Hai moito de vida na
literatura de Xavier Estévez
(Bruxelas, 1969).
E de sentimentos, de compromiso coa
sociedade, de psicoloxía do neno/a, de agarimo polas palabras.
Hai moitísimo amor ao lectorado neste
docente cheo de inquedanzas, que ama fondamente a radio, o teatro e a literatura.
Non hai demasiado que rematei O
corazón da maxia (Ed. Xerais. Merlín. 2015) e encantoume. Mestura de realidade
e maxia nunha historia tenra , na que unha rapaza, Laura, que ten doce anos e
unha doenza e está no hospital, cando mellora tenta facer felices aos outros
nenos da planta co seu pano de pirata na cabeza. Magnífica.
Agora, agárdame sobre a mesa de noite Todos os soños (Tambre. Ala
Delta.2015), para volver entrar no mundo deste interesante escritor nacido na
capital belga, pero coa súa vida vencellada a Vigo dende hai ben tempo, cidade onde
traballa como mestre.
Supoño que se comprenderán perfectamente
as razóns que existen para que a súa voz sexa escoitada en Versos e aloumiños.
Non houbo máis que pedirle a luz da súa
palabra e aceptou gustoso cun texto magnífico sobre a razón que o leva a
escribir. Unha razón que é, nin máis nin menos, "ser feliz".
Lédeo co pracer que estas liñas merecen.
Escribir… por que escribir?
O día que rompín
o xeonllo choveu a mares. Coma se tirasen auga con caldeiros. Eu tiña trece
anos.
Lembro volver a
casa amodo, á pata coxa, coma se fose un xogo. O instituto quedaba a uns vinte
minutos e tardei hora e media. Para cando cheguei estaba completamente
enchoupado.
....pero tamén tivo 5 anos |
A casa estaba
baleira. Quitei a roupa, estomballeime no sofá e esperei a que alguén me
recomendara un analxésico. Eran outros tempos. Ao médico non o vin ata o día
seguinte. Non había présa, dicían meus pais.
Lembro ese día,
entre outras cousas, porque foi un dos días máis felices da miña vida.
Meus pais foran
mercar unha máquina de escribir para ese fillo que non deixaba de pedila. Unha
Olivetti Lettera 35 que aínda repousa nalgún recuncho da casa, collendo po coma
outro feixe de lembranzas. Con ela, con aquela máquina que esixía máis atención
que un fillo, os meus escritos deron un paso cara diante. Ou polo menos eu
pensaba que si.
Escribo dende
que teño uso de razón, penso, pero aos doce, trece anos a cousa xa non tivo
volta atrás. Pasaba as horas dándolle ás teclas, recollendo en folios agora
amarelados polo tempo as historias que rebulían na miña cabeza. Así era feliz.
Eu vivía nun mundo de libros do que ás veces os meus amigos me rescataban para
irmos xogar ao campo ou ás rúas. Sempre lin moito, e iso levantaba un vento
creativo en min do que non me era posible fuxir. Sentarme a escribir era a
única forma de serenar o remuíño que era eu na adolescencia.
Historias que
comezaban e ás que logo perdía o rastro eran moitas. Comezaba unha e logo
pasaba a outra co ritmo ao que miña cabeza imaxinaba. Todas esas historias
inacabadas andan por aí e agardan, supoño, a que algún día lles dea a súa
oportunidade. En caixas descansan, durmidas as follas, esperando o seu desxeo
de primavera.
Historias
longas, historias curtas, e tamén contos, poemas e mesmo cancións, que
xermolaban dos libros que me absorbían, en moitos casos de mitoloxía. O meu
mundo fantástico que se foi tecendo a base de Tolkien, de Ende, e de moitos máis.
O certo é que os libros foron a arañeira da que nunca souben escapar, cousa da
que non me arrepinto. Como un non se arrepinte tampouco das amizades.
Agora, sigo
escribindo. Roubo cachiños de tempo porque o corazón dime que os personaxes
queren saír, desexan vivir. E a miña vida, como sempre foi, segue sendo unha
suma de lecturas, de historias que narrar e de realidade, que é o que sucede
entre ambas.
Boto a vista
atrás e decátome da sorte que tiven. Por moitos motivos. Os meus pais, que non
ían sobrados de estudos, sempre me animaron. Souberon darme as ás que eu
precisaba. Outro, maior quizais, foi nacer nunha familia literaria. Supoño que
todas as familias o son, en maior ou menor medida, e a miña o era. Ao longo dos
anos foi sumando sucesos que ben poderían dan para unha ou moitas novelas.
O meu tío
Ricardo, que marchou de adolescente a Uruguai cunha maleta de cartón que algún
veciño lle emprestara. Ía de polisón nun daqueles transatlánticos que cruzaban
o océano, non podía ser doutro xeito. Máis tarde, o resto dos meus tíos tamén
collerían camiños similares cara medio mundo. E moitos por aí seguen.
A miña nai, que
coñeceu ao meu pai despois de derrubalo da bicicleta dunha boa pedrada. Amor ao
primeiro golpe, diría.
A miña familia é
así, curiosa, xa vedes.
Mesmo eu
atesouro algunhas historias que tamén darían moito de si entre as páxinas dun
libro.
Os meus
primeiros sete anos compartíamos cuarto toda a familia: meus pais, meu irmán e
máis eu. O pequeno cuarto dun pequeno apartamento, que de pequeno ben podería
ter sido unha caixa.
Gardo na memoria
aquelas interminables viaxes en coche dende Bruxelas para pasar uns días na
casa dos meus avós en Lalín. Viaxes que para min eran “comer, durmir e
continuar”. Para a miña visión infantil só era unha sucesión de estradas baixo
un sol implacable, unha rutina esgotadora.
E enfiando
historias a vida fluíu e foi pasando. Algúns rostros marcharon, outros
chegaron, e tras os momentos malos houbo outros dignos de seren lembrados.
Iso é vivir,
non?
E no meu caso
vivir é ler. Vivir é escribir. Todo é o mesmo. Todo está unido.
Cando decidín
amosar o que escribía tivo que ser obrigatoriamente o que facía para nenos. Por
que? Tal vez porque nunca esquecín o neno que fun, ese que sentaba no xardín da
biblioteca que había a carón da escola nos días de primavera para ver cómics,
xa que aínda non sabía ler; ese que mercaba cómics de superheroes no quiosco
que había preto de casa; ese que lía as agochadas pola noite coa luz dunha
lámpada…
Sempre quedará
esa sensación de felicidade ao atopar un bo libro, de mergullarse nas súas
páxinas, se seguir os pasos do protagonista por mil e unha aventura. Sempre
penso que se consigo facer que un só neno se sinta así terá valido a pena. Así
que escribo para eles e tamén para min, para ese Xavier que tiña dez anos e que
segue comigo, moumeándome ao oído as historias que lle gustan.
Teño escritos
para adultos tamén, claro, que queren ver a luz mais non hai présa. De momento
o que fago, faime feliz.
Ese é o motivo.
Escribir… por
que? Simplemente porque me fai feliz.
Xavier
Estévez