Páginas

lunes, 2 de octubre de 2017

DARDO POÉTICO (L) "A navegación poética de Xohana Torres"




Coñecina hai ben anos cando, por iniciativa de Carlos Casares, botou a andar o PEN-Club. Xunto ao propio Casares, Xohana Torres,Alfredo Conde, Ursula Heinze, Helena Villar, Xesús Rábade, Modesto Hermida e outros tivemos unas xuntanzas moi ricas e interesantes.

Xohana Torres, primeira pola esquerda (abaixo) e eu, segundo pola dereita, ao lado de Casares.
     
          Xohana Torres, a quen admiraba dende había tempo, destacaba pola súa clase, polo seu espírito integrador, pola súa serenidade. Fiquei impresionado notando nela, ademais, unha humildade exemplar. Ameina axiña.
Xohana Torres

     Cando gañei o Premio Merlín, alá polo ano 1996, soou o teléfono un día, mentres xantaba na miña casa. Era Xohana Torres que me felicitaba e me daba as grazas por incluíla nese diálogo con poetas que eu amaba (e sigo a amar) que é Na fogueira dos versos. Alguén lle comentara que a representante do xurado do certame lera en voz alta, precisamente, o poema no que eu dialogaba cos seus versos. E a ela emocionouna este feito. A min, o seu.
     
     Un detalle máis da súa xenerosidade e dunha humanidade evidente.

     A través dunha amiga, fíxenlle chegar, xa neste último ano, a antoloxía da miña poesía para mozos e nenos, Un rato díxolle á lúa.
     
     Nunca endexamais deixei de ler a Xohana  Torres. É unha desas poetas (coma Lorca, Alberti, Rosalía, Machado,  Celso Emilio, Juan Ramón, Manuel Antonio…) á que volvo cada certo tempo. O seu rigor formal e conceptual, ese emprego que da palabra fai para amosarnos as esencias máis nidias do ser humano.  


     
     Sedúceme esa lembranza poética  que nos amosa as vivencias íntimas e sociais dunha terra  aos que amamos os espazos vitais da palabra cando estes son auténticos. A voz da experiencia levada á poesía a través de experiencias persoais que nos permiten emocionarnos, porque as facemos nosas. Unha poesía, a súa, que vai sinalando os camiños percorridos e por percorrer dos seres humanos; uns camiños que ela traza con mestría e cunha forza emocional que penetra en cada lector sen pedir permiso e que aceptamos encantados.

    Por iso e por moito máis, esta pequena homenaxe a unha muller que non deixou de navegar por  mares tan diversos coma profundos. 
     Dous poemas para seguir queréndoa.
     Dous poemas para seguir léndoa.

 


Poema, Amado meu,
Vello Señor da Auga
que perpetúa o xogo da orela.

Cada simple palabra afirmará
sentenciado clamor,
máxica furna escura.

                                 (De Tempo de ría, 1992)
                   


SUEIRO

Cando fuxa non quero fuxir soa.
¡Que agoiro, xeme, ponla, se non chegas a froito!
O alcipreste chora porque creceu único.
Nada máis que é por iso.

Cando sexa
quero ter sido Eva
en ducias de mazás, árbores madureiras;
que alguén teña escalado a miña cova
con ollos ben abertos;
que unha música espida, rexa, miña,
sinxelamente viva noutro exemplo.

Cando fuxa,
espírito no sol, nun vran ideal de rosas,
a miña xustiza sexa emanación: Xurrar. Xurrar
como xurran os días enchéndose de tempos;
xurrar, un xurrar desta espontaneidade,
de femia para fillo, evolución de Terra e mais de xetos.

Cando fuxa, (si, morrer, si, pero en vento irto)
que unha boca longal, toda de neno, tatexe sen respostas,
a elexía das nais, solagada nun berce de silenzo.


                                                                   (De Do sulco, 1957)




                                                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO