Páginas

martes, 14 de febrero de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (12) "Fred Quincalla, o nómade do mar", de Teresa González Costa





TÍTULO: Fred Quincalla, o nómade do mar.

AUTORA: Teresa González Costa.

ILUSTRACIÓNS: Marina Seoane.

EDITORIAL: Edicións Xerais. Colección: Sopa de libros.



Edicións Xerais achégalle ao público infantil esta fermosa historia da man dunha escritora ben coñecida no panorama da LIX das nosas letras Teresa González Costa.
 
Teresa González Costa

          Desta volta preséntanos a Leopolda Diéguez unha prestidixitadora das palabras que crea para o seu amigo, cociñeiro e fuxitivo da inxustiza  o Gran Gogol, a historia do autómata Fred. E así ,seguindo a tradición oral dos conta contos, viaxamos ao mundo do noso protagonista Fred. 
Ilustración de Marina Seoane

     Este é un autómata que vive na Illa Mecánica onde todos os seus autómatas habitantes son perfectos: os seus físicos e as súas obras non teñen ningún tipo de erro. Tampouco coñecen o significado de palabras coma o medo, alegría ou tristura. Pero non aturan a Fred porque el é imperfecto, tanto no seu aspecto externo (feito de anacos de madeira e metal dun afundido barco pirata), coma na súa maneira de ser: gústalle ler, pensar, dialogar. Ao decatarse de que non encaixa, Fred decide marchar en busca do seu sitio. Deste xeito percorrerá diferentes illas e vivirá aventuras nas que coñecerá en primeira persoa a inxustiza, a intolerancia ou a envexa pero tamén o valor da amizade, a constancia e o esforzo cotián para conseguir sentirse a gusto co que un é e ser, deste xeito, feliz.

     Teresa González Costa cunha linguaxe clara, directa e non exenta de humor (nos nomes e nas situacións) perfectamente captado polos lectores infantís, reivindica un mundo máis xusto, onde o código de actuación sexa polos méritos persoais, non polas aparencias, onde a discriminación non exista e a pluralidade sexa a suma dos diferentes elos que conforman a engranaxe da vida.
 
Ilustración de Marina Seoane
     As ilustracións evocadoras, fermosas e vivas de Marina Seoane dotan de cor a vida dos personaxes e complementan o ton textual.



                                                                                                                                                 ALBA  PIÑEIRO