Páginas

martes, 28 de mayo de 2019

TEXTO DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO ACTO DE APADRIÑAMENTO DOS CURSOS DE 3º DE PRIMARIA DO CEIP "CARLOS CASARES", DE VILARIÑO (NIGRÁN).




Apadriñar unhas aulas dun centro escolar é, á vez, unha honra e un compromiso.

     Os que cremos na importancia da lectura nos pequenos, estamos nunha loita continua para que descubran os tesouros que os libros gardan no seu interior. Libros vivos. Libros abertos. Libros con maxia. Libros que nos fagan felices, que nos emocionen, que nos interesen.
     Ter apadriñado as clases de terceiro de primaria do CEIP “Carlos Casares”, de Vilariño (Nigrán), resultou un fermoso acto festivo arredor dos meus libros, arredor dos meus versos. Unha festa, colofón dun curso escolar de gozo literario, que abrangou todo o colexio, dende infantil ata sexto de primara. Un labor do día a día que me amosaron felices o alumnado e mais o profesorado do centro. Unha implicación total. Un traballo en conxunto, como debe ser. Algo que non se realizou para ese día, senón que o pasado mércores foi a mostra final das ilusións desfrutadas durante os meses de curso.
     

     Unha homenaxe que agradezo moi fondamente. Un acto de agarimo á poesía que non poderei esquecer endexamais.
     Como padriño, escribín un texto para que o garden e o teñan presente acotío. Tras lelo, sentín a inmensa satisfacción de quen  funde sentimentos propios e alleos.
     O texto podedes lelo de seguido. Quixen que Versos e aloumiños o mostrase coma lembranza e, ao tempo, coma testemuño dun acto memorable.
     Que vos guste.



Prezadas nenas e prezados nenos de 3º curso de Primaria do CEIP “Carlos Casares”:

Hoxe sinto un enorme orgullo de apadriñarvos en algo que, para min, é marabilloso: a vosa andaina pola literatura, polo camino dos versos e comprobar a vosa felicidade porque sentides ben dentro o pracer da lectura.
     Nestes tempos que corren non é doado sentirse libres. Non é doado ser tolerantes. Non é doado ser sensibles. Non é doado aceptar a diferenza. Non é doada a igualdade de xénero, o respecto. Hai moitos atrancos para exercer a xustiza social e danse a miúdo  certas situacións que non se deben producir.
     Por iso, hoxe sinto que xa levades un camino andado a través  da palabra poética. Porque tedes que saber que eu son quen son grazas a esa palabra; unha palabra que me permitiu coñecerme de verdade e coñecer mellor o mundo que me rodea.
     A palabra poética é algo que quero compartir con vós. Anímovos a que nunca deixedes de ler. Anímovos a ter ben preto un libro aberto acotío. Un libro para comprender mellor todo o que vos rodea. Un libro para gozar da beleza, para desfrutar coas historias e cos versos. Un libro, en definitiva, para comprender que a lectura é un dos  sendeiros máis necesarios para ser mellores persoas e afianzarvos nun mundo que non vos vai agasallar nada.
     Deixádevos acariñar pola brisa do aire. Escoitade o rumor do río coas súas palabras de auga e de lúa. Cabalgade sobre o vento para gozar das cousas fermosas que debemos descubrir.Hai moitas. Non esquezades trazar co dedo as vosas ilusións no mapa dos desexos secretos. Non deixedes de soñar. E, cando vexades que chora o mar, apreixádeo e transmitirlle a vosa sensibilidade e ateigádeo de bicos. Deixade voar a vosa imaxinación. Que non vola coute ninguén e lembrade algo que levo ben anos dicindo: todos somos poetas.
     Procuremos a beleza. Desterremos o inxusto, o violento, o feo das nosas vidas e fagamos da literatura, da poesía, unha maneira de entender a vida.
     Coa axuda da literatura e o agarimo do voso profesorado estou seguro que ides acadar moitos dos obxectivos que vos marquedes.

     Grazas polo voso agarimo.
     Quérovos.

                                                                      
                                             Antonio García Teijeiro (o voso padriño)
                                              Maio, 2019