Un novo artigo de Manuel Veiga. Un novo motivo para reflexionar. Un novo espazo para definir gustos e apreciacións culturais.
Os artigos deste magnífico escritor
sacoden os lectores e lectoras. Non deixan indiferente a ninguén. Semellan
desconcertar a aqueles que non están avisados sobre o peculiar carácter crítico
do que Manuel Veiga desenvolve neles.
Son artigos para pensar. E, tras pensar,
darle a razón completamente ou en parte. E tamén para estar en desacordo.
En Versos e aloumiños estamos ben
orgullosos destas colaboracións que, para nós, posúen un valor extraordinario.
E os lectores e lectoras deste
blog-revista, encantados polo enfoque deste home intelixente que escribe textos
intelixentes.
Leámolo unha vez máis e ordenemos os nosos
criterios.
Gústanos a lectura ou gústannos certos
libros concretos?
Manuel Veiga Taboada
Hai poucos días,
encontreime cunha muller, de certa idade, que me dixo que non lle dedicaba
ningún esforzo aos libros, pero que, a cambio, lle gustaba moito a ópera.
Quedei sorprendido. Pouco despois, puiden ler, na contraportada de Faro, as
declaracións dun psiquiatra que afirmaba que, debido á internet, agora a xente
le menos ou non le nada. E, por último, case o mesmo día, a miña filla de
dezaseis anos confesoume que a ela e ás súas amigas lles gustaban moito as
series e que ver series equivalía hoxe a ler libros.
Non discutín ningunha destas apreciacións,
pero sentinme incómodo. Incómodo porque cada vez desconfío máis das
xeneralidades. Comprendo que é válido realizar contundentes afirmacións a prol
do amor, das viaxes, da lectura, da liberdade, etc., pero creo que estas mesmas
palabras nos soan cada vez máis baleiras e, en bastantes casos, dan a impresión
de servir de coartada. Ademais, que significan en realidade? Parece difícil
encontrar alguén que diga que non lle gusta a música, o cine ou as viaxes. Ler,
é certo, custa un pouco máis.
Todo isto pode acabar parecéndonos superficial.
Acaso, cando falamos de amor, non pensamos nun momento concreto, nunha persoa
concreta. Entendémonos, sobre todo, a través de circunstancias particulares.
Son elas as que de verdade conseguen que sintamos e que nos identifiquemos con
algo. Proust dicía que unha obra de arte debe ser individual, aínda que ao
principio non captemos a súa beleza.
A min gústame a palabra “situacionismo”.
Creo que os humanos vivimos situacións, entendemos a vida a través delas.
Gústannos algúns libros, algunhas películas, certas cancións. Segundo o
momento, o estado de ánimo e a calidade da obra.
Por suposto, as abstraccións son
importantes. A capacidade para elaborar conceptos xerais é unha característica
dos seres humanos que os fai superiores a outras especies. Pero estou en contra
de utilizar os valores xerais como desculpa ou como explicación que apenas
explica nada.
Volvendo ao inicio. Calquera das tres
experiencias que mencionei daría pé, sen dúbida, a un debate. É máis, estes
debates están moi de actualidade. Pero creo que serven para aclarar pouco,
precisamente porque son demasiado xerais. Por exemplo, eu diríalle á miña filla
que prefiro certos libros a certas series e tamén viceversa. Hai películas que
son mellores que as novelas que as inspiraron. E tamén hai moitos exemplos nos
que ocorre o contrario.
Non me nego a facer comparacións. Aínda
que, con frecuencia, resultan inxustas, tamén se pode aprender algo delas. Pere
Gimferrer escribiu un libro ilustrativo no que compara o cine e a literatura.
Comparando unhas artes con outras, uns medios e outros, descubrimos certos
secretos técnicos que despois nos axudarán a desfrutalas. A ópera é unha arte
moi completa e, polo tanto, un logro difícil. O psiquiatra, entrevistado en
Faro, esquece que na internet o que facemos, fundamentalmente, é ler. Outra
cuestión sería determinar en que aspectos a escritura virtual vai modificar o
estilo da escritura e da lectura en papel. Tamén a novela substituíu, no seu
momento e en certos usos, a poesía. Ou tal vez sería mellor dicir que a prosa
restoulle espazo á versificación.
Son todos eles aspectos interesantes. A
realidade case sempre é máis accesíbel en termos concretos. A nosa intelixencia
permítenos filosofar, pero é o concreto o que nos fai sentir.