Páginas

miércoles, 15 de febrero de 2017

A LUZ DAS PALABRAS (66) Antón Riveiro Coello



Antón Riveiro Coello é un dos escritores que máis me gustan da actual literatura escrita en galego (e, sen dúbida,de máis alá do Padornelo).
     Admiro a súa prosa cálida e, á vez, sinxela, coidada, pulcra retoricamente. E o seu estilo elegante, comprometido coa literatura por riba de todo.
     Fascíname a súa ambición literaria, a súa mestría para artellar historias, a fondura dos seus personaxes.
     
Antón Riveiro Coello
     Riveiro Coello é quen de facer literario o cotián, o familiar, a procura do pasado, porque consegue mostrar a vida e os seus recunchos dun xeito directo e intelixente. Un séntese cómodo no seu universo creativo, á vez que se decata de que está a falar de persoas que te rodean.
     

A lectura de Laura no deserto, d´As rulas de Bakunin,de Casas Baratas, Os elefantes de Sokúrov, A ferida do vento ou a recén descuberta, A esfinxe de Amaranto, produce unha emoción tan intensa que é quen de transportar o lector ás costuras máis chamativas da conduta humana.

     Ter uns textos seus  A luz das palabras é un verdadeiro acontecemento, ademais dunha honra para o noso blog-revista. Todo xenerosidade, Antón agasallounos dúas narracións curtas, dúas alfaias, para gozar, unha vez máis, da súa calidade literaria. 
                                       E nós estamos profundamente agradecidos.



XULIO GARCÍA RIVAS. "Paisaxe". Acrílico sobre táboa


                                                                                                                           Cortinas


                                                                                                   Antón Riveiro Coello


María pasaba horas enteiras mirando aquel matrimonio que non usaba cortinas. A súa vida era coma un programa aberto de televisión. Tiñan as súas rutinas e María afíxose a elas. Non perdía detalle. Sabía das quendas para cociñaren, das horas de ida e volta ao traballo, dos  momentos axeitados para o amor, dos tempos dos seus sonos... Chegou a coñecer tanto aquela intimidade que, por veces, xa se sentía parte desa familia. Mais un día o home desapareceu e a muller, triste, pasaba menos tempo na casa e era doado vela chorar a fío no cuarto, no salón ou na cociña. Había noites que ela tampouco volvía durmir á casa. María abriu varias sospeitas, desbotando, iso si, unha separación traumática porque vía que se levaban e non tiña a percepción de os ver rifar endexamais. E non se equivocou porque, ao cabo dun par de semanas, o home volveu á casa, co aspecto desmellorado, totalmente calvo. Estaba enfermo e comezou a pasar os máis dos días encamado, coa compaña da muller sempre cabo del, coidando del con agarimo. A súa doenza tiña que ser moi grave porque un día deron en chegar persoas, talvez amigos que, individualmente, quedaban un chisco con el. María entendeu que aquilo era unha despedida. E ela sentiu a necesidade de o facer tamén. Sabía que era unha tolería, aparecer alí, de súpeto, para expresar un pesar que descubriría a súa vixilancia. Pero ela non era unha descoñecida. Tíñano que entender. Despois de todo, ela era coma da familia. E, empurrada por esa idea, baixou as escaleiras e cruzou a rúa. Mais, cando estaba diante da porta, un acceso de xuízo termou dela e obrigouna a recuar. Arrepentida, volveu á súa casa e estivo a se laiar pola súa covardía. Como non tiña con quen compartir a súa mágoa, chamou de noite á radio, a ese programa dos insomnes, e alí contou a súa triste historia. Ese desafogo axudouna a pegar no sono e ficou máis tranquila. O malo foi que ao día seguinte, mentres se espreguizaba e se achegaba á fiestra, puido ver como a veciña, subida nunha escaleira, colocaba as cortinas.


XULIO GARCÍA RIVAS. "Xardín da penumbra". Tinta chinesa sobre papel




                                     O imitador


                                                                                                   Antón Riveiro Coello



A loucura de Marcelino aproveitaba o lecer para o seu pasatempo favorito: imitar. Esculcaba calquera veciño, observaba ben os seus acenos, apenas cruzaba con el algunha que outra frase circunstancial, reparaba na modulación da súa voz, na forma dos beizos e, de alí a un nada, decidíase e cravábao de tal maneira que, se pechabas os ollos, podías ver na súa voz a persoa imitada. Era un momento de inspiración feroz no que a emoción lle deformaba o seu propio rostro para se desdobrar no do outro. Era coma unha transformación camaleónica que transcendía a propia voz que vibraba nos seus beizos. Algo do outro sempre se proxectaba fisicamente nel e, todo, sen facer ningún tipo de espavento. Daba a sensación de que o imitado se convertía nunha especie de ficción.

Atrevíase tamén coas mulleres, pero neses casos había certa impostura na voz, coma se fose un ventrílocuo en plena actuación.  

Ao primeiro, facía graza. Co tempo, todos fuxiamos un pouco del e non nos gardabamos de lle dicir o pesado que era porque adoitaba entremeterse nas conversas para resolver na súa voz oxidada a dos demais.

Co paso dos anos, a xente da vila deixou de se abraiar con esa habelencia e Marcelino sentiuse tan rexeitado que, dun día para outro, desapareceu e marchou vivir cun irmán que tiña en Barcelona. E non volveu até pasaren máis de trinta anos, engurrado e cunha artrite que lle impedía grandes pasos, pero cunha cordura que non tiña no momento de abandonar a vila. Xa poucos o lembrabamos. E foi daquela cando os máis mozos, que non o coñecían, deron en se preguntar quen diaños era o vello que, agora, todas as noites, recibía na súa casa a visita de familias enteiras que querían escoitar a voz esquecida dos seus defuntos.

Con Antón Riveiro Coello o día da presentación da súa novela "A ferida do vento"