Foto: Anxo Cabada
Metidos no complexo mundo da lectura nos rapaces e rapazas, un comeza cos anos a ter máis dúbidas das que tiña ao principio.
Foi fundamental para min a lectura.
A miña vida cambiou e enderezouse entre libros.
Cada volta dáme máis pudor afirmar o que antes afirmaba cunha rotundidade absoluta. Quero fuxir dos "absolutos".
De aí que recupere este artigo que publiquei hai certo tempo n´A Nosa Terra. Un texto para continuar pensando e dubidando.
DÚBIDAS
Leo na revista CLIJ unhas palabras de
Liliana Heker, escritora e directora
do Fondo
Nacional das Artes de Arxentina, nas que afirma que “a
lectura, moitas veces, obrou en min sinxelamente como un refuxio e como un
consolo”.
Eu levo ben anos predicando (como
din os meus bos amigos Xabier DoCampo, Paco Martín e David Otero) as excelencias da lectura.
Levo ben anos en contacto con alumnos/as, con ensinantes, bibliotecarias
ou promotores de lectura tentando convencelos dos beneficios indiscutibles da
literatura. Anos e anos de reflexión continua (e tamén de dúbidas) para contaxiar
o meu amor pola palabra escrita a tantas persoas dispostas a caer na rede dos
meus argumentos. Canseime de dicir que a literatura divirte, relaxa, estimula.
Que provoca pracer, esperta a sensibilidade, alenta a imaxinación, desenvolve a
capacidade crítica no lector e introdúceo en novas realidades e experiencias.
Sempre mantiven que un bo libro pode favorecer a madurez psicolóxica dun
neno, ademais, se cadra, de fomentar actitudes de tolerancia e solidariedade.
Todo isto pode soar demasiado grandioso, demasiado transcendente. E xa dubido destas
afirmacións que noutrora me parecían incuestionables.
Hai quen afirma que o importante é que o lector ou lectora goce lendo
con calquera tipo de libro. Non o sei.
Cada día teño máis dúbidas. Do que si estou seguro é de que, por desgraza, o
acto de ler non nos fai necesariamente mellores persoas, pero nesta experiencia
intensa, variada e rica que é a lectura, un séntese máis libre e comprometido
coa dignidade que a miúdo desprende a palabra literaria.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO