara á nitidez", crítica de Román Raña sobre "Pasando as follas do tempo", de Antonio García Teijeiro en FARO DE VIGO

Román Raña fala sobre o poemario na presentación no Club Faro




No suplemento literario “Faro da Cultura” do Faro de Vigo, o crítico, profesor e poeta Román Raña, escribe sobre a antoloxía poética Pasando as follas do tempo, de Antonio García Teijeiro.
     Versos e aloumiños faise eco da mesma e publícaa para que o lectorado deste blog-revista poida coñecela.





Compromisos
en voz alta
Cara á nitidez
  
ROMÁN RAÑA

Antonio García Teijero (Vigo, 1952),
é sabido de todos, gañou reputación
nacional e internacional coa súa literatura
dirixida a un público infantil e xuvenil.
A obtención dos máis importantes
galardóns (o Premio Merlín e a lista
de Honra do IBBY polo seu aclamado
Na fogueira dos versos, o prestixioso
Pier Paolo Vergerio, o Nacional de Literatura
Infantil e Xuvenil, pola obra Poemar
o mar) así o acredita. Mais esta exitosa
faceta eclipsou a súa produción
poética dirixida a un público adulto.
Por iso a publicación dun libro como o
que hoxe comentamos, Pasando as follas
do tempo. Antoloxía poética (1987-2017), resulta máis que necesaria.
O volume, magnificamente editado por Belagua, con pinturas de Xulio G.
Rivas e prologado por Juan Carlos Martín Ramos (un verdadeiro estudo
que analiza, en pormenor, toda a traxectoria literaria do noso poeta),
mostra unha selecciónde textos realizada por M.ª Jesús Fernández
e Alba Piñeiro coa colaboración
do prologuista.
Podemos afirmar que toda a
produción de García Teijeiro,
desde o inicial Parolando
coa vixencia (1987) até o inédito
Faragullas de luz (2014), mantén dous compromisos. En primeiro lugar,
como o autor ten declarado, coa oralidade,
quérese dicir, a poesía debe poder
ser declamada en voz alta. O contacto
co auditorio faise inescusábel
fundamentándose na musicalidade e
na repetición vocabular (paralelismos
e anáforas). En segundo lugar, un compromiso co desacougo interior perante as inxustizas do mundo.
Deste xeito, polas súas páxinas decorren
tristuras e desafectos, máis tamén gozos
e indignacións ante as derivas
dunha sociedade que o desconcertan
e o descontentan.
Román Raña e Antonio García Teijeiro
Finalmente, notamos unha evolución
do noso autor cara á nitidez e á
transparencia nas súas últimas obras.
Os poemas fanse breves e, con iso, máis
intensos. A mensaxe esencialízase, como
podemos comprobar nestes versos
que expresan unha dolorosa pureza: “A
luz/que/vomita/esta fiestra/vén sendo/
unha razón máis/para afastar/dun
home confuso/as sombras/que se citan
coa morte”.


GARCÍA TEIJEIRO, A., Pasando as
follas do tempo, Ed. Belagua, Vigo,
2019, PVP. 16