Páginas

martes, 23 de mayo de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (24) "A cazadora de estrelas", de María Canosa.





TÍTULO: A cazadora de estrelas.


AUTORA: María Canosa.


ILUSTRACIÓNS: Dani Padrón.


EDITORIAL: Edicións Xerais. COLECCIÓN: Merlín.





A editorial Xerais achégalles aos lectores A cazadora de estrelas, que vén avalada por ser finalista dous anos consecutivos (2015 e 2016) do Premio Merlín de Literatura Infantil. A súa autora María Canosa estase a converter nunha das voces a destacar dentro do panorama da LIX na nosa lingua.

          Desta vez a súa imaxinación creou un mundo fantástico perfectamente crible para os nenos lectores pois, aínda que exista a profesión de cazar estrelas e que unha egua sexa a túa mellor amiga, tamén reproduce condutas humanas, tanto positivas (amizade, tenrura, respecto…) coma negativas ( envexa, avaricia,crueldade…) recoñecibles dentro do seu mundo.

     
María Canosa

     Megumi, a protagonista, non é unha cazadora normal. Destaca pola súa intelixencia e habilidade á hora de lanzar as frechas. A ela encántalle o seu traballo e sente moito respecto por cada estrela que caza, de aí que as coide e lles dea agarimo. Comparte con Turrón o gusto pola caza pero tamén o seu sentido da honradez e cumprimento das normas que establecen as leis da comunidade onde viven. Isto non lles impide denunciar as inxustizas e non desistir ata atopar a solución aos problemas que non permiten  a realización dos seus soños.

     A través dunha prosa fluída, onde o mundo científico e a ficción se mesturan, descubrimos ao longo de vinte capítulos curtos a importancia do esforzo, a honestidade  e a responsabilidade xunto coa forza do amor e da amizade para poder vencer calquera obstáculo na vida.

     


     As expresivas ilustracións de Dani Padrón complementan o texto, dándolles vida aos personaxes e creando unha atmosfera plástica acorde co ton textual.


                                                                                                       ALBA PIÑEIRO